A Xunta prohibe plantar ecualipto ata 2025 (con matices)

0

O pasado venres, 22 de maio, entrou en vigor a nova Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia, que se publicou a véspera no DOG. Esta norma persegue reactivar o uso de terras abandonadas e facilitarlle base territorial abonda a aquelas explotacións que a precisen para traballar. Porén, a norma tamén establece a prohibición de novas plantacións de eucalipto desde agora até o remate de 2025 salvo contadas excepcións que, en todo caso, requiren autorización previa por parte da administración. Quen tivese pedido -e concedido- permiso para plantar antes da entrada en vigor da lei terá de prazo até o 2 de xullo para completar os traballos nos termos en que a Xunta lle dese a autorización.

A nova normativa da terra vén modificar varios artigos da Lei de Montes de 2012, precisando aínda máis algunhas cuestións, como por exemplo a prohibición de plantar esta especie en chan rústico de especial protección agropecuaria e en zonas de concentración parcelaria agrícola, ou cambiar montes de frondosas para replantalos de eucalipto, ademais de esixir autorización previa para todas as plantacións de máis de 5 hectáreas.

A LRTAG, porén, introduce varias excepcións: estarán autorizadas  as repoboacións dentro dun plan de ordenación que resulte aprobado e tamén naqueles casos en que unha persoa propietaria teña unha masa dominante de eucaliptos con máis da metade da superficie ocupada por pés maiores desta especie -cun diámetro maior de 7,5cm- e queira trasladar ese uso a outra parcela, dedicando a orixinal a confíferas ou frondosas caducifolias.

Se se trata de parcelas ocupadas maiormente por eucaliptos que se queiran replantar fará falla autorización previa se a ocupación con esta especie é superior ao 50% e inferior ao 80% do total da masa. Porén, se temos unha plantación de eucalipto dentro da legalidade e a cortamos, poderemos volver plantala coa mesma especie. Segundo aclaran desde a Xunta, a lei pretende evitar que se incrementen sen xeito nin maneira as extensións de eucalipto, pero non se prohíbe continuar con ese aproveitamento en montes que xa tiveran esa especie. Iso si, sempre que as plantacións se axustasen á normativa do chan e de prevención de incendios en canto a distancias.

Cómpre ter en conta, por último, que a moratoria do eucalipto estará vixente en principio ata decembro de 2025, pero pode ser modificada antes desa data segundo os resultados do inventario forestal continuo de Galicia que está elaborando a Xunta. Esta medida xa está en vigor, de maneira que desde o pasado sábado 22 de maio xa non se poden plantar eucaliptos, salvo que se contase con autorización anterior para facelo (nese caso o último día para ter rematados os traballos será o 2 de xullo).

Ante calquera dúbida, o mellor é consultar antes dirixíndose á Oficina Agraria Comarcal de Ferrol -981 337 049- ou chamando ao 012 (981 900 643 desde móbiles para que non se apliquen tarifas adicionais).

Novas figuras para mobilizar terreos
Segundo a Consellaría do Medio Rural, a lei busca “poñer a producir terras abandonadas e infrautilizadas achegándolles base territorial suficiente a aquelas explotacións que a precisan”, tal e como indicou o conselleiro do ramo, José González, nas xornadas sobre esta norma celebradas o venres na EGAP.

Con esa finalidade créanse novas ferramentas, como son o banco de explotacións -que se suma ao xa existente do banco de terras- de cara a facilitar o relevo xeracional a través da intermediación da Xunta entre quen queira xubilarse e quen queira iniciar ou ampliar a súa actividade; os polígonos agroforestais promovidos por iniciativa pública ou privada para recuperar terras abandonadas; as agrupacións de xestión conxunta de tipo agrario ou forestal e as aldeas modelo, coas que se pretende dinamizar a actividade agrogandeira ao redor de núcleos de poboación co obxectivo de que eses aproveitamentos tamén fagan as veces de cortalumes.

LEI 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

 

Share.