A Xunta empeza a adaptar a normativa estatal para controlar a couza guatemalteca da pataca

0

O Diario Oficial de Galicia deste venres 10 de marzo publica a resolución que adapta o decreto estatal para a erradicación da couza guatemalteca da pataca. Poucas novidades con respecto ao xa sabido, aínda que algunhas hai e moi reseñables: recordatorio da prohibición de plantar desde o 5 de marzo -data de entrada en vigor do decreto do ministerio-, declaración como “zonas tampón” da totalidade do territorio de Moeche, Cerdido, As Somozas, Cedeira e Cariño e unha faixa de 5 quilómetros terra adentro doutros concellos limítrofes cos de corentena, obriga de arrincar e destruír patacas sementadas e obriga tamén de eliminar tanto sementes almacenadas como patacas de autoconsumo que aínda nos queden gardadas da colleita do ano pasado. Con respecto a esta última cuestión o DOG publica un modelo de documento que se deberá cubrir para declarar canta semente e canta pataca da nosa temos gardada para comer. Un papel que se une ao xa publicado en febreiro para dar conta das leiras sementadas con pataca de cedo. E aí vén outra novidade importante: a declaración de superficie sementada debe facerse, segundo a normativa, antes do 1 de abril. Iso si, fontes da Consellería do Medio Rural insisten en que, de momento, non se arrinque nada nin se destrúa ningunha pataca almacenada, posto que nos próximos días se porá en marcha un protocolo ordenado ao que se lle dará cumprida publicidade.

A Xunta xa anunciara hai uns días que a partir de agora se irán publicando resolucións coas medidas concretas que se van ir executando para erradicar a couza das patacas.  Segundo parece, a aplicación da normativa estatal vai ter tres fases iniciais. A primeira xa se executou hai uns días coa retirada de toda a pataca  de semente dos almacéns comerciais situados nos 31 municipios infestados. 

Nos próximos días entrarase na segunda fase, consistente na recollida domiciliaria da pataca de semente e das patacas para autoconsumo que aínda queden do ano pasado procedentes de leiras de municipios infestados.  Recordamos que, tal e como publica o DOG, é obrigatorio declarar as cantidades de pataca que se teñan gardadas dun e doutro tipo. 

Segundo fontes da Xunta a intención é ir facendo a retirada a feito concello por concello e parroquia por parroquia tomando como referencia estas declaracións, aínda que non se descarta habilitar outras vías de comunicación -un teléfono, por exemplo- para que a xente avise aos servizos oficiais. Disque Medio Rural estaría preparando un dispositivo técnico consistente nun camión nodriza acompañado de varios furgóns máis pequenos que peitearán literalmente o territorio para recoller as patacas e trasladalas a SOGAMA para a súa incineración.

Nos almacéns domésticos poderán gardarse patacas para consumo procedentes de zonas libres da praga, aínda que antes diso será necesario desinfectalos  e eliminar sacos e caixas que estivesen en contacto coas patacas vellas. Tamén se deberán colocar trampas con feromona para capturar avelaíñas guatemaltecas (ollo con iso, ten que ser para a tecia solanivora, non vale a de ningunha outra avelaíña). O sentido común recomenda que, trala retirada, se merquen as patacas aos poucos a medida que vaian facendo falla e que se garden nun lugar distinto e ben protexido da entrada de insectos.

Unha vez finalizada a fase de recollida de pataca gardada nas casas iniciaríase a recollida en plantacións arrincadas, previsiblemente en abril. É importante insistir en que ninguén debe arrincar nada de momento. Xa dirá a Xunta cando é o mellor momento para facelo e como facelo dado que, segundo a normativa, a arrinca e retirada deberá estar baixo control oficial. e xa se lle dará cumprida publicidade. Iso si, as plantacións hai que declaralas  antes do 1 de abril, utilizando o modelo publicado no DOG do 14 de febreiro que hai ao pé deste artigo e que pode cubrirse directamente no navegador para despois imprimilo.

Trala arrinca controlada pola Xunta no terreo deberá aplicarse algún dos produtos fitosanitarios recomendados polo Ministerio, aínda que o máis efectivo é controlar que non quede ningún tubérculo nin ningunha planta ventureira. Se non hai pataca, non hai avelaíña.

Colaboración municipal 
Se algunha persoa ten dificultades para cubrir o documento da declaración de superficie e o da declaración de pataca almacenada debe saber que o Concello ten aberto un servizo de axuda na Casa da Cultura en horario de mañá. Para axilizar o trámite e evitar andar dando voltas é importante ter en conta o seguinte:

-Se se vai declarar unha plantación hai que levar a referencia catastral da leira ou ser quen de situala no mapa do SIXPAQ da Xunta. Tamén cómpre anotar que variedades se botaron e a superficie aproximada de cultivo.

-Se se vai declarar pataca almacenada é necesario levar apuntados os quilos e sacos de pataca de semente e tamén os quilos e sacos que aínda queden na casa de pataca para comer do ano pasado.

De momento non hai información oficial ao respecto, pero todo apunta a que a Xunta pagará as patacas da semente que recolla  a 0,70€ por quilo e as de consumo arrincadas do terreo a 0,30€. En calquera caso, serán os servizos oficiais os que pesen os tubérculos e os que entreguen o albarán de recollida co que despois se poderá cobrar a indemnización correspondente. Estes datos deben tomarse con certa reserva á espera de que o goberno autonómico publique a correspondente resolución.

Tan pronto como vaian saíndo resolucións con respecto da loita contra da praga habémolas ir publicando a través da web e doutros medios de comunicación municipais como o boletín Novas, o facebook, o twitter ou o punto de información da avenida Marqués de Figueroa.

Ademais, recordamos o decálogo publicado hai uns días, xa actualizado coa información máis recente:

1º Non se poden plantar patacas nin en San Sadurniño nin no resto de concellos en corentena: Ninguén. Nin para comelas na casa nin para vender. Punto. Ademais, é obrigatorio declarar as plantacións que estean feitas.

2º Haberá que arrincar as plantacións existentes?Si, hai que arrincalas e non poderá quedar na terra nin unha triste pataca. Nin sequera as que retoñaran do ano pasado. Nin planta. Nada. Pero que ninguén se poña a arrincar aínda, xa dirá a Xunta como facelo e como organizar a retirada dos tubérculos para a súa destrución. É obrigatorio declarar as superficies plantadas antes do 1 de abril utilizando para iso o modelo publicado no DOG que tamén tedes dispoñible no Concello e na web municipal, www.sansadurnino.gal. Se alguén ten dificultades co trámite pode pasar pola Casa da Cultura en horario de mañá para que lle axuden a cubrir os papeis, que se poden entregar no propio Concello.

3º Será necesario destruír as patacas de semente que teñamos almacenadas e tamén as que aínda non coméramos do ano pasado: Efectivamente, hai que entregarlle aos servizos oficiais as patacas de semente que comprásemos e as patacas de autoconsumo que aínda teñamos do ano pasado procedentes das nosas leiras. Será a Xunta quen se encargue da súa retirada e destrución. Nos próximos días informará sobre como se vai facer. Iso si, antes é necesario declarar as cantidades de pataca que teñamos gardadas, tanto para semente como para autoconsumo, Para iso tamén hai un modelo publicado no DOG do 10 de marzo e, igual que coa declaración de superficie, tofrecerannos axuda na Casa da Cultura en horario de mañá.

4º Vanme pagar algo polas patacas da semente e polas que arrinque do terreo?: Si. Segundo fontes da Xunta o prezo para a pataca de semente destruída sería de 70 céntimos por quilo, mentres que a pataca arrincada dos terreos se pagaría a 30 céntimos. No momento de publicar esta información aínda non saíra no DOG a contía das indemnizacións, polo que este dato é oficioso. 

5º Non se poden sacar patacas cara a zonas libres da praga ou municipios tampón: Se temos un fillo ou unha filla estudando en Santiago ou na Coruña -zonas sen praga- non podemos mandarlle patacas da casa para a semana.

6º Teño unha leira en Moeche ou nas Somozas…¿poido plantar nela as patacas?: Si, podes. Pero, ollo terás que poñer semente procedente dunha zona libre da praga. Para entendernos -é só un exemplo- que a ninguén de Bardaos se lle ocorra ir plantar a Moeche sementes que tivese gardadas na casa porque, posiblemente, estará contribuíndo a espallar as avelaíñas a sitios onde non a hai. E ademais estaría cometendo unha irresponsabilidade e unha ilegalidade sancionable.

7º E se planto en Moeche… despois poido traer as patacas para San Sadurniño?: Si, tamén poderás. Pero por tratarse dunha zona tampón deberás comunicar o momento da colleita para que a supervise persoal técnico da Xunta. Só despois de constatar que esa produción está libre da praga poderás levala para onde queiras coa correspondente guía que che facilitarán. Se tes unha plantación noutro municipio -en Sada, por exemplo- e queres transportar as patacas sen problemas deberás tela dada de alta no rexistro de produción e ter feita a correspondente declaración de cultivo, algo que é gratuíto e que non implica ter que “pagar a agraria” nin dedicarse profesionalmente á pataca.

8º Entón… que? non vamos poder comer patacas?: Si, patacas para o consumo van poder comerse, pero procedentes de fóra -virán envasadas en mallas especiais e non nos sacos de rafia de toda a vida-.  A corentena impide sacar patacas, pero non que traiamos patacas de fóra. Ollo tamén con iso, se levamos patacas na maleta do coche cómpre asegurarse de que podemos acreditar que proceden dunha zona non infestada cunha factura ou un tiquet de compra e, poñámonos como nos poñamos, nunca de municipios en corentena cara a zonas libres da praga. A resolución da Xunta publicada o 10 de marzo tamén prohibe a comercialización de patacas a granel.

9º Tampouco será para tanto… Éche, éche. Éche para tanto ou máis. Desde a Xunta apélase á responsabilidade de todos e todas nós para poñer todos os medios para frear o avance da praga. Tal e como se dixo na charla ofrecida a primeiros de marzo “ou paramos nós aquí a praga ou dentro de pouco terémola en toda Galicia. Ou facemos isto colectivamente ou quedamos sen patacas”. E, ademais, prevense sancións para quen non cumpra co decreto, que se remite á Lei 43/2002, de 20 de novembro, de Sanidade vexetal. Nela fálase dun rexime sancionador que vai dos 300 aos 300.000 euros pero, tal e como se dixo na charla, neste caso a multa mínima son 3.000 euros e a máxima 120.000. No encontro os técnicos foron moi claros: a Xunta “vai ser drástica” na aplicación da lei.

10º E isto…vai ser para moito tempo?: Ninguén ten resposta para iso. Todo dependerá do éxito das medidas que agora se van poñer en marcha. En principio a prohibición de plantar e mover tubérculos é por 2 anos. Pero o plan de loita reflectido no decreto estatal é por 5 anos. Non hai maneira de saber se se levantará a prohibición antes ou se, pola contra, vai ser necesario prorrogala. En calquera caso, desde a Administración Autonómica apélase á responsabilidade, á solidariedade e ao sentido común.

 

Documentación e normativa publicada:
Folla de declaración de superficies plantadas – Pode presentarse no Concello e obter axuda para cubrila na Casa da Cultura
Folla de declaración de patacas de semente e autoconsumo almacenadas – Tamén se pode presentar no Concello e obter axuda para cubrila acudindo polas mañás á Casa da Cultura.

Resolución publicada o 14 de marzo con medidas urxentes de loita contra as avelaíñas guatemaltecas da pataca
Decreto estatal publicado o 4 de marzo co programa nacional de control e erradicación da praga 
Resolución publicada o 10 de marzo establecendo zonas infestadas, zonas tampón e implementación das medidas do decreto estatal
Lei estatal de sanidade vexetal

Share.