A xestión do Centro Municipal de Empresas supera a tramitación plenaria

0

O pleno ordinario de setembro incorporaba na súa orde do día sete puntos entre os que destacaban os referidos ao sistema de xestión do Centro Municipal de Empresas que se vai por en marcha no primeiro andar do edificio anexo á casa consistorial. Dunha banda sometíase á valoración dos tres grupos o regulamento de funcionamento e acceso ás instalacións por parte de empresas e entidades e, de outra, a ordenanza reguladora das taxas que cumprirá pagar polo uso das oficinas e doutros servizos. Un prezo fixado en 5,83 euros mensuais por metro cadrado no caso de ocupar unha oficina e de 20 euros anuais se a opción pola que se opta é unicamente a de ter fixada no edificio a domiciliación social. Tanto o regulamento como a ordenanza quedaron aprobados inicialmente cos votos do BNG e do PSOE mentres que o PP se abstivo por non estar de acordo con algúns dos seus aspectos. Agora ambos documentos terán que exporse ao público durante un mes e, de non existir alegacións, elevaranse a definitivos, o que suporá abrir o prazo de presentación de solicitudes de espazo.

Antes de chegar a estas dúas cuestións, o pleno aprobou a acta da sesión anterior e deuse conta dos sorteos das mesas electorais para os comicios do próximo 25 de setembro, ademais de someter a votación a conta xeral de 2015, cuns remanentes totais de tesourería de 545.000 euros. Este último punto prosperou sen debate e só cos votos do BNG e do PSdeG-PSOE. O Partido Popular votou en contra.

Onde si houbo unanimidade foi no punto número 3, no que se aprobou a proposta de renumerar as ordenanzas fiscais municipais para que sexan correlativas tanto na web da Deputación como na web municipal. Unha cuestión que, tal e como explicou o secretario municipal, só lle afecta á denominación e non ao contido.

Estes asuntos liquidáronse en escasos cinco minutos, tempo que superaría amplamente o debate sobre o regulamento de xestión do Centro Municipal de Empresas e a correspondente ordenanza reguladora dos seus prezos. O equipo de goberno explicou as características das instalacións e os obxectivos que se perseguen con elas, principalemente o de “promover o emprendemento” local e fomentar as sinerxias entre as empresas que ocupen o edificio.

O inmoble dispón de   250 m² de espazo útil distribuído 13 locais con distintas medidas, que van desde os 8,50m² das cinco oficinas máis pequenas aos case 30m² da máis grande, situada fronte ao aparcadoiro. Nese abano de medidas tamén se porán á disposición das empresas outras sete, que van dos arredor de 11 metros cadrados ata preto de 22. Aplicando os prezos reflectidos na proposta da ordenanza, as oficinas máis pequenas terán un prezo inferior aos 50 euros mensuais e ás dun tamaño medio poderase acceder por arredor de 90 euros, incluíndo na taxa e en todos os casos o asesoramento técnico en materia de axudas e subvencións, a calefacción, a xestión de residuos, a limpeza, o acceso a internet de banda larga, a electricidade, as caixas de correo e a utilización de espazos compartidos como a sala de xuntanzas.

O PSdeG-PSOE apoiou tanto o regulamento como a ordenanza no entendemento de que o edificio promoverá o emprendemento e que as taxas “non son dunha contía excesiva”. Eduardo Lourido expresou tamén o seu desexo de que o edificio se encha co maior número de iniciativas posibles.

O PP optou por absterse en ambos puntos por estar en desacordo co sistema de baremación do acceso e nos prezos que, segundo puxo de manifesto na sesión Manuel Romero, non favorecerían “suficientemente” aos emprendedores ou emprendedoras de San Sadurniño nin tampouco recollería descontos para as iniciativas locais. O Partido Popular tamén criticou que as empresas poidan botar nas instalacións máis de dous anos. Posibilidade esta última que vén reflectida no regulamento pero que, en cambio, o Concello si podería revocar no caso de que houbese empresas agardando por un espazo. E é que o período de concesión fíxase no regulamento por eses dous anos e abre a posibilidade de ir renovándoo tacitamente ano a ano ata que ou ben a empresa ou ben o Concello decidan porlle fin.

O BNG defendeu o contido do regulamento e da ordenanza sinalando que as tarifas se estableceron en base á estimación dos custes de mantemento do edificio, cifrados en 13.000 euros anuais. O portavoz municipal aclarou que ademais de valorar máis as iniciativas que máis empregos creen tamén se lles outorgará máis puntuación ás solicitudes de persoas ou empresas con domicilio en San Sadurniño. Soto lembrou que un dos apartados do regulamento tamén prevé exencións durante 6 meses para xente moza que queira poñer a andar o seu proxecto.

Trala discusión e aprobación destes dous puntos, o pleno adentrouse na proposta de adhesión ao manifesto impulsado pola Asociación Galega da Froita Autóctona do Eume a prol da preservación, difusión e comercialización das variedades de froiteiras do país. Para a exposición de motivos o alcalde cedeulle a palabra ao presidente da entidade, o enxeñeiro e viveirista Ramiro Martínez, quen disertou durante varios minutos sobre a normativa europea que, segundo asegura a asociación, prohibirá a comercialización daqueles pés de froita que non estean rexistrados.

A AGFA do Eume entende que a lexislación europea pon en perigo a conservación e difusión das variedades do país posto que, tal e como dixo Martínez, a regulamentación estaría máis orientada aos intereses das grandes empresas fructícolas que á preservación do patrimonio vexetal autóctono como factor de desenvolvemento do medio rural. Neste sentido a asociación iniciou durante a pasada Feira Rural unha campaña de recollida de sinaturas e de adhesións a un manifesto no que se solicita o apoio social e institucional, ademais de medidas por parte da Xunta, o goberno Estatal e a Unión Europea, a quen se insta para que cree unha comisión de traballo que analice a situación da biodiversidade vexetal agrícola “e as consecuencias da implantación da nova lexislación comunitaria a nivel europeo, tanto dende o punto de vista económico, como cultural e ambiental”. Tamén se lle pide a Europa que teña en conta as variedades froiteiras de conservación ou autóctonas “de cara a que se asegure a súa efectiva preservación e se promova a súa difusión e introdución nos mercados, especialmente nos ámbitos locais” e, ademais, solicita o impulso dunha denominación de variedades protexidas en perigo de extinción “que permita protexer e divulgar o patrimonio frutícola, e que prohiba a súa manipulación xenética e o seu posterior rexistro como variedade protexida (con patente)”.

Os tres grupos municipais expresaron o seu apoio ao manifesto. Eduardo Lourido polo PSdeG-PSOE lamentou que as políticas europeas favorezan máis “os intereses de grandes empresas que a preservación da biodiversidade e o pequeno comercio local”.

Manuel Romero tamén apoiou o contido exposto pola AGFA aínda que se mostrou pesimista sobre o futuro da froita como factor de desenvolvemento rural por considerar que “disto non se pode vivir” e que non sería “viable” soster con axudas unha actividade cun “futuro moi negro”.

Ao argumento popular respostou polo BNG Manolo Varela, quen pediu “máis vista a medio e longo prazo” porque, segundo dixo, apoiar a preservación das castes do país “é sentar unhas bases para que a fructicultura sexa unha actividade máis que se poida desenvolver con variedades do país, igual que o viño”.

O alcalde rematou o debate da cuestión indicando que, trala aprobación plenaria en San Sadurniño, o documento será elevado á FEGAMP para buscar o apoio do resto de municipios galegos e que esta entidade llo traslade tamén á Xunta.

Rogos e preguntas
Neste pleno non houbo rogos e as preguntas centráronse na xestión da auga municipal. A concelleira do PP María Belén Trigo interesouse, entre outras cuestións, pola situación actual do servizo e polo sistema que utilizaba o Concello para controlar o funcionamento das instalacións, como se fan as conexións ás vivendas ou de que maneira se vixían os consumos. Preguntas que Secundino García foi respostando unha por unha non sen antes solicitarlle á concelleira popular que, atendendo ao regulamento do pleno, aquelas cuestións que requiran respostas con datos numéricos concretos deben ser presentadas con tempo de adianto suficiente para poder dispoñer deles durante a sesión.

Share.