A veciñanza empeza a retirar niños de velutina pola súa conta

0

A velutina xa non é tan noticia como era o ano pasado ou hai dous anos. Pero o problema segue entre nós e, dependendo de con quen se fale, hai quen di que con maior intensidade e tamén quen di que con menos, aínda que tamén pode ser que o clima modificase os hábitos das avespas e que o peor neste 2017 estea aínda por vir e por ver. O caso é que a Xunta como ente competente na materia “non está aplicando o seu propio protocolo de loita como sería de agardar”, posto que “hai casos contrastados de chamadas ao 012 que tardaron semanas en ser atendidas ou que, despois de máis dun mes, seguen sen resposta”, tal e como sinala o edil de Desenvolvemento local, Manolo Varela.  Así as cousas o Concello puxo a disposición da veciñanza un traxe especial e máis unha pértega para que calquera persoa poida solventar o problema sen ter que agardar. Iso si, o Concello de San Sadurniño segue insistindo en que é obrigatorio chamar ao 012, ver se a Xunta retira o niño e “só no caso en que esa actuación se demore demasiado”, acudir á Casa da Cultura para solicitar os aparellos.

A primeira intervención co equipamento adquirido polo Concello puidemos vela onte á noite no Enxerto, en San Sadurniño, onde apareceu un niño primario oculto no medio de pacas de herba seca. Para eliminalo esperouse á noite, momento en que toda a colonia estaba recollida no interior. Porén, malia estar localizado e ben accesible, ninguén sabía o seu tamaño real, polo que foi necesario proceder con precaución antes de aproximarse.

A primeira medida de seguridade que se tomou foi enfundarse no traxe protector, feito dun tecido groso e acolchado e dotado dunha máscara apícola complementada cunha pantalla plástica transparente que, se ben é un incordio por causa do bafo, tamén é fundamental para evitar que unha posible xiringada de veleno chegue aos ollos.

Unha vez axustados o taxe e mailas luvas -e despois de facer ata dúas comprobacións de cremalleiras e peches de velcro- chegou o momento de actuar, aínda que non coa pértega incineradora, senón cun insecticida especial capaz de atordar as avespas ao instante e de aniquilalas en cuestión de minutos. Cando se usa este insecticida é recomendable pulverizar todo o niño e, se é posible, inxectar o produto no seu interior aproveitando o burato de entrada e saída das avespas. Despois cómpre agardar uns 5 minutos, marxe máis que suficiente para que actúe con eficacia.

Transcorrido ese tempo, no Enxerto puideron quitarse as pacas de herba e comprobar que, efectivamente, se trataba dun niño primario cun tamaño inferior ao dun balón de fútbol. “Por este e outros casos que se produciron nos últimos días, estamos vendo que as velutinas están aínda nos niños primarios pero a piques de migrar para os secundarios nas copas das árbores, que tamén se están empezando a ver”, explica Manolo Varela.

O responsable de Desenvolvemento local sinala que para estes niños de tamaño reducido que adoitan aparecer en cabanas, galpóns e ribazos, “o insecticida é máis que suficiente, pero hai que facer a operación con protección e esperando sempre á noite para asegurarnos de que todas as avespas estean gardadas”.

O edil lembra que o equipamento dispoñible para a veciñanza “é un último recurso” do que calquera persoa pode botar man se no 012 -o teléfono da Xunta para avisar de niños- “non nos dan unha solución nun prazo razoable”. Segundo Varela, “sempre hai que chamar primeiro á Xunta, aínda que saibamos que a axuda pode tardar ou incluso non chegar. Hai casos recentes contrastados de chamadas ao 012 que tardaron semanas en ser atendidas ou que, despois de máis dun mes, seguen sen resposta”.

Solicitude do equipamento
Tanto o traxe protector como a pértega incineradora adquirida recentemente polo Concello poden solicitarse por escrito na Casa da Cultura ou no Rexistro Municipal, presentando para iso unha folla normalizada na que se inclúen as normas de uso e o réxime de cesión do material, que se fará por un prazo máximo de 5 días.

Cómpre ter en conta tamén que as persoas que leven o equipamento serán responsables de mantelo en boas condicións e do uso que fagan del.

Neste sentido, AGA Ferrolterra vai impartir unha charla informativa de carácter teórico-práctico destinada ás persoas que queiran aprender a poñer o traxe e manexar a pértega. A charla teórica será o sábado 29 de xullo ás 10.00h. na Casa da XuventudeEse mesmo día tamén se acordará a data para a sesión práctica.

Share.