A “Revolta das pedradas” chega a Naraío

0

Neste mes de marzo de 2018 que está a piques de rematar conmemórase o aniversario da revolta popular que sacudiu a nosa comarca hai un século. En plena Guerra Mundial, España converteuse no hórreo dos países contendentes e, como consecuencia, xurdiu unha feroz especulación que deixaba os mercados locais desabastecidos ou cobraba prezos astronómicos por produtos de primeira necesidade coma a fariña ou a cera. Neste contexto de carestía da vida só facía falla unha pequena chispa que fixese saltar a revolta, que finalmente comezou en Xuvia e saltou logo a Narón e Ferrol con consecuencias tráxicas. Na represión das protestas morreron alomenos 9 persoas. Aqueles sucesos son sobradamente coñecidos pola investigación histórica, pero pouco a pouco foron quedando esquecidos pola veciñanza, en boa parte polo ocultamento do ocorrido que fixo o Franquismo despois de 1936. De aí que, case un século despois, se constituíse a Comisión Revolta Popular Marzo 1918 co obxectivo de dar a coñecer esta parte da nosa historia. A comisión leva varias semanas desenvolvendo actos en toda a comarca sobre a “Revolta das pedradas” e este mércores 28 tócalle a Naraío cunha charla impartida por Ánxel Rial. Será no local social da Veiga a partir das 20.30h.

O folleto informativo que acompaña as accións de difusión emprendidas pola Comisión Revolta Popular Marzo 1918 resume que ocorreu naquelas fatídicas datas. Reproducímolo íntegro:

Estamos nos comezos dun século XX que veu marcado pola Primeira Guerra Mundial, a aparición do nacionalismo organizado, a mobilización agraria e a influencia da Revolución Rusa, maioritariamente na clase obreira. No contexto bélico, o Estado español favorece o negocio de vender trigo e outras materias primas aos países en conflito, desabastecendo os mercados internos. Estas circunstancias fan que proliferen os acaparadores que tentan sacar beneficios abusivos polas mercadorías que venden, moitas delas de primeira necesidade como o pan, o carbón, o aceite ou a cera. Desde o Goberno do Estado, en vez de combater esta situación lesiva co pobo o que se fai é agravala ao trasladarlles ás deputacións e os concellos a recadación dos impostos aos consumos, taxas moi gravosas que, ademais, se reparten de maneira discriminatoria.

Este contexto e esta dinámica fan que a faísca da protesta prenda nas principais localidades da comarca.

8 e 9 de marzo: Ten lugar a primeira protesta na feira da zona de Xuvia, nas localidades de Neda e Narón. O gobernador prohibe a saída de trigo para a comarca, o que provoca o aumento do prezo do pan e a súa escaseza. Un grupo de mulleres intenta reunirse cos alcaldes destas localidades e, ao non conseguilo, principia unha protesta diante doe negocios e comercios de diferentes persoas acaudaladas da zona. As concentracións son dispersadas a tiros desde unha destas casas. Alomenos dúas mulleres quedan feridas de bala na cabeza, Josefa Noval Luaces e Rosa Tenreiro.

10 de marzo: Despois do acontecido o día anterior, organízanse comisións de mulleres e decídese cortar a subministración de alimentos e materias a Ferrol como medida de protesta, ao tempo que se envía unha representación para falar co gobernador. Algúns negocios de Xuvia sofren o lanzamento de pedras -de aí que o movemento social se coñeza tamén como ‘Revolta das pedradas’- como protesta polo comportamento belixerante que certos comerciantes tiveran diante da mobilización da véspera.

11 de marzo: Únense á protesta as mulleres de Ferrol, Serantes e das parroquias e concellos limítrofes. Están cortadas todas as rúas de acceso á cidade, así como o porto e a estación de tren. Ao serán, todo o comercio está pechado e hai un paro xeral no estaleiro e no Arsenal. As mulleres organizan unha manifestación ao berro de “Temos fame! Abaixo os acaparadores!”, na que se intentan asaltar os almacéns de Elisa Ramos -considerada como unha das acaparadoras-, situados na rúa do Sol. Mais a manifestación é dispersada a tiros, causando a morte do neno de 12 anos Juan Torres e do mozo de 16 Valentín Dapena, que era traballador do Arsenal. Durante a noite despréganse unidades militares polas principais rúas e prazas de Ferrol.

12 de marzo: En Ferrol, as mulleres fan un listado de prezos que negocian cos comercios e o Concello, ao tempo que se seguen despregando máis tropas pola cidade. O Arsenal e os estaleiros seguen pechados e celébrase un mitin con 3.000 traballadores que será o limiar do multitudinario enterro ao día seguinte do traballador morto. En Fene, unha comisión de mulleres obriga ao alcalde a asinar un documento de baixada de prezos, á vez que en Maniños as mulleres deteñen un tren de fariña para quitarlle toda a carga e repartila.

13 de marzo: En Sedes -Narón- é día de feira e tanto o alcalde como algúns concelleiros que teñen negocios son acusados de acaparadores e de querer vender trigo por riba dos prezos fixados. A esta circunstancia súmase o descontento xeral pola repartición que desde o Concello se fixo do imposto de consumos, que foi incrementado inxustamente entre as clases populares, en parte polo apoio que nas zonas máis rurais tivera o candidato rexionalista nas eleccións de febreiro dese mesmo ano. A protesta focalízase na casa do alcalde, Juan Fernández Lamas, que tamén é apedrada. No lugar atópanse concentradas unidades da Garda Civil tanto de cabalería coma de infantería ás ordes do tenente Pedro Alcaide, que disparan sobre as persoas manifestantes causando outras sete mortes e centos de persoas feridas. Polas fontes oficiosas da prensa hai constancia dos seguintes nomes nos sucesos de Sedes: Francisco Delgado, Valentín Muíño, Manuel Romero e María González.

14 de marzo: Desde Ferrol sae unha manifestación de 6.000 obreiros para levar unha coroa de flores ata sedes en homenaxe ás vítimas dos sucesos do día anterior, mentres as mulleres seguen coas protestas. Os trens a Ferrol son escoltados por tropas, o que non evita que sexan asaltados de novo en Perlío e Maniños por mulleres que mesmo chegan a deitarse nas vías para obrigalos a se deter. En Pontedeume e zonas próximas comezan a verse mulleres polas rúas, concentrándose preto das estacións e nas prazas, ao tempo que hai paros en distintas fábricas. Na prensa da época infórmase de que están cortadas as comunicacións con Ferrol e dáse por sentado que se decretou o estado de guerra e que a cidade se atopa baixo mando militar.

15 de marzo: A prensa, sen comunicacións reais coa localidade e baixo un estado de censura manifesto nas novas publicadas, informa da falta de sucesos graves e da recuperación paseniña da normalidade. Nos seguintes días as informacións fanse eco dalgunha morte dos diferentes feridos e feridas, así como dos procesos de toma de declaración, detencións e posta a disposición militar de moitas mulleres e dalgún home que puideran estar acusados de participaren nas revoltas dos días anteriores.

O día 18 de marzo indícase que comezan a retirarse das rúas as tropas despregadas e que permanecen os reténs militares nas estacións do camiño de ferro. En abril algunhas das mulleres que seguían presas son amnistiadas e saen da cadea.  

A memoria de todo o ocorrido permanecería viva no imaxinario colectivo da comarca nos anos seguintes por mor da envergadura alcanzada pola revolta e pola dureza coa que foi aplacada. Pero tamén polas conquistas alcanzadas -a libra de pan baixa dos 35 aos 25 céntimos- e por significar un enraizamento, se cadra, máis forte e organizado do sindicalismo obreiro e agrario. Ademais, a Revolta das pedradas deulle o pulo definitivo ao activismo feminino de base, posto que foron as mulleres quen abandeiraron e encabezaron todo o movemento. Tan só un ano despois dos sucesos fúndase a Agrupación Feminina Socialista e xorde a Unión Téxtil de Xuvia encabezada por Catalina López.

En 1933 erixiuse en Sedes un monumento en memoria das vítimas e en lembranza das súas reivindicacións. Tres anos despois -tal e como lembra Marcos Abalde no seu artigo “Sedes 1918. A imposición da amnesia”-, o xefe da Falanxe en Xuvia e Neda, Eugenio Meizoso, “ordena desmantelar o monumento ás vítimas” e, durante décadas, “aquel marzo heroico foi apagado da memoria”.

Porén, agora, 100 anos despois, aqueles acontecementos e o que significaron volven á memoria por medio do labor de difusión que fai a Comisión Revolta Popular Marzo 1918, ao que se sumaron consistorios e entidades culturais de toda a comarca. Quizais o acto de maior trascendencia e significado foi o da colocación dun novo monumento no recinto da Feira do 13, obra do artista Carlos García.

Aquí, en San Sadurniño, o Concello levou a pleno e aprobou por unanimidade dos tres grupos municipais apoiar o coñecemento desa parte da nosa historia. Ademais, O Castelo de Narahío tamén organizou para este mércores unha charla que estará impartida por Ánxel Rial, en calidade de membro da comisión. O encontro terá lugar a partir das 20.30h. no local social da Veiga, ao pé do campo de fútbol.

Share.