A partir do 14 de febreiro a televisión verase só en alta definición

0

A TDT prosegue co seu cambio tecnolóxico de cara a ofrecer unha imaxe e un sonido de maior calidade. Televisión Española iniciou esta semana as súas emisións en 4K e, ademais, todas as canles da televisión dixital terrestre deberán emitir unicamente en alta definición a partir do mércores 14 de febreiro. Isto quere dicir que deixarán de verse as canles con definición estándar -identificadas coas siglas “SD”-, o que en principio, na maioría dos fogares, só requirirá reordenar as cadeas para non ver en negro os ocos das emisións que desaparecen. Iso si, as teles máis antigas terán que adaptarse no caso de que non poidan sintonizar as emisións “HD”, algo que se pode facer por escasos 30 ou 40 euros mercando un novo receptor TDT preparado para alta definición ou un adaptador HDMI tipo Chromecast ou Amazon Firestick que, ademais, converterá o televisor nun dispositivo intelixente capaz de conectarse a internet e a plataformas gratuítas ou de pago como Youtube, Netflix, Amazon Prime Video, Disney+, HBO, etc.

O apagón das canles SD non é algo novo, senón que responde a unha norma estatal de 2019 que lles pon data de caducidade ás emisións con resolución estándar coas que fixemos a transición da televisión analóxica á dixital aló polo 2010.  Ademais, o cesamento da TDT en baixa resolución deixará libre unha parte do espectro radioeléctrico -as bandas que se usan en telecomunicacións- que pasará estar ocupado pola telefonía móbil 5G.

Na actualidade estímase que arredor do 98% do parque de televisores que hai en todo o Estado poden recibir sen problemas as canles en HD, razón pola que é posible que a maioría da veciñanza o único que notará é que lle desaparecen as versións SD das cadeas que teña sintonizadas, mentres segue vendo sen problemas as que xa están emitindo en alta definición. O único que deberán facer -se queren, non é obrigatorio- é reordenar os programas para que non lle queden ocos en negro no listado de cadeas.

Porén, quen aínda teña aquelas teles “de cú” ou modelos antigos de televisores planos que precisaban un sintonizador da TDT, deberá comprobar que o receptor da televisión dixital terrestre é compatible coa alta definición. Se non é así, terá que comprar outro que si o sexa, por prezos que andan entre os 30 ou 40 euros. Se o televisor ten entrada de vídeo con conector HDMI tamén pode mercar polo mesmo prezo un adaptador intelixente, que ademais da TDT en HD tamén lle permitirá conectar a tele á Internet para ver Youtube, Netflix, Amazon Prime video ou outras plataformas en liña.

Quen queira ampliar información ou solventar dúbidas sobre o “apagón” da televisión SD do próximo 14 de febreiro, pode acudir á web https://televisiondigital.mineco.gob.es/Tamén se pode contactar coa Oficina de Atención ao Usuario da Televisión Dixital no 901 20 10 04.

As diferenzas entre SD, HD e 4K (só para frikis de aquí en diante)
Hai anos, nos tempos da tele analóxica, todas as emisoras de televisión emitían por ondas ocupando cadansúa canle do espectro radioeléctrico nas bandas de UHF e VHF. As ondas portaban un sinal no sistema de cor PAL de 625 liñas de resolución (en realidade eran 576) e unha relación de aspecto 4:3, case cadrada, que a tele era capaz de converter en imaxes facendo un barrido de arriba abaixo que entrelazaba dous campos -primeiro un e despois outro- de 312,5 liñas. A electrónica obraba a maxia a unha velocidade de 50 campos por segundo, de modo que a imaxe cobraba vida e movemento, igual que no cine.

Cando chegou a televisión dixital houbo que facer compatibles as emisións analóxicas co novo sistema de emisión e recepción, que xa non utilizaba liñas nin barridos, senón que cada fotograma da imaxe se emitía co seu tamaño completo -o denominado “progresivo”- a razón de 25 imaxes por segundo. Así, as 576 liñas efectivas da imaxe analóxica convertéronse nun fotograma de 576 píxeles de alto (os píxeles son os pequenos puntiños que forman a imaxe) e 720 de ancho, é dicir, cada imaxe era duns 0,4 megapíxeles. Incluso menos, xa que no proceso de emisión o habitual era que algunhas cadeas transmitisen incluso á metade dese tamaño para aforrar custes de transporte do sinal.

Porén, o novo sistema dixital permitía incrementar a calidade da imaxe. E chegou o HD ou alta definición, termo que se aplica a todas as emisións que se fagan con tamaños de fotograma superiores a eses 720×576 píxeles que, recordemos, son case cadrados, cunha proporción 4:3 que non se adapta demasiado ben ao noso xeito de percibir o mundo cunha imaxe máis panorámica.

Así, o primeiro estándar de alta definición que aínda agora utilizan a maioría das emisións da TDT é o que transmite imaxes cun tamaño de 1280 píxeles de ancho por 720 de alto. A proporción cambia a 16:9, máis apaisada, cómoda de ver e tamén máis aproximada á composición visual do cine, a pintura e incluso a arquitectura.

O HD 720p -o p é de progresivo- é máis que dabondo para ver os programas con boa calidade en teles de ata 32 polgadas, pero queda algo escaso se o televisor é de maior tamaño. De feito, hai máis dunha década que se popularizaron os televisores Full-HD, é dicir, capaces de ofrecer imaxes de 1920×1080 píxeles, o equivalente a un fotograma de 2 megapíxeles -lembrade, o SD era cinco veces máis pequeno-, e máis recentemente tamén entraron nas casas os televisores 4K ou UltraHD, que poden reproducir imaxes de 3860×2160 píxeles, ou o que é o mesmo, catro veces a calidade do Full-HD. E xa se anda falando do 8K, que ofrece case catro veces máis detalle que o 4K.

Hai que ter en conta, iso si, que ter un televisor Full-HD, 4K ou incluso 8K non nos garante que vaiamos ver a tele mellor. E é que na ecuación da “calidade” entran máis factores, como por exemplo a compresión do vídeo coa que se emiten os programas de televisión -un vídeo 4k moi comprimido para ocupar pouco espazo na canle de emisión pode verse peor que un Full-HD 1080p con pouca compresión que conserve máis detalles na imaxe. Isto enténdese ben comparando como se ve un telediario -habitualmente moi comprimido e con pouco detalle- e como se ve un partido de fútbol, onde o sinal se emite con menos compresión para que os movementos do balón e dos equipos se reproduzan ben definidos e fluídos e para que o campo non apareza como un pegote verde.

Tamén debemos considerar o espazo que temos na casa, o tamaño da pantalla e a distancia que haxa entre ela e o sofá. Por exemplo, se temos un televisor Full HD de 55 pulgadas a 4 metros,é posible que o mesmo programa da TDT se vexa  peor ou igual que nun televisor tamén Full HD de 40 pulgadas a 2 metros de distancia.

As diferenzas só as apreciaremos coas emisións de La1 de TVE, a única canle en aberto que emitirá en 4K a partir do 15 de febreiro, mentres que as outras cadeas seguirán emitindo a 1280×720 ou, no mellor dos casos, a 1920×1080. O máis seguro é que máis tarde que cedo -si, máis tarde que cedo- todas acaben emitindo en 4K ou como pouco en Full-HD, que é tamén o estándar básico para as plataformas de pagamento (se se quere 4K hai que pagar máis).

En calquera caso, tampouco ten moito sentido romper a cabeza co HD, o Full HD, o 4K e toda esa liada tecnolóxica. A tele vese ben abondo e, ademais, para o que hai que ver…

Share.