A nova área de autocaravanas da Cortiña, lista xa para esta longa fin de semana

0

A Construcciones Daylu, adxudicataria das obras da nova área de autocaravanas da Cortiña, chegoulle pouco máis dun mes para ter o choio liquidado. E ben curioso que quedou todo, co seu chan de cemento pulido e sumidoiros para augas grises, unha illa con subministración de auga potable e recollida de augas negras, dous farois de led alimentados con paneis solares e, non menos importante, dúas prazas  amplas abondo para que nelas poidan entrar e manobrar tanto pequenas “furgos” camperizadas como esas grandes camionetas que semellan casas rodantes. O espazo entrou hoxe oficialmente en funcionamento, ás portas dunha fin de semana extralonga, aínda que nos últimos días xa se viu algunha que outra autocaravana facendo noite. 

Secundino García e os concelleiros de Urbanismo e Desenvolvemento local, Manolo Beceiro e Manolo Varela, achegáronse esta mañá ao novo equipamento para comprobar a execución dos traballos, aos que só lles faltan retoques mínimos que non impiden a súa utilización desde hai varios días.

O Concello investiu na obra 18.000 euros, que se foron na preparación do terreo situado ao carón da horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos -á beira do Xubia-, pero tamén en todo o que precisa unha zona de servizo deste tipo, pensada para que o turismo sobre rodas se deteña, baleire os wc e a auga sanitaria e cargue os depósitos con auga limpa antes de proseguir camiño. Son habitualmente paradas puntuais ou, como moito, para pernoctas dun día para outro.

“Esta área non é un cámping nin pretende selo, senón que se trata dun servizo que consideramos necesario ofrecer e que non existe ao longo da AC-862 ata chegar a Ortigueira.  Ademais pode xogar a favor do noso turismo e ser beneficioso para a hostalaría e outros establecementos”, apunta Secundino García.

Tendo en conta iso, que é un espazo para deterse o xusto, descansar e proseguir camiño, o Concello ten previsto regular o uso das instalacións, aínda que sexa só cunhas directrices moi básicas relacionadas, por exemplo, cos tempos máximos de estadía ou coa petición xeral de non ocupar as prazas máis do estritamente necesario para o servizo do vehículo, sobre todo se hai outros agardando. Neste sentido sopésase colocar un panel informativo acompañado dun código QR que os usuarios e usuarias terían que escanear ao chegar para deixar constancia da súa presenza, como método máis doado de levar control das permanencias e tamén como maneira de contar cunha estatística sobre o uso das instalacións.

Con todo, o uso dun aplicativo con esa finalidade “só é unha posibilidade que estamos estudando e non é algo urxente mentres non se reactive o turismo”, indica Manolo Varela. O edil de Desenvolvemento local prevé, iso si, que a nova área de autocaravanas da Cortiña “empece a ter movemento agora que a pandemia parece que vai a menos. A autocaravana leva un ano baixo mínimos e o máis seguro é que coas reaperturas territoriais e a progresiva volta á normalidade tamén se reactive a puxanza exponencial que tiña este tipo de turismo ata comezos do 2020”.

Share.