A maxia de pintar coa luz

0

¿Que pasaría se sacamos unha foto na escuridade pasando por diante da cámara cunha vela, un foco ou calquera fonte de luz?. Pois pasaría que estariamos pintando no aire con raios luminosos, case facendo maxia. No mundo da fotografía a técnica coñécese como “light painting”, unha denominación en inglés que significa precisamente iso, facer fotos pintando con luz. A rapazada da Aldea de Verán participou no venres antes da ponte nun interesante obradoiro de iniciación a esta técnica. E cuns resultados sorprendentes. 

Unha cámara de fotos funciona cun principio ben simple: a luz entra polo obxectivo e proxéctase sobre unha superficie que hai no interior do aparello. Antes esa superficie era un carrete e agora é un sensor electrónico, pero o funcionamento mantense invariable case desde os albores da fotografía. Éche certo que hai máis factores que interveñen: un diafragma que regula a cantidade de luz que pasa, un obturador que marca durante canto tempo se deixa pasar…etc. Pero en esencia -moi en esencia- a fotografía é iso.

O “light painting” consiste en deixar a cámara quieta nun contorno completamente escuro e en tomar fotografías cun longo periodo de exposición movendo diante dela unha fonte luminosa. É dicir, en vez de captar a luz nunha fracción de segundo, como facemos habitualmente, aquí do que se trata é de que a foto se estea tomando durante varios segundos ou incluso minutos de maneira que o movemento da luz vaia marcando o sensor (ou o carrete). A imaxe fórmase con raios brillantes que lembran os antigos anuncios luminosos de neón e se temos pulso e sabemos a onde dirixilos podemos construír con eles figuras recoñecibles e cun sorprendente toque artístico.

Iso foi o que fixeron os nenos e nenas da Aldea de Verán, o programa de conciliación e lecer educativo finanzado pola Deputación da Coruña que se desenvolve en San Sadurniño nos meses de xullo e agosto. Primeiro asistiron a unha clase acelerada de fotografía e despois tiveron que levar á práctica a teoría. Tiraron varias fotos de grupo nas que tiveron que estar practicamente inmóbiles mentres que, cunha lanterna, se ía delimitando o seu contorno.

Como resultado obtiveron postais rechamantes que parecen ter sido retocadas cunha especie de rotulador luminoso. Pero non, son fotos feitas no momento pola cativería da Aldea de Verán que, de seguro, continuará perfeccionando a técnica na casa.

 

Share.