A igualdade trabállase desde a infancia

0

É sabido que as condutas machistas e a normalización das desigualdades por razón de xénero non son algo co que se nace, senón que se aprenden. Por iso o Concello mantén desenvolve durante todo o ano programas orientados á educación da rapazada en igualdade, que se ven reforzados en datas sinaladas como o 25 de Novembro ou o 8 de Marzo. Durante este mes en que estamos, o departamento municipal de Igualdade puxo en marcha varias propostas en colaboración co CPI San Sadurniño coas que seguir sementando nas conciencias da rapazada e a mocidade que un outro mundo de responsabilidades compartidas, respecto e igualdade plena é posible.

Neste sentido, unha das actividades en marcha é o obradoiro “As mulleres que nos constrúen”, coordinado por Tarabela Creativa nos cursos de 1º a 6º de Educación Primaria. “Buscamos indagar nas historias das nosas orixes. De onde vimos, como as mulleres que forman parte da nosa familia contribúen ao noso relato de identidade… Tirando do fío da nosa memoria familiar, tratamos de entender a importancia que teñen todas e cada unha delas como seres individuais, como parte da nosa familia e tamén como parte da comunidade”, explican desde Tarabela.

O obradoiro leva a cabo ese obxectivo cun traballo colectivo adaptado a cada grupo de idade. Así, as nenas e nenos máis pequenos debuxaron unha muller da familia e despois fixeron un collage conxunto con todas as obras, co obxectivo de alentar a creatividade infantil e promover que cada crianza se interesase polos referente femininos do seu entorno inmediato.

Nos cursos de 6 a 8 anos tamén se utilizou a técnica do collage, aínda que partindo de fotos das familiares e engadíndolle a encomenda de contar a historia representada nas imaxes e tamén a das súas protagonistas. Tarabela Creativa facilitoulles ás cativas e cativos un pequeno cuestionario de guía para facerlles o traballo máis doado e como engado para que a rapazada mantivese unha conversa persoal (e un tempo de aprendizaxe compartido) coa muller elixida para o seu traballo.

Por último, a rapazada de 9 a 12 anos seguiu o mesmo fío que os outros cursos dándo un paso máis, consistente en que fixesen unha recollida oral e que despois construísen un relato que a resumise. Ademais do cuestionario de guía, neste caso tamén se lles deron unhas nocións moi básicas sobre como redactar: tipos e tempos de narración, puntos de vista, etc. Ao día seguinte deberon ler en alto os seus escritos e, ademais, explicar como fixeron a recollida, cales foron os motivos de escoller a portagonista e a historia e, quizais o máis importante, compartir co resto da clase o significado que tivo para eles e elas.

Todos os traballos feitos durante esta semana no CPI de San Sadurniño están expostos nun grande mural colectivo disposto nas paredes do centro, co obxectivo de poñer de manifesto “que as mulleres relevantes están preto de nós, no propio seo familiar. O que fan cada día é destacable e, aínda que non vaian aparecer nos libros de historia, si deben aparecer na nosa historia persoal, dándolles o lugar e o valor que merecen”, resume Tarabela Creativa.

A actividade está organizada polo Concello en colaboración co centro de ensino e conta con financiamento dos créditos recibidos da Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade.

Máis actividades
A intención da Área de Igualdade é que o mural poida verse na Casa da Cultura con motivo do acto central do 8M programado para a tarde do domingo 27 de marzo. Carme Conde -unha das responsables de Tarabela- tamén explicará como se desenvolveu a iniciativa “As mulleres que nos constrúen” e cales foron os seus obxectivos, resumidos nun pequeno vídeo sobre o proxecto.

O acto comezará ás 18:00h e nel tamén se inclúe  o pase do filme “Nación”de Margarita Ledo, seguido dun coloquio coa directora de produción do filme, Olaia Ledo. Ademais tamén se presentará a iniciativa “Chaveiros solidarios” desenvolvida co gallo do 25N en colaboración coas Lolas da Cascarilla. A cita do Día Internacional da Muller contará coa actuación da frautista local Erika González.

Porén, antes daquela aínda quedan dúas propostas para o alumnado do CPI. Así, o martes 22 de marzo a mocidade de 4º da ESO asistirá na Casa da Cultura á proxección da curtametraxe “As tres caídas de María Santiso” e o xoves 24 o alumnado de 2º baixará até a Casa do Concello para un percorrido pola exposición “Mulleres que”, guiado pola súa autora, a creadora local Micaela Campanini.  A mostra pode visitarse até o día 31 nos horarios de apertura das oficinas municipais.

Cabe recordar, por último, que durante os últimos días as nenas e nenos máis pequeniños do centro escolar tamén estiveron traballando sobre o tema da muller e o deporte utilizando como material didáctico o libro editado polo Concello “Os Bolechas van a San Sadurniño camiñando pola igualdade”.  Ademais, as clases de infantil recibirán na semana do 28 a visita da farmacéutica Elvira Díaz-Montero Caramés e da súa filla Sol de Lera Díaz-Montero, ambas deportistas -Elvira é corredora e Sol forma parte do Aldebarán de volei- para falarlles ás nenas e nenos sobre a súa experiencia.

igualdade

Share.