Medio Rural e o Concello ofrecen un curso de comercialización de produtos hortofrutícolas e mel

0

O Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla, situado no recinto feiral de San Ramón de Moeche, completou durante o verán dous cursos sobre a elaboración de produtos en conserva aos que asistiron un total de 30 persoas de toda a comarca. Ademais de ver os procesos de transformación e preservación de hortalizas e froitas, as participantes tamén recibiron capacitación sobre o uso da maquinaria dispoñible nas instalacións e sobre os protocolos de seguridade -tanto laboral como alimentaria- que deben seguirse no centro. Agora, de cara ao mes de outubro, a Área de Servizos Agrarios de Ferrol-Betanzos da Consellaría do Medio Rural, en colaboración co Concello de San Sadurniño, vai ofrecer unha nova acción formativa de 42 horas de duración que se ocupará da parte relacionada coa comercialización dos produtos hortofrucícolas e do mel. As preinscricións deben facerse a través desta ligazón indicando o código do curso FC2022F115102.

O curso comezará o 17 de outubro e rematará o día 31 e desenvolverase na Casa da Xuventude en horario de 16:00 a 20:00h durante nove días e de 14:00 a 19:00h durante os dous días restantes. Trátase dunha actividade gratuíta cofinanciada con fondos europeos FEADER nun 75% e no outro 25% polo Estado e máis a Xunta de Galicia a partes iguais. Encádrase nas propostas formativas anuais que programa Medio Rural a través da AGACAL, dirixidas prioritariamente a persoas que traballan no ámbito agrogandeiro, mocidade que queira incorporarse ao sector ou a calquera que teña vinculación coa gandaría e/ou a agricultura.

A formación que comezará en cuestión de días ten abertas as preinscricións en liña na plataforma de Medio Rural, onde se deben cumprimentar todos os campos requiridos e, principalmente, os referidos ao código do curso, que é o FC2022F11510, e os dos datos do REAGA -e no seu caso tamén do CRAEGA-, posto que ter unha explotación en marcha dará preferencia no acceso á actividade, para a que hai 30 prazas dispoñibles.

Aínda que na convocatoria non se especifique, o curso está pensado para darlle continuidade á formación das persoas que xa participaron durante o verán nos dous primeiros seminarios impartidos no Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla. Neles viron todo o relacionado coa conservación de alimentos, o manexo de maquinaria dispoñible nas instalacións e a seguridade laboral e alimentaria.

Agora dase un paso máis ofrecéndolles tanto a elas e eles como a outras persoas a posibilidade de incrementar os seus coñecementos na última parte do proceso: a da comercialización. Neste sentido abordase a preparación dun proxecto empresarial identificando previamente os mercados e calculando as necesidades de investimento e financiación. Tamén se tratará a normativa sobre etiquetado e as distintas gamas de produtos alimentarios e as súas especificacións. O curso ensinará, ademais, como calcular custes e outras variables económicas mediante follas tipo EXCEL.

Na última parte tocaranse outros aspectos fundamentais para a viabilidade dun proxecto produtivo baseado na transformación, como son a situación actual e as perspectivas de futuro do mercado agroalimentario, a sostenibilidade ambiental e social, as estratexias de distribución e de posicionamento aproveitando as novas canles de comunicación, etc. O programa formativo previsto rematará con 12 horas dedicadas a estratexia empresarial, analizando de maneira individualizada as iniciativas que cada alumna ou alumno teña en marcha ou queira promover.

Para obter máis información sobre o curso pódese contactar co responsable técnico do mesmo na Oficina Agraria Comarcal, Antonio Alvarez Feal, nos teléfonos 981 337 048 ou 981 337 049 (preferiblemente a primeiras horas da mañá de luns a venres).

banner financiamento

Share.