A avespa asiática entra no momento de maior actividade predadora

0

Entre tanto Pokémon Go e outras noticias de alcance que ocupan as páxinas dos xornais, parece que teñamos esquecida a avespa asiática. Si, a velutina segue entre nós e segundo informa a xente que se adica á apicultura, nestes momentos os ataques ás colmeas están sendo xa moi intensos. E é que durante o verán esta especie cambia de dieta e as abellas convértense nun dos seus principais alimentos, posto que precisa proteína para facer medrar rapidamente as súas colonias. Entrando na recta final de xullo as velutinas están xa nos niños secundarios, que poden aparecer en árbores ou en calquera lugar situado a varios metros de altura. Se vemos algún hai que chamar urxentemente ao 012.

Os últimos datos oficiais publicados por Medio Rural indican que a día 15 deste mes se detectaran en San Sadurniño entre 6 e 25 niños de velutina desde que comezou o ano. A Xunta non dá datos máis precisos. Só un mapa cos concellos marcados en cores segundo a intensidade da invasión. San Sadurniño está en rosa, pero outros municipios da contorna como Valdoviño ou Narón están pintados en vermello, o que significa que Medio Rural levaría contabilizados desde xaneiro un número indeterminado entre os 26 e 100 niños.

Quen saben de primeira man cal é o estado da praga -termo que aínda non foi establecido oficialmente para a velutina- son as persoas que teñen colmeas. Esta mañá acompañamos a unha delas ao seu apiario e puidemos comprobar que a avespa asiática está atacando duramente ás abellas. Hoxe, cunha mañá máis ben fresca e un día anubrado, a iso das 10.00h. as avespas asiáticas facían garda diante das piqueiras a razón de cinco ou seis por colmea. O vídeo que encabeza esta nova, gravado no lugar de Cabanas, en Naraío, dá boa conta da actividade predadora das velutinas.

Segundo se cre, a Vespa Velutina Nigrithorax modifica a súa dieta durante o verán para obter máis proteína coa que alimentar as crías da incipiente colonia definitiva, que irá medrando ata principios do outono. Daquela optarán polos hidratos de carbono e, en vez de acosar as colmeas, botaranse á froita sen distinguir entre figos, uvas, mazás e todo o que estea maduro e cargado de azucre.

Á espera de métodos definitivos para desfacerse das avespas, o único que se pode facer é minorar no posible a súa presenza no territorio. E para iso fai falla atopar os niños e destruílos. Algo do que se encarga a Xunta de Galicia a través do teléfono 012, aínda que os concellos e entidades apícolas tamén están intervindo en casos en que as colonias supoñan un perigo para a xente alén do xa sabido prexuízo ambiental.

Un problema que se estende por Europa
Está aceptado pola investigación que a avespa asiática entrou en Europa por Francia, posiblemente nun cargamento marítimo procedente do sueste daquel continente. Desde 2010 en que tería comezado a invasión do norte da Península -País Vasco, Cantabria, Asturias e, simultaneamente, o norte de Portugal e o norte de Galicia-, a praga tamén se foi propagando por outros países, como Italia e mesmo por latitudes tan pouco favorables, en principio, como a Gran Bretaña ou Austria.

Deste último país temos noticia xa que a páxina en facebook do goberno do Estado de Salzburgo publicou o vídeo producido polo Concello de San Sadurniño en 2014 para ilustrar a información sobre a lei que vai promulgar de cara a protexer da invasión o seu territorio. O vídeo “A avespa asiática, unha ameaza ambiental” pasa xa das 30.000 reproducións en youtube e, tras case dous anos, segue utilizándose en charlas e foros públicos ao respecto da velutina. Mesmo no Xapón se interesaron por el. Hai uns días unha representante da cadea Tokio Broadcasting System -unha das principais televisións niponas- deixou unha mensaxe na canle de youtube do Concello solicitando autorización para empregar a peza nun programa de televisión.

Share.