A AGFA do Eume inicia unha campaña a prol da preservación da froita autóctona

0

A VIII Feira Rural de San Sadurniño será, outro ano, escaparate das castes de froita que tradicionalmente se cultivaron en Galicia, especialmente nas comarcas do Eume, Ferrol e o Ortegal. Boa parte delas están reunidas na horta de conservación Carlos Fornos situada ao pé da feira. Maciñeiras, pereiras, pexegueiros, cerdeiras, castiñeiros e outras especies compoñen unha colección con 150 variedades e a previsión de incorporar en breve outras 30. Todas elas produto do cultivo e selección durante xeracións para dar con froitos de excelente sabor e calidade e perfectamente adaptados ao chan e ao clima. Porén, segundo a AGFA, este patrimonio vexetal e cultural conservado en San Sadurniño está desaparecendo no resto de Galicia, do Estado e de Europa por mor dos cambios socioeconómicos e dunha lexislación que, ao seu xuízo, non estaría axudando a frear a perda senón a acelerala. Por esta razón a entidade iniciará durante a feira unha campaña de recollida de adhesión a un manifesto que en esencia pide precisamente iso, que se tomen medidas para preservar a froita autóctona.

O manifesto busca a implicación da cidadanía, de administracións e entidades do territorio a prol da conservación das castes froiteiras do país, pero tamén para reivindicar unha maior difusión e a potenciación da súa comercialización, en contraposición co que -segundo a AGFA- promove a lexislación europea “centrada na teima da homoxeneidade do produto e no control sanitario, así como no apoio á agricultura industrializada e á entrada masiva de froitas doutras partes do mundo”. A asociación indica que esta tendencia provocou que “en 20 anos” a fruticultura tradicional galega “practicamente desaparecese”. De aí que se urxan medidas encamiñadas preservar este patrimonio tamén como factor de “reactivación económica do agro” con incidencia “na dinamización social e demográfica dos espazos rurais”.

A AGFA sinala, por outra banda, que os milleiros de variedades e tipos de froitas que existen hoxe en día “están en serio perigo de desaparecer, por mor da imposición dun reducido número de variedades comerciais e de distribución mundial” que, ademais, supón supón “unha perda de biodiversidade frutícola sen precedentes na historia da humanidade”. Algo que a asociación cualifica no seu manifesto como “unha irresponsabilidade colectiva” por tratarse de variedades “que se adaptan ao medio onde se atopan e teñen unhas cualidades e unhas calidades que se cadra as variedades comerciais non poden acadar”.

O manifesto apunta ademais “á presión dos laboratorios e das grandes empresas de distribución” e, na mesma liña, “á lexislación promovida pola Unión Europea e polos Estados membros” que, tal e como alerta a AGFA, estarían poñendo “moitos atrancos” á fruticultura tradicional e ás variedades autóctonas, tamén chamadas “de conservación”. Lembran que  o novo plan estatal relativo á certificación de plantas en viveiro “incide no control da identidade das froiteiras que se comercializan, co propósito de prohibir a comercialización daquelas variedades que non sexan previamente controladas, identificadas e incluídas no Rexistro estatal de variedades comerciais”. A asociación tamén critica que a normativa europea existente “está pensada para regular a creación de novas variedades comerciais por parte dos laboratorios dos grandes grupos multinacionais e esquece a protección das variedades xa existentes, logradas grazas ao traballo anónimo, durante centos de anos, de milleiros de labregos e labregas”.

Por último, o manifesto impulsado pola AGFA do Eume reivindica un maior compromiso institucional coa caracterización e rexistro das castes do país “algo que leva tempo e bastante traballo técnico” e que, de non facerse, “ficarán fóra do mercado de plantas de viveiro, e polo tanto non se poderán expandir nin se poderán crear explotacións froiteiras con estas variedades tradicionais”.

A iniciativa a prol da conservación da froita autóctona insta á Unión Europea a que cree unha comisión de traballo que analice a situación da biodiversidade vexetal agrícola “e as consecuencias da implantación da nova lexislación comunitaria a nivel europeo, tanto dende o punto de vista económico, como cultural e ambiental”. Tamén lle pide que se teñan en conta as variedades froiteiras de conservación ou autóctonas “de cara a que se asegure a súa efectiva preservación e se promova a súa difusión e introdución nos mercados, especialmente nos ámbitos locais” e, ademais, solicita o impulso dunha denominación de variedades protexidas en perigo de extinción “que permita protexer e divulgar o patrimonio frutícola, e que prohiba a súa manipulación xenética e o seu posterior rexistro como variedade protexida (con patente)”.

Ao Estado, a AGFA solicítalle que, dentro das súas competencias, “lexisle no mesmo sentido” que a UE e que estableza “un período transitorio suficiente que permita adaptarse á nova normativa”, así como liñas de axudas para adaptar viveiros e explotacións fructícolas polo lucro cesante de non poder comercializar planta e froita de variedades que non estean rexistradas.

O texto, asinado polo presidente da AGFA, Ramiro Martínez, ten tamén peticións para Galicia no sentido de que o Parlamento lexisle “no ámbito da protección das variedades autóctonas, de conservación ou das variedades de afeccionado das froiteiras” e que se cree un rexistro autonómico destas castes. Á Xunta encoméndaselle a garantía da preservación das variedades “achegando medios técnicos e humanos” para a súa caracterización, rexistro, preservación -en bancos de recursos fitoxenéticos- e difusión. O listado de demandas finaliza con tres apartados: que se permita e fomente a utilización das variedades do país, o deseño dun plan específico de apoio á fructicultura -formación, investigación, innovación e difusión de coñecementos tradicionais- e que Medio Rural habilite unha liña de axudas “para especies vexetais en risco de erosión xenética”.

O “Manifesto a prol da preservación, difusión e comercialización das variedades autóctonas de froiteiras”, presentarase este sábado no transcurso da VIII Feira Rural de San Sadurniño e a Asociación Galega da Froita Autóctona do Eume agarda que sexa asumido mediante sinatura ou adhesión polo maior número posible xente, entidades e institucións. Neste sentido a asociación fará chegarlle o escrito ao tecido asociativo e tamén aos concellos para que poidan adherirse ás súas teses a través de resolucións plenarias.

Documentación descargable:
Manifesto a prol da preservación, difusión e comercialización das variedades autóctonas de froiteiras

Share.