Os concellos piden medidas que garantan o futuro de Endesa As Pontes

0

Representantes de alomenos 13 concellos da Coruña e Lugo, do sector do transporte, sindicatos e agrupacións empresariais reuníronse este mediodía nas Pontes para reivindicaren do Estado medidas que aseguren unha “transición xusta” cara a un modelo enerxético máis sustentable e, a curto prazo, condicións que propicien a reactivación da térmica pontesa, desconectada da rede desde hai  meses a raíz da suba dos custes de produción polo prezo do carbón e, máis que nada, dos dereitos de emisión de CO². Unha situación que está repercutindo de maneira máis visible no transporte do carbón. Segundo as primeiras estimacións calcúlase que os 150 camioneiros que nutren a central de combustible levan perdidos arredor de 6 millóns de euros no último trimestre.

A central de Endesa As Pontes é a térmica máis grande de España. E tamén a que máis leva investido en reducir os seus efectos contaminantes para axeitarse á normativa europea. De feito, o ano pasado comezou unha transformación tecnolóxica cifrada en 200 millóns de euros  coa que se agardan reducir nun 71% as emisións de dióxido de xofre, nun 62% as de óxido de nitróxeno e nun 80% as partículas que van á atmosfera.

Este cambio que lle auguraba un futuro prometedor á central -ou alomenos outros 20 ou 25 anos de vida útil- bate co encarecemento dos dereitos de emisión de gases de efecto invernadoiro, sometidos á especulación nas mans de fondos de investimento e a políticas cada vez máis restrictivas por parte da Unión Europea en canto ás cantidades dispoñibles para cada empresa. De feito, segundo parece, a suba do prezo da tonelada de emisións é un dos factores que máis fixo medrar a factura da luz nos últimos cinco anos, e tamén é un dos factores que máis lle afectan aos balances económicos das empresas con plantas coma a das Pontes, á que lle é máis rendible non producir que ter que mercar a prezo de ouro máis dereitos para facelo ou arriscarse ás multas.

Tal e como comentaba esta mañá o alcalde das Pontes, Valentín González, o incremento dos custes do CO²  -ademais do chamado ‘céntimo verde’- obedece principalmente a manobras no mercado: “están especulando co aire que respiramos. Estase deixando mercar dereitos a especuladores americanos. O prezo pasou de 8 a 25 euros e fálase de que no futuro chegará aos 35 euros”.

Nas Pontes a térmica está baixo mínimos desde hai máis de tres meses, o que provocou un freazo en seco do transporte de carbón procedente do porto exterior. A maior parte dos 150 camións que fan esa ruta están parados, e con eles os ingresos das 80 empresas que dependen case exclusivamente das viaxes entre Ferrol e o parque de carbóns de Saa. Manuel Bouza ‘Cholo’, cabeza da asociación que agrupa a totalidade de transportistas, aseguraba que cada mes “deixan de facturarse arredor de 2 millóns de euros, son unhas perdas de 14 ou 15.000 euros por camión. A xente ten que pagar ‘letras’, seguros, gasóleo… hai xente que o está pasando francamente moi mal”. E, a remolque do que deixan de facturar os transportistas, van moitas outras actividades: combustibles, hostalaría, comercio, etc., que tamén “van notar” en maior ou menor medida este paro. Por este motivo, Bouza solicitou que “desde os concellos e desde toda a comarca se defendan todos estes postos de traballo”.

Un dos primeiros xestos nesa liña foi a xuntanza desta mañá na Casa do Concello das Pontes, á que acudiron rexedores e rexedoras de toda Ferrolterra, do Eume, do Ortegal e da Terra Chá. Segundo explicou Secundino García Casal, o acordo que se adoptou foi o de dirixirse ao Ministerio de Transición Ecolóxica “para que se defina un cambio de modelo que leve aparellada unha transición máis xusta para a realidade da comarca e dos investimentos que está facendo a empresa para reducir a contaminación. A actividade económica xerada arredor de Endesa supón uns 80 millóns de euros ao ano que non poden frearse de golpe. En paralelo tamén se debe buscar unha solución inmediata para a situación de parálise na térmica das Pontes, que está repercutindo xa no resto do tecido socioeconómico, empezando polo transporte”.

O alcalde de San Sadurniño mostrouse de acordo coa adopción dunha postura de “unidade política neste tema”, aínda que sinalou que “non se debe fuxir do debate político”, habida conta de que, segundo García, “foron decisións políticas as que liberalizaron o mercado eléctrico e foron decisións políticas as que liberalizaron o mercado de emisións, o que provocou o encarecemento da enerxía e que se estea especulando coas emisións”.

O contido da misiva que se lle fará chegar ao Ministerio de Transición Ecolóxica seguramente sexa coincidente co da moción aprobada hai escasos días polos grupos municipais das Pontes. Nela proponse a creación dunha mesa de traballo integrada por todos os actores implicados, incluído o ministerio e os concellos afectados, que permitan a exploración conxunta de medidas paliativas que garantan a continuidade productiva dos complexos térmicos en condicións de competitividade e rendibilizar as inversións realizadas nestes derradeiros anos, así como o traballo conxunto de cara a unha transición xusta para o territorio.

A moción aprobada en pleno tamén esixe do Comisario europeo de Acción polo Clima e Enerxía a intervención do mercado de emisións  para impedir prácticas “puramente especulativas” que penalizan á economía galega e nacional afectando aos precios da enerxía o que vai en contra de diferentes sectores productivos de carácter basicamente industrial.

Share.