Declaración Institucional do #8M

0

O Concello celebrou hoxe ás 13.00h. o evento central con motivo do 8M, Día Internacional da Muller. Nel izouse a bandeira feminista diante da casa consistorial e leuse a declaración  institucional aprobada por unanimidade no pleno do pasado mércores. O texto pon o acento no paso atrás que supuxo a pandemia para a igualdade e os dereitos da muller, pero tamén na reivindicación e no compromiso firme do Concello e do resto da sociedade de San Sadurniño por seguir traballando, por recuperar as conquistas sociais que se deron neste ámbito e por avanzar cara a unha igualdade plena entre mulleres e homes.

A celebración do Día da Muller continuará mañá co inicio dos obradoiros virtuais “Namórate da túa vida” ofrecidos pola coach Laura Fernández. As inscricións poden facerse ata mañá ás 14.00h. enviando un correo a pilar.calvo@sansadurnino.gal ou contactando coa Educadora Familiar a través do 981 490 027. As sesións, que son gratuítas, desenvolveranse os martes 9, 16 e 23 de marzo a partir das 20.00h. Sobre o contido de “Namórate da túa vida” falounos esta mañá a propia Fernández, nunha pequena entrevista que temos publicada no noso Facebook https://fb.watch/45S9DROnY2/.

Ademais, ao longo da tarde de hoxe tamén se publicará a galería de imaxesde agradecemento ás mulleres do municipio enviadas por familiares e amizades.

DSC00230-web1441x1921H70

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL.
8M, DÍA DAS MULLERES

Este 8 de marzo de 2021 as mulleres facemos folga porque a pesares dos avances que se produciron nos últimos anos se algo demostrou a crise sanitaria sen precedentes que estamos a vivir é a importancia da nosa forza para soster o presente, pero tamén a profunda desigualdade do sistema económico e social, e temos a obriga de continuar coas actuacións políticas que centren os seus obxectivos na consecución de maiores cotas de igualdade e que repercutan claramente na mellora da nosa posición en todos os ámbitos.

A pandemia fixo visible o papel esencial das mulleres para o sostemento da vida e aqueles traballos esenciais para a sociedade. Estes empregos están ocupados maioritariamente por mulleres e son, ademais, os máis precarios e invisibilizados, moitos deles mesmo sen cobertura legal. As caixeiras, as limpadoras, as traballadoras domésticas, as coidadoras de diferentes ámbitos, as sanitarias, etc… foron visibles no comezo desta crise e aparentemente recoñecidas social e institucionalmente. Porén, un ano despois as súas condicións laborais, económicas e sociais non melloraron, senón ao contrario. Hoxe estes sectores sofren un maior impacto pola precariedade das súas condicións e a carencia dun sistema público de servizos básicos forte.

A crise da Covid-19 deixou en Galicia unha destrución de 21.000 empregos dos que 15.900 estaban ocupados por mulleres. Así mesmo, a fenda salarial continúa a superar o 20% e ten tamén o seu impacto na fenda das pensións. Unha situación agravada por esta crise, que continuará empeorando de non tomarse medidas contundentes encamiñadas a que a reactivación económica e social non se desenvolva a costa das mulleres.

Hai un ano o feminismo galego tomaba as rúas baixo o lema “sen coidados non hai vida” e a pandemia demostrou o seu acerto. Porén, un ano despois a situación non mellorou e hoxe son máis as mulleres precarizadas e as que tiveron que asumir de balde traballos de coidado que deberan estar cubertos polos servizos públicos. A actual crise ten un impacto enorme en sectores amplamente feminizados (coidados, servizos, comercio, sanidade, alimentación…) e foron os sectores protagonizados por mulleres os que máis riscos asumiron. Así mesmo, a violencia contra as mulleres segue presente e hai un enorme retroceso na súa visibilidade, ademais de enormes dificultades para romper coa espiral de violencia derivadas das restricións sanitarias e das dificultades para acceder a servizos e ter contacto social.

Nesta liña afonda a “Resolución del Parlamento Europeo, de 21 de xaneiro de 2021, sobre la estratexia de la Unión para la igualdade de xénero” na que se recolle que o 80% das persoas coidadoras asistenciais na Unión o son como coidadoras informais, na súa maioría mulleres (75 %), o que repercute gravemente na fenda de xénero en materia de pensións. Entre o 7% e o 21% das persoas coidadoras informais reducen as súas horas de traballo e entre o 3% e o 18% acaban abandonando o mercado laboral.

A fenda salarial de xénero na Unión é do 16 %, incrementándose ata o 40 % cando se teñen en conta as taxas de emprego e a participación xeral no mercado laboral, que inevitablemente isto repercute nas pensións onde a fenda é do 37 %. Do mesmo xeito a participación no traballo a tempo parcial é moi desigual (o 8 % dos homes fronte ao 31 % das mulleres), o que revela unhas desigualdades persistentes cuxas causas de fondo deben de ser abordadas.

Tamén fai referencia ás mulleres das zonas rurais, mulleres que nos atopamos cun maior número de barreiras que condicionan as nosas oportunidades e calidade de vida: menos e máis restrinxidas oportunidades de emprego, maior illamento e distancia que aumentan as dificultades de acceso a servizos públicos, condicionan o acceso á educación e á atención sanitaria. Mulleres que estamos infrarepresentadas nos foros de toma de decisións, con escasa visibilidade no rol do desempeño do noso traballo, o que dá lugar á falta de recoñecemento da nosa achega á vida económica e social nas
vilas e aldeas.

Durante o mes de marzo imos levar a cabo unha acción para proporcionar ferramentas de empoderamento, crecemento persoal das mulleres así como tamén facer unha homenaxe a través das redes a todas aquelas mulleres de San Sadurniño que cada veciño ou veciña considere que merecen o seu recoñecemento.

Queda moito que mellorar, moito por facer, moito por traballar e confiamos que cando estea en funcionamento a rede de concellos pola igualdade sexa unha ferramenta moi útil para a coordinación e a posta en marcha actuacións conxuntas, medidas de acción, intervención, formación e proxectos que contribúan desde a colaboración institucional e coas entidades do territorio, a mellorar o obxectivo dun maior impacto nas accións que se desenvolvan no territorio.

Por todo o exposto, a corporación do Concello de San Sadurniño acorda:

  • Expresar e recoñecer as convocatorias do feminismo galego que neste 2021 colocan
    no centro do debate os coidados e as consecuencias para as mulleres do sistema
    económico, social e político no que vivimos, agravadas polo impacto da pandemia da
    COVID-19.
  • Recoñecer e apoiar ao feminismo galego polo seu impulso e traballo a favor da
    igualdade real no seu labor durante todo o ano así como a todas as traballadoras , que
    dende os recursos especializados fan posible a mellora das condicións de vida de toda a
    sociedade galega en xeral, e das mulleres galegas e das súas familias en particular.
  • Reafirmar o noso compromiso en poñer a igualdade de oportunidades entre mulleres
    e homes nun lugar central dentro da política pública (económica, social, laboral etc.) de
    modo que a perspectiva de xénero se incorpore a todos os niveis e en todas as etapas,
    creando as condicións necesarias que permitan dinamizar as políticas de igualdade. Así como seguir apostando polas políticas de conciliación como as que se están levando acabo (Aldea de Verán, Escola Infantil Municipal ou o Servizo de Canguraxe ofertado na metade da pandemia) e as de corresponsabilidade e sensibilización levadas a cabo no CPI (Programa de Igualdade, Habilidades sociais, Afectivo Sexual) ou para público en xeral (Memoria Activa, Tempos para Compartir, charlas/coloquio…) para así poder acadar un mundo máis igualitario.

“Sobre todo los que escriben y se tienen por graciosos, no dejan pasar nunca la ocasión de decirte
que las mujeres deben dejar la pluma y repasar los calcetines de sus maridos, si los tienen, y si
no, aunque sean los del criado”.

Rosalía Castro (Las literatas. Cartas a Eduarda 1865)

Share.