A veciñanza do Camiño Arriba decidirá sobre a subministración de auga

0

A zona do Camiño Arriba é unha das que máis notou nos últimos anos o problema do desabastecemento de auga. No monte de Pena Escrita hai varias captacións  que foron indo a menos por mor do descenso das chuvias e dos veráns cada vez máis longos. A este problema hai que sumarlle o da mala calidade da auga, debida a instalacións que carecen de respiradoiros nin elementos filtrantes, pero tamén á penetración de raíces dos eucaliptais próximos e á proliferación de microorganismos no interior dos pozos. Factores que desaconsellan en moitos casos consumir a auga sen antes tratala de forma axeitada e razón pola que o Concello, en colaboración coa veciñanza, buscou un novo manancial capaz de abastecer toda a zona. A auga apareceu e agora toca ver como se vai facer chegar ás casas. O primeiro paso será construír un punto de captación ao tempo que se realizará unha memoria valorada sobre o custe da rede ata os fogares.

Xa a finais do ano pasado o Concello e persoal de COXAPO -entidade que agrupa a maioría das comunidades de augas de Galicia- detectaron que pola ladeira sur da Pena Escrita había unha alta posibilidade de que discorrese un río subterráneo con auga abundante. Así o indicaban as características da paisaxe e tamén as técnicas tradicionais de radiestesia coas que se leva atopando auga toda a vida.

Finalmente, xusto ao pé da pista polideportiva do Camiño Arriba apareceu auga abondosa a escasos 25 metros de profundidade. De feito, polo tubo que deixou a empresa de sondaxes óese correr a auga  do regato soterrado. Porén, tan importante como encontrar auga é que esta sexa boa, é dicir, que sexa potable e que non teña elementos minerais disoltos que desaconsellen a súa utilización doméstica, ben para beber ou ben como auga sanitaria. E as probas analíticas que se fixeron indican que si, que a auga é de boa calidade.

Confirmado entón que hai auga apta e en cantidade suficiente para a demanda actual e futura, o Concello decidiu destinar a liña non competitiva do Fondo Ambiental -dotada con 34.000 euros- a construír unha pequena edificación que aloxe tanto os depósitos como os mecanismos de bombeo, filtraxe e depuración, posto que aínda sendo auga con características axeitadas para o consumo, a lei esixe que calquera punto público de subministración cumpra con estritos parámetros de calidade.

O proxecto para esta instalación está listo. Executarase nun monte lindeiro coa pista polideportiva e, desde alí, comezará a extenderse a rede domiciliaria. Esta parte, a das traídas, foi a que centrou unha xuntanza mantida hai escasos días entre o goberno local e boa parte da veciñanza do Camiño Arriba.

O compromiso alcanzado foi o de que o Concello faga unha memoria valorada sobre o custe de levar a auga desde a captación até as casas do lugar e, unha vez se coñeza, sopesar como é mellor facer. Hai dúas posibilidades. A primeira opción é que a Administración local asuma o investimento e o posterior mantemento, de maneira que o Camiño Arriba tería o servizo nas mesmas condicións que as zonas con abastecemento público, é dicir, con acometidas, contadores individuais e os correspondentes recibos cada trimestre.

A segunda opción suporía que a veciñanza asuma todo o relacionado coa construción e mantemento da rede de tubaxes, constituíndo para iso unha comunidade de augas ou outra fórmula asociativa con ese cometido. Esta solución conta cunha longa tradición no rural galego e, ademais, dispón de liñas de axuda anuais convocadas pola Xunta de Galicia. Unha vez que se teña a memoria valorada dos custes, Concello, veciños e veciñas decidirán por que opción se decantan.

Namentras, desde o goberno local non se desbotan outras posibilidades de cara a obter recursos económicos para esta segunda parte do proxecto. Nunha reunión recente coa directora de Augas de Galicia solicitouse a implicación do ente autonómico no seu financiamento, sexa por iniciativa municipal ou veciñal. No encontro mantido a primeiros de febreiro con Teresa Gutiérrez tamén se pediu colaboración deste organismo para solventar os problemas de abastecemento que se dán no eixo O Outeiro-O Camiño Grande, en Igrexafeita, onde o problema é máis a excesiva mineralización da auga que a súa falla.  Tras varias catas sen éxito, semella que a única solución viable é facer unha traída por gravidade desde algún dos acuíferos da fraga  ou do cordal do Forgoselo.

 

Share.