O Concello insta a Augas de Galicia a axilizar os informes do PXOM e o saneamento de Piñeiros

0

O alcalde e mailo concelleiro de Obras reuníronse este mediodía en Santiago coa directora de Augas de Galicia para expoñerlle a necesidade de distintos investimentos  para San Sadurniño. Porén, no encontro con Teresa Gutiérrez, Secundino García e Manolo Beceiro tamén pediron a tramitación urxente  dos informes que debe emitir o organismo público para que o Concello poida aprobar provisionalmente o PXOM. Por outra banda, os representantes municipais puxeron en antecedentes a Gutiérrez -no cargo desde o pasado mes de outubro- sobre o compromiso adquirido por Augas de Galicia hai máis dunha década para financiar o saneamento conxunto para San Sadurniño e Narón na zona de Piñeiros.

Entre as necesidades que se lle trasladaron a Augas de Galicia estarían a dos dous proxectos de abastecemento comunitario que o Concello quere poñer en marcha en colaboración coa veciñanza do Camiño Arriba, en Lamas, e máis das zonas máis poboadas a un e outro lado da AC861, en Igrexafeita. Nas asembleas do orzamento participativo demandouse como prioritaria a solución aos problemas existentes coa auga neses núcleos, no caso do Camiño Arriba debido á falla de caudal en momentos de seca e no caso de Igrexafeita por mor da súa excesiva mineralización, que impide calquera tipo de uso doméstico.

O Concello levou a cabo prospeccións que, de momento, só tiveron éxito no Camiño Arriba, onde se atopou un acuífero subterráneo con capacidade suficiente para atender as necesidades actuais e futuras do lugar. Situación ben distinta é a de Igrexafeita, onde a grande variedade xeolóxica do eixo O Outeiro-O Camiño Grande está complicando a tarefa de atopar auga de calidade e en abundancia. As catas feitas en distintos puntos só deron  como resultado caudais máis ben baixos e con presenza de múltiples metais e minerais disoltos. Con este escenario o plan “B” do Concello é traer a auga por gravidade desde máis lonxe, como por exemplo a fraga da outra banda do río Castro ou incluso desde o borde do Forgoselo.

Os proxectos consistirían en buscar e atopar auga con boas condicións e construír os depósitos, que levarían equipamentos de filtraxe e depuración axeitados. A súa conexión  cos domicilios faríase con pequenas traídas comunitarias.

Para levar a cabo estas ideas fan falla cartos. Parte deles, uns 34.000 € para a obra no Camiño Arriba, xa se incluíron na liña non competitiva do Fondo Ambiental, mentres que para Igrexafeita se requerirá un investimento maior e tamén a obtención de autorizacións específicas por tratarse de zona ZEPA incluída en Rede Natura 2000. Cuestións ambas para as que hoxe se solicitou a colaboración de Augas de Galicia. “A directora mostrou interese polos proxectos e asegurounos que lle trasladaría a documentación ao persoal técnico para que analice a súa viabilidade e as posibles fórmulas de colaboración. Tamén nos pediu que lle enviemos a memoria valorada da traída de Igrexafeita tan pronto como estea lista”, resume Secundino García.

Informes do PXOM
Outra das cuestións importantes tratadas na xuntanza coa responsable do ente público foi a tardanza que a xuízo do executivo local se está producindo na remisión dos informes sectoriais correspondentes ao PXOM de San Sadurniño. Hai máis de tres anos que o planeamento se aprobou inicialmente en pleno e só queda pendente  que Augas de Galicia envíe os informes favorables que son da súa competencia.

Secundino García e Manolo Beceiro instaron a Teresa Gutiérrez a que se axilicen uns trámites dos que depende a resposta ás alegacións presentadas pola veciñanza e a posterior aprobación provisional do planeamento urbanístico. Beceiro comenta que  toda a información do planeamento e tamén a referida á adaptación á normativa das captacións e liñas de abastecemento municipais “está entregada desde 2016”. O concelleiro de Obras mostrou a súa preocupación “polo retraso que se está acumulando” e, neste sentido, asegurou que na xuntanza “volvemos insistirlle a Augas en que lle dea para adiante aos informes que ten que elaborar porque sen eles a tramitación do PXOM non pode avanzar”.

Saneamento de Piñeiros
A outra cuestión importante que se puxo hoxe enriba da mesa foi a do desbloqueo do proxecto de saneamento conxunto para San Sadurniño e Narón na zona de Piñeiros. En 2008 Augas de Galicia comprometeuse por escrito a executar cos seus propios fondos unha rede de sumidoiros que conectase coa depuradora de Cornide toda esa área limítrofe entre San Sadurniño e Pedroso.

O proxecto, cifrado nuns 200.000 euros, encadrábase no Plan Hidrolóxico de Galicia e, aínda habendo cambio de goberno na Xunta, Augas de Galicia seguiu manténdoo e solicitando en 2012 de ambos municipios documentación relativa a autorizacións, dispoñibilidade de terreos e compromisos de mantemento da infraestrutura unha vez finalizada. Papeis que se foron enviando -na súa maioría xa en poder da Xunta desde 2008- pero que, porén, non resultaron aínda hoxe en que a obra se levase a cabo.

Tal e como explica Secundino García, a rede sanitaria compartida “é unha obra moi necesaria” e ademais “unha débeda histórica que a Xunta ten con San Sadurniño e Narón”. O alcalde lamentou que da reunión de hoxe non saíse ningún avance reseñable: “levamos dez anos esperando por algo que non era unha simple promesa, senón un compromiso firme posto por escrito. San Sadurniño fixo e pagou a redacción do proxecto no seu día, respostamos a todas as peticións de documentación que nos fixeron desde Augas de Galicia; Narón e nós dirixímonos por activa e por pasiva á Xunta para que cumpra, pero por agora non nos deron prazo algún e hoxe a directora tampouco nos dixo nada novo, aínda que si se comprometeu a revisar os pormenores do expediente”.

Limpeza dos cauces
Unha última cuestión da que se falou con Teresa Gutiérrez foi a da necesidade de que Augas de Galicia acometa a retirada de maleza nos cauces do Xubia e do Castro, pero tamén no do Aceiteiro e no do regato que suca de norte a sur o núcleo urbano de San Sadurniño. Trátase dunha demanda ambiental para favorecer o desenvolvemento ecolóxico dos ríos, pero tamén dunha cuestión “de seguridade” que en palabras de Secundino García “reduza no posible as repercusións das enchentes e rebordamentos puntuais”.

O alcalde cualificou o resultado da xuntanza coa responsable de Augas de Galicia como “un encontro de posta ao día sobre temas que hai pendentes e novos proxectos que se queren poñer en marcha”, tendo en conta que a directora do organismo público accedeu ao seu cargo hai escasos catro meses. García agarda que da reunión se derive “algún cambio” na relación entre ambas institucións. “Cremos que se deben axilizar cuestións coma o saneamento de Piñeiros e os informes necesarios para seguir co PXOM e esperamos que Augas apoie os proxectos de abastecemento que queremos levar adiante. San Sadurniño está contribuíndo  ao sostemento dos recursos hidráulicos por medio do canon da auga, igual que calquera outro concello de Galicia. O que pedimos é que ese canon teña tamén algún tipo de retorno con investimentos no noso territorio”.

Share.