COXAPO aposta polas traídas de auga comunitarias como mellor opción para o rural

0

A asociación COXAPO é unha entidade sen ánimo de lucro que agrupa comisións veciñais de toda Galicia que solucionaron os seus problemas de abastecemento de auga mediante traídas colectivas. O seu cometido principal é a formación e o asesoramento para facer un uso sostible e responsable dos acuíferos e, máis que nada, para que as subministracións cumpran con toda a normativa en canto a xestión e seguridade sanitaria. O Concello mantén un estreito contacto coa asociación desde que a veciñanza do Camiño Arriba e de Igrexafeita manifestase os problemas que se están producindo nesas zonas, tanto por causa da seca de pozos como pola calidade da auga. Neste sentido, un dos representantes de COXAPO visitou este mércores ambos sitios para coñecer en detalle a situación. A súa principal recomendación foi a de substituír as traídas e pozos particulares por  pequenas redes cun único punto de captación que garanta auga en abundancia e con características axeitadas para o consumo doméstico. Unha proposta que o Concello está decidido a apoiar se a veciñanza decide dar o paso. 

Rafael Carrera é coordinador técnico de COXAPO, vogal na Mesa Nacional da Auga, membro do Consello Reitor de Augas de Galicia e, ademais, un fondo coñecedor da lexislación e de todo canto se refire á captación, almacenaxe e distribución deste recurso básico. Na súa visita fixo unha primeira parada no Concello para repasar os datos analíticos recopilados pola Universidade da Coruña nos abastecementos particulares de Igrexafeita, dentro dun proxecto financiado pola Administración local que fora solicitado pola veciñanza nas asembleas do Orzamento Participativo.

A grandes trazos, a situación que reflicte o estudo da UDC -corroborado por Carrera- é que na zona comprendida entre A Torre e o Camiño Grande, en Igrexafeita, existe un serio problema coa auga debido a que a maioría dos pozos presentan un elevado nivel de metais e minerais, provocado case con total seguridade polas propias condicións xeolóxicas do terreo. Esta circunstancia ten efectos en electrodomésticos -lavadoras, lavalouzas, quentadores…- e, a longo prazo e en casos concretos, mesmo podería repercutir negativamente na saúde.

Por outra banda, no Camiño Arriba, o problema vén dado máis pola diminución dos acuíferos e tamén polas condicións de mantemento dos pozos. A maior parte deles -uns 16 que surten a zona por gravedade- concéntranse na zona de monte de Campo Redondo, situada preto da Pena Escrita, totalmente rodeados por plantacións de eucalipto e, tal e como apreciou Rafael Carrera, con sistemas de protección da calidade da auga deficitarios. De feito, o representante da COXAPO mostrou de que maneira poden aniñar as bacterias no cemento, ata que punto as raíces dos eucaliptos poden danar a infraestrutura e a propia auga e mesmo a importancia de contar cun sistema que impida a entrada de elementos externos mentres se garante que o burato dispoña dunha ventilación axeitada para reducir a acumulación de gases, minimizar a proliferación de microorganismos  e ofrecer mellores condicións para a osixenación da auga.

A falta dun sistema de abastecemento máis adecuado, Carrera fixo varias recomendacións: procurar que os eucaliptos estean o máis lonxe posible dos acuíferos, manter limpo e protexido o contorno dos pozos e o seu interior, que o punto de captación posúa un filtro -mellor que a tubaxe estea rodeada de grava- e, en casos en que as analíticas detecten niveis de contaminación por riba do recomendable, instalar sistemas de depuración. Un moi sinxelo, segundo explicou o representante de COXAPO, consiste nun simple goteiro médico que deixe caer cada certo tempo unha pinga de lixivia alimentaria no pozo. A cantidade virá marcada polo volume total de auga e, ademais, deberá ser controlada periodicamente na casa utilizando para iso tiras ou medidores electrónicos, dos que hai no mercado unha gama moi ampla e con prezos asequibles. Entre as recomendacións o experto tamén ofreceu a de instalar filtros á entrada da canalización nas casas, sinalando tamén que, para maior seguridade, non está de máis colocar sistemas dotados de luz ultravioleta.

Porén, o problema de fondo en Igrexafeita e no Camiño Arriba non é tanto o sistema de captación e almacenaxe, senón a falla de auga en abundancia, con boa calidade e xestionada dunha forma que abarate custes. E aí entra a segunda parte -e quizais a máis importante- da batería de consellos ofrecidos polo representante de COXAPO.

Carrera deu varios consellos para manter os acuíferos en boas condicións

Carrera deu varios consellos para manter os acuíferos en boas condicións

Para Carrera o fundamental en primeiro lugar é dar con auga válida para o consumo humano. Onte mesmo fixo a proba no Camiño Arriba valéndose de dúas varillas de cobre e un péndulo para localizar as veas subterráneas. En menos de dez minutos atopou dúas, aínda que sen atreverse a adiantar nin a súa profundidade nin o seu caudal. Si sinalou que os acuíferos que seguen a liña norte-sur adoitan ofrecer máis garantías en canto a cantidade, mentres que a calidade está directamente relacionada case sempre con profundidades elevadas. O experto destacou a importancia de, unha vez atopada auga, facer a prospección para analizar as súas propiedades en canto á presenza de microorganismos e, sobre todo, de metais pesados.

Coa certeza de dispor de auga boa e abundante, a seguinte recomendación é a de construír un pozo -acompañado ou non dun depósito o máis preto posible- capaz de atender a demanda.  No canto de pozos e traídas individuais, desde COXAPO avógase por sistemas de mantemento e de distribución colectivos que, de ser posible, funcionen por diferenzas de nivel para aforrar os custes enerxéticos dun bombeo.

Nesa mesma liña -a da xestión veciñal da auga- é na que está o Concello. De feito, desde o consistorio estúdase a posibilidade de habilitar partidas económicas de cara a colaborar naquelas iniciativas colectivas que queiran poñer en marcha abastecementos para pequenos núcleos. Quen máis se interesaron pola idea foron os veciños e veciñas da zona do Camiño Arriba, onde as últimas secas ocasionaron problemas de abastecemento, e tamén a xente do Camiño Grande, A Penalonga ou A Torre, en Igrexafeita, onde o problema da auga vén dado polo seu excesivo contido en metais.

Tal e como comentou Secundino García, “o Concello está ofrecendo asesoramento nun tema tan básico como é a dispoñibilidade de auga en zonas ás que non chega o abastecemento municipal. As traídas comunitarias non son algo novo, pero si a necesidade de que se executen cun certo rigor técnico para que haxa auga en abundancia e de boa calidade, cumprindo con toda a normativa sanitaria e de xestión. A auga é un ben prezado que se debe xestionar de forma sostible”.

O rexedor engade que “as iniciativas veciñais neste sentido demostran un cambio de tendencia no modelo de xestión. Seguen facéndose pozos individuais aquí e acolá, pero cada vez hai máis conciencia ao respecto da xestión conxunta e solidaria da auga como maneira de garantir o abastecemento para o futuro”. García asegurou, por último, que o Concello “debe apoiar esa vía” e que, neste sentido, “estudaranse xeitos de colaboración con aquelas iniciativas veciñais que decidan levar a cabo abastecementos propios baseados en criterios técnicos e de sustentabilidade”.

 

Share.