A WWF volve promover este ano a iniciativa global “A Hora do Planeta”, coa que se pretende facer unha chamada de atención sobre o aforro enerxético e a redución das emisións á atmosfera de gases de efecto invernadoiro. San Sadurniño e outros concellos sumaranse á campaña apagando iluminacións públicas entre as 20:30 e as 21:30h do sábado. No noso caso serán os farois desde Cornide até o Outeiro, os da estrada de Pedroso e os de todo o centro urbano, inluídos os dos xardíns do Pazo. Ademais, este ano tamén se engaden os do Enxerto e os da estrada de Ferreira. Só se manterá aceso o punto de luz da área de servizo de autocaravanas, que funciona cun panel solar.
A World Wildlife Fund e outras entidades ambientalistas -e incluso as Nacións Unidas- levan anos alertando de que estamos chegando a un punto sen volta atrás en canto ao deterioramento climático ocasionado pola acción humana. De feito, o ano 2023 foi o ano máis cálido da historia desde que se teñen rexistros, confirmándose desta maneira un progresivo aumento da temperatura global que se manifesta en fenómenos meteorolóxicos extremos como asolagamentos, vagas de calor e incendios de grande magnitude e cada vez máis frecuentes. Segundo a WWF “sobran evidencias da crise climática” e, nese contexto, a Hora do Planeta “brinda a oportunidade de demostrar a nosa preocupación pola degradación ambiental do planeta e resaltar a necesidade de actuar”.
A fundación internacional insiste en que a natureza “é o noso soporte vital”, dado que proporciona “desde o aire que respiramos até a auga que bebemos e os alimentos que comemos”. Por esta razón “debemos defendela agora para salvagardar a saúde do noso planeta e, á súa vez, a nosa propia saúde e benestar”.
A campaña A Hora do Planeta pon o acento sobre este aviso urxente que leva repetíndose 18 anos. Nesta edición propóñense apagar as luces de vivendas e espazos públicos, ademais de desenvolver actividades que reafirmen os compromisos individuais co freo do cambio climático.
Por iso tamén se convida á xente para que doe unha hora do seu tempo facendo cousas que, dun xeito ou doutro, axuden a baixar a pegada humana sobre o planeta: cociñando con menos recursos, facendo deporte ao aire libre e unha chea de propostas pola sostenibilidade que WWF mostra na súa web, protagonizadas en moitos casos por persoas famosas. “Tal vez 60 minutos parecen insignificantes, pero se millóns de persoas en todo o mundo se unen, esa hora convértese en miles de horas de acción polo planeta. Unha hora que inspira a millóns de persoas para actuar polo noso planeta, facendo que todas as demais horas conten. O tempo é o máis valioso que temos”, pide a fundación ambiental.
O Concello de San Sadurniño é xunto un dos 22 municipios galegos que se sumou á Hora do Planeta. Na comarca tamén o fixo Fene, aínda que para o sábado seguramente sexan máis os que se teñan adherido á campaña apagando entre as 20:30 e as 21:30h iluminacións de estradas, edificios públicos e monumentos.
Os espazos elixidos polo Goberno local de San Sadurniño para o fundido a negro deste 23 de marzo son o tramo de iluminación pública que discorre pola estrada de Ortigueira entre Cornide e O Outeiro, a avenida Marqués de Figueroa, o Enxerto, a Agra de Arriba e a Agra de Abaixo, Os Currás, a estrada de Pedroso ata Vilafiúnce, os xardíns do Pazo e a estrada de Ferreira.