Unha mostra de apeiros de labranza lévanos ao pasado non tan lonxano do noso agro

0

Desde esta semana e ata o 20 de setembro pode visitarse no patio interior da Casa do Concello unha completa exposición composta por case medio cento de obxectos empregados nas tarefas da labranza ata non hai tanto tempo. O seu título: “O rural, tarefas e lembranzas”, co que se quere mostrar unha parte do noso patrimonio agropecuario, pero tamén recordarnos que somos o que somos grazas ao esforzo das xeracións que nos precederon arrincándolle á terra os seus froitos. Ademais de tarecos para labrar, colleitar e tascar, na mostra tamén podemos ver fotografías antigas que alentan a memoria de maiores e a imaxinación da mocidade para revivir escenas do pasado debuxadas en branco e negro. A exposición está aberta en horario ininterrompido de 9 a 18.00h. pola semana e de 10 a 14.00h. os sábados e domingos.

Un caínzo, unha sulfatadora, arados de canto modelo hai, peneiras, copetas, máquinas de fiar, raños, gadañas, forquitas, galletos, fouciñas… e así poderiamos botar un bo anaco contando para describir todo o que se exhibe baixo a galería do Concello. Porén, o mellor é pasar por alí para velo todo con detemento.

A mostra é unha iniciativa da área de Cultura que comeza xusto na semana da Feira Rural, o que a converte nun complemento perfecto, por contraste, entre a realidade actual do noso agro e a pasada, que subsistiu ata hai relativamente pouco. A colección -formada por obxectos cedidos por dez familias co concello- fálanos de útiles manuais ou de tracción animal deseñados cun pragmatismo transmitido de xeración en xeración que acabou sucumbindo á mecanización do agro iniciada de forma masiva na nosa zona a partir dos anos 70.

Pero, alén diso, “O rural, tarefas e lembranzas” tamén é unha ollada a un xeito de vida onde, malia as diferenzas e roces que puidese haber, todas as familias do lugar facían piña compartindo traballos e momentos de lecer dos que naceu unha parte importante do noso patrimonio inmaterial.

Recomendamos ler con detemento o texto redactado por Amparo Calvo que se atopa xusto á entrada; acertada reflexión sobre un ser comunitario, tribal incluso, que se resiste a esvaecer no medio do individualismo do noso tempo: “Un día amontoabamos o maínzo de Antón e ao seguinte, Antón axudaba a amontoar o noso. Eramos xente unida, compartiamos tristuras, bágoas, sorrisos, festas, liortas e preitos, porque tamén os había. A auga para os regados era cousa de xulgados… había quen collía por costume andar roubando nela. E cando chegaron os marcos… movíanse sós. Mais de todo o traballado saíron grandes herdanzas. Na malla, cantabamos. Na esfolla, bailabamos. A música tradicional que escoitades, ¿de onde pensades que saiu?. Sabiamos como pasalo ben e eramos persoas creativas e argallerias, por iso tamén vos deixamos os xogos tradicionais. Celebrabamos o Entroido, o San Xoan, o Magosto… e a matanza do porco era tan importante coma a festa da Patroa. Todo iso deixámolo para vós. Remexede nas vivencias, cantade, bailade e xogade. Lembrade refráns e contade contos de vellos, diso sabiamos moito, e tamén volo deprendemos”.

O texto de presentación da exposición acompáñase de dous paneis con fotografías emprestadas por 11 familias das distintas parroquias do territorio. Todas comparten o fío condutor de reflectir tarefas agrarias ou gandeiras. Non son estampas documentais -anque sexan documentos impagables- senón máis ben retratos, poses que transmiten certa felicidade malia a dureza da vida e, sobre todo, miradas de orgullo. A elas refírese a sinopse da mostra falando en primeira persoa, co obxectivo de conectar directamente co corazón de quen se achegue a ela. “Non fomos fotografadas nas nosas tarefas porque non eran fermosas as imaxes con roupa de labor. Verás que posamos, como se de artistas nos tratasemos, mais a realidade era doutro xeito. Somos os teus avós, as túas bisavoas, a familia de calquera veciña ou veciño da túa parroquia. As nosas miradas reflicten canseira, as engurras din de nós unha idade que realmente non temos e as nosas mans están escravas. Traballabamos desde o amencer ao solpor, sen reloxo. Guiabámonos pola orientación do sol. A nosa maquinaria é a que estás vendo, esa que conservades. O raño, a fouce, o forquito… era a maquinaria máis simple. Despois descubrimos o arado, a grade ou o caínzo, novas técnicas tiradas por animais. Nós non tiñamos tractor, tiñamos bois, vacas, cabalos ou burros. Era o motor que ruxía nas nosas leiras”. 

“O rural, tarefas e lembranzas” permanecerá aberta ata o día 20 de setembro con horarios ampliados. De luns a venres pode visitarse entre as 9 da mañá e as 6 da tarde e os sábados e mailos domingos só polas mañás de 10 a 14.00h. Ademais, desde a área de Cultura tamén apuntan que dentro duns días, cando comece a escola, se lle ofrecerá ao CPI a posibilidade de facer pequenas visitas guiadas cunha explicación pormenorizada de todos os apeiros e da conexión que sempre houbo entre labores agrogandeiros, tradición e cultura.

 

Share.