Unanimidade na aprobación dos proxectos e investimentos do POS+

0

O pleno ordinario deste martes 30 de xaneiro, a primeira sesión do ano, levaba na súa orde do día dous asuntos principais. Dunha banda a aprobación da distribución dos fondos do Plan Único da Deputación da Coruña, que conta con 422.000 euros xa asignados máis outros 427.000 en proxectos susceptibles de ser executados por medio dos plans adicionais promovidos polo ente provincial ao longo do ano. O asunto saldouse cun voto favorable unánime de toda a Corporación. Porén, antes deste tema, o pleno abordou unha moción presentada polo representante do PSOE para apoiar a manifestación convocada para o próximo domingo en Santiago por SOS Sanidade pública. Neste caso a proposta saiu adiante só cos votos do edil propoñente e do grupo municipal do BNG.

A plataforma, da que San Sadurniño forma parte, pon enriba da mesa 13 demandas “urxentes” co obxectivo de “frear o desmantelamento da sanidade pública galega”, tal e como se explicou no pleno de onte. Medidas centradas, a grandes trazos, no aumento do orzamento sanitario, máis persoal e equipamentos, ademais dunha organización máis eficiente que permita mellorar a calidade asistencial -especialmente en Atención primaria, Pediatría e para persoas dependente- e rematar coas listas de espera.

Tanto o BNG como o representante socialista apoiaron as demandas da plataforma convocante, mentres que o PP votou en contra aínda recoñecendo que a Sanidade pública galega “necesita algunhas melloras”. A portavoz popular ironizou con que a manifestación cadre en período electoral e instou ao BNG e ao PSOE a que “se poñan a traballar” para reducir as listas de agarda “unha vez que ganen as eleccións” xa que, segundo dixo María Belén Trigo, “as enquisas últimas dan como ganador ao BNG e ao PSOE”.

A manifestación convocada para este domingo 4 de febreiro sairá da Alameda compostelana ás 12:00h e desde a plataforma agárdase que sexa multitudinaria. O movemento porá autobuses desde practicamente toda Galicia para facilitar a asistencia. No caso de Ferrolterra o transporte sairá de Narón ás 9:45h pasando por Correos, Caranza, Fene, Vilar do Colo e Cabanas. Para reservar praza pode chamarse ao 655 695 737 ou ao 680 922 151.

POS Social e investimentos
Tras debater a moción sobre a mobilización do domingo, o pleno entrou no segundo grande bloque da sesión, referido á distribución do POS+, aos proxectos propostos para o Plan Complementario e ao destino do primeiro Plan Adicional do ano -o 01/2024- coñecido como “POS Social”. Este último, dotado con 58.500 euros, dedicarase a reforzar os Servizos sociais mantendo a contratación dunha segunda Traballadora Social, ao financiamento dos obradoiros de estimulación cognitiva para persoas maiores e tamén ao Servizo de Axuda no Fogar.

O debate do asunto -aprobado por unanimidade- deu pé para que Goberno e oposición volvesen debater sobre a actual situación do financiamento da dependencia. A este respecto, o BNG volveu demandar que Xunta e Estado, “que teñen as competencias”, lle acheguen máis recursos económicos aos municipios para “financiar debidamente” a atención domiciliaria. O grupo nacionalista deu como dato que neste momento é o Concello quen está asumindo “aproximadamente o 50%” do seu custe.

Seguindo coa orde do día, antes de entrar na quenda de rogos e preguntas, a Corporación municipal tamén lle deu o visto e prace á distribución das achegas fixas do Plan Único: 204.800 euros para gasto corrente e 158.800 para investimentos na rede viaria. A maiores aprobáronse os proxectos que se presentarán ao Plan Complementario -os que agardan novas partidas provinciais para levarse a cabo-, valorados noutros 427.000 euros. Neste caso son seis actuacións, cinco para aglomerados da rede viaria e unha sexta para ampliar o saneamento ao núcleo de Silvalonga.

Rogos e preguntas
Ao ser unha sesión ordinaria, a última parte da orde do día estivo centrada nos rogos e preguntas. O PP preguntou pola responsabilidade da recollida de animais mortos nas vías municipais, sobre a tramitación de varias solicitudes veciñais por parte dos servizos administrativos e polas funcións do Técnico de Desenvolvemento Local en relación co Punto de Información Catastral. Tamén se interesou polo estado das obras na escola de Igrexafeita -que agardan unha resolución do Consello Consultivo de Galicia para resolver o contrato- e polas previsións con respecto aos traballos de restauración da galería do Concello, xa iniciados.

 

Share.