Último día para participar na mostra colectiva “Aló no recuncho máis fermoso”

0

24 de febreiro de 2020. Hoxe está de aniversario Rosalía de Castro -183 anos do seu nacemento- e tamén hoxe é a data elixida pola área de Cultura para completar a exposición colectiva “Aló no recuncho máis fermoso”, que nestes momentos ten xa practicamente cheas as paredes da Casa do Concello. Entidades e particulares foron achegando nos últimos días os seus deseños na honra dunha muller que foi moito máis que unha escritora. Nai dun rexurdimento de dignificación do galego como lingua culta, escritora nun tempo de escritores e adiantada ao seu tempo pola súa mensaxe clara de reivindicación do empoderamento feminino. Rosalía son moitas rosalías, e así se representa nas obras que podemos ver na exposición da galería municipal.

As paredes blancas do Concello van xa case cubertas de representacións da escritora tan variadas como as múltiples interpretacións e revisións que se poden facer da súa figura a través da prosa e da poesía que nos deixou. Así, nos pequenos cadros cadaquén tirou por onde lle pareceu, debuxando nuns casos, pintando noutros, facendo collages ou combinando distintas técnicas visuais con extractos dos seus poemarios.

Esa era, precisamente, a finalidade da convocatoria lanzada hai varias semanas pola Concellaría de Cultura, no sentido de homenaxear á autora por medio da percepción que dela ten a sociedade e facéndoo por medio da mesma liberdade creativa pola que ela chamou no seu tempo. Un tempo onde a literatura era cousa de homes e onde a sociedade lle reservaba ás mulleres un papel secundario, limitado ao exercicio poético como parte das habilidades que se agardaban dunha señorita refinada.

Rosalía rebelouse contra todo iso. Foi poeta, si, pero tamén se arrepuxo ao mainstream patriarcar facendo prosa. E non só iso, senón que incorporou á escrita temas que ninguén tocaba daquela. A mal entendida saudade e tristura da escritora vese hoxe, tras unha análise sen prexuízos da súa obra, como un compendio de reivindicacións que a historia literaria non quixo ou non soubo apreciar por ser ela muller e pola mensaxe quizais incómoda que zumegaban os seus textos.

Porque, sen que o parecese, Rosalía reivindicou o galego, Rosalía criticou as desigualdades, Rosalía radiografiou as inxustizas do seu tempo, Rosalía describiu o drama social da emigración, Rosalía denunciou o machismo, Rosalía reclamou para a muller o lugar que por dereito lle corresponde… e diso hai xa 150 anos.

Este sábado, clausura do Mes de Rosalía
Ademais da exposición “Aló no recuncho máis fermoso” -hoxe é o último día para achegar obras- o Concello tamén programou unha homenaxe que se desenvolverá na tarde deste sábado 29 de febreiro con varias actividades.

A primeira delas é un obradoiro de rap que utilizará como base os versos rosalianos. Impartirao monitorado de A Vella Escola e trátase dun taller aberto a calquera idade que terá lugar na Casa da Xuventude entre as 16.45 e as 18.45h. Ofértanse 25 prazas que se irán cubrindo por orde de solicitude a través do correo agustin.perez@sansadurnino.gal ou do teléfono 616 332 919.

O resultado dese obradoiro poderemos velo pouco despois, a partir das 19.00h., na Casa da Cultura. Alí está programado un pequeno acto de clausura do Mes de Rosalía que comezará coa proxección da curtametraxe “Negra sombra”, producida polo artista dixital Pablo Millán para o 3º Chanfaina Lab. A parte audiovisual completarase co pase de varios videopoemas gravados no curso sobre manexo do móbil ofrecido pola Aula CeMIT en Lamas e tamén co resume da exposición “Aló no recuncho máis fermoso” que medra aos poucos na Casa do Concello.

O evento -con entrada libre- estará conducido pola rapazada do Club de Lectura da Biblioteca e contará ademais coa lectura colectiva de varios poemas e coas actuacións da Escola municipal de pandeireta e do Coro de cantos de taberna que botou a andar hai algúns meses en San Sadurniño.

Durante a sesión tamén se sorteará a lámina que ilustra a exposición da galería municipal, obra do artista gráfico Juanlu Nacha. No sorteo entrarán todas as persoas que participasen na mostra achegando as súas creacións.

Share.