Todas as parroquias poderán plantar pataca libremente, agás Lamas e Ferreira, que deben seguir declarándoas

0

A Consellaría de Medio Rural publicou o martes o novo mapa de zonas demarcadas por causa da tecia solanivora povolny -a couza guatemalteca da pataca-, con indicación de todas aquelas declaradas como áreas infestadas onde quedan prohibidas as plantacións e o almacenamento de pataca de semente, así como as consideradas como zonas tampón, onde se pode manter o cultivo aínda que con obriga de declarar as plantacións que se fagan. De acordo coa nova cartografía, na maior parte do territorio de San Sadurniño poden volver as patacas con total liberdade tras nove anos de restricións. Iso si, nas parroquias de Lamas e Ferreira -limítrofes coa modestina de San Xurxo- segue sendo obrigatorio declarar as plantacións, algo que pode facerse a través de internet, na oficina agraria comarcal ou ben no rexistro municipal.

Deste modo, todas aquelas persoas que xa puxesen pataca de cedo -ou que teñan previsto facelo- en San Sadurniño, Naraío, Santa Mariña, Bardaos ou Igrexafeita, xa non terán que facer o trámite, senón que poderán plantar libremente nas súas leiras, despois de terse cumprido o prazo de dous anos sen detectar avelaíñas da couza nas trampas instaladas por Medio Rural en distintos puntos desas parroquias.

Tamén están libres do insecto as parroquias de Lamas e Ferreira, aínda que nese caso están consideradas como zona tampón por ser lindeiras coa parroquia de San Xurxo, en Moeche, declarada como infestada. Por este motivo as persoas destas dúas parroquias que planten pataca deberán comunicarlle a Medio Rural inmediatamente despois da sementeira -e sempre antes do 1 de abril- todas as parcelas cultivadas, aínda que sexa só un simple rego ou aínda que as teñan nun invernadoiro. Na comunicación hai que indicar os datos persoais e, sobre todo, a localización exacta das plantacións cos datos SIXPAC do polígono, parcela, recinto, superficie total, superficie sementada e a variedade que se poña no terreo.

formulario que se deberá cubrir pode descargarse desde esta ligazón e despois haberá que presentalo, preferentemente, a través da Sede Electrónica da Xunta con certificado dixital ou coa Chave365. Tamén se pode imprimir e rexistrar presencialmente no Concello para mandarllo directamente a Medio Rural. No rexistro municipal haberá formularios en papel para cubrir á man e, de haber algunha persoa que o precise, tamén se lle axudará co trámite.

Ligazón ao DOG

Share.