Sete persoas poderán beneficiarse do programa Xantar na Casa

0

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e mailo Concello acaban de suscribir o convenio de colaboración para levar adiante en San Sadurniño o programa Xantar na Casa. Trátase dunha iniciativa que lle facilitará o xantar para os sete días da semana a persoas que se atopen nunha situación de especial vulnerabilidade, trala avaliación de cada caso polos Servizos Sociais municipais e polo propio consorcio dependente da Xunta. A San Sadurniño correspóndenlle, en principio, un total de sete persoas beneficiarias, aínda que ese número podería ampliarse no futuro por acordo de ambas administracións e sempre que as dúas partes conten con crédito suficiente para asumir o finanzamento que lles corresponde. En calquera caso, agora será o despartamento de Servizos Sociais quen formulará a proposta de atención priorizando os expedientes con maior necesidade obxectiva e que, ademais, queiran acollerse a esta nova prestación. Para obter máis información pode solicitarse cita previa co Traballador social no 981 490 027 ext.1.

O prezo total do menú do Xantar na casa -primeiro prato, segundo prato e sobremesa- ascende a 7,5€ por persoa e día dos que o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar cobre o 46,66%, outro 26,67% corre por conta do Concello e o 26,67% restante é asumido polos usuarios e usuarias do servizo, que só deberán pagar 2 € diarios ou, dito doutro xeito, 60 euros polo xantar de todo o mes.

Os menús para a semana son todos distintos e adaptados ás necesidades nutricionais e médicas das persoas beneficiarias: alimentos baixos en sal, menús para persoas diabéticas, menús de dieta baixa en graxas, alimentos de mastigación doada ou menús normais, sen ningún tipo de restrición nos ingredientes aínda que con combinacións e proporcións saudables.

Non se trata dun servizo a domicilio de pratos conxelados, senón de preparados completos que se cociñan de forma convencional e que despois se envasan para preservar as súas propiedades nutritivas e de sabor. Logo lévanse ás casas unha vez por semana  repartidos  en sete bandexas seladas  que se gardan no frigorífico e que se deben ir quentando no microondas cada día antes de xantar.

Para acceder ao Xantar na casa hai que estar nalgunha das seguintes situacións:

  • Ter máis de 60 anos, coa autonomía persoal limitada e sen unha rede de apoio familiar que poida suplir tal situación, ou que sexa inaxeitada ou insuficiente.
  • Estar nunha situación de dependencia sen apoio familiar -ou cun apoio insuficiente ou deficitario- que requira a axuda para a preparación de alimentos.
  • Ter menos de 60 anos e atoparse nunha situación de exclusión social acreditada e avaliada tecnicamente.
  • Estar empadroadas no concello en que se preste o servizo.

Ademais destas condicións xenéricas -que serán avaliadas polos Servizos Sociais e polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar-, tamén se deben cumprir unha serie de requisitos económicos con respecto aos ingresos mensuais do conxunto da unidade familiar, ademais da situación en canto ao capital mobiliario ou inmobiliario da persoa que solicite o servizo:

  • Ingresos regulares que non superen o 150% do IPREM -7.519,59€ en 2018-  para cada persoa da unidade de convivencia.
  • Excluiranse as persoas propietarias de bens mobles ou inmobles sobre os que se teña calquera clase de dereito que polas súas características, valoración, posibilidades de explotación ou venda indiquen medios suficientes. Exceptúase a vivenda propia sempre que a súa valoración catastral non supere 10 anualidades do salario mínimo interprofesional que, cos datos de 2018, serían 103.026 €.
  • Entenderanse como medios económicos suficientes no que respecta os recuros procedentes do capital mobiliario, e a efectos de valoración para a resolución das solicitudes, os que superen os 15.000€ en contas de aforro e/ou investimentos que posúa a unidade familiar. As persoas que superen ese saldo bancario, aínda que reúnan o resto dos requisitos, non poderán beneficiarse do programa.

Trala incorporación de San Sadurniño e Moeche xa son 177 os municipios galegos adheridos a este programa que chega nestes momentos a arredor de 1.300 persoas, aínda que a Xunta agarda poder amplialo até as 2.000. O convenio rubricado onte á mañá ten unha vixencia de 4 anos prorrogables por outros 4. Xunto cos compromisos de cofinanciamento, o Concello tamén se adquire o da tramitación dos expedientes das persoas beneficiarias así como as altas e baixas que se produzan. De feito, o acordo incide en que, de haber unha baixa no servizo por calquera motivo, esta deberá cubrirse con outra persoa nun prazo non superior a un mes.

O texto estipula que, inicialmente, o Xantar na Casa chegará a sete persoas, aínda que tamén se reflicte que o número de usuarias e usuarios podería ampliarse por acordo das partes atendendo a necesidades detectadas e á existencia de recursos económicos suficientes en ambas administracións para asumir eses casos a maiores.

 

Share.