San Sadurniño volve sumarse á campaña “Liberdade de ser e sentir!” con gallo do 28X

0

A Deputación da Coruña, a través da área de Igualdade, reiniciou hai tan só uns días a campaña “Liberdade de ser e sentir!”  de cara a conseguir a máxima implicación social na celebración do Día da Diversidade Sexual do próximo 28 de xuño. Na iniciativa integráronse canda San Sadurniño outros 80 concellos da provincia -30 máis que o ano pasado- ademais de 17 asociacións que traballan pola igualdade e os dereitos LGBTIQA+. A campaña, que utiliza o pechacancelas en redes #seresentir, reivindica o dereito á liberdade sexual e afectiva das persoas, ademais de lanzar unha mensaxe de tolerancia e respecto entre as persoas. Alén da participación institucional, o proxecto tamén está aberto á participación individual e doutras entidades coa descarga de material de difusión, palestras virtuais, a webserie “S.E.X.”,  recomendacións de lectura para todas as idades ou un entretido “pasapalabra” que pon a proba o noso coñecemento sobre conceptos relacionados coas diversidades sexuais.

A campaña promovida pola área de Igualdade da Deputación busca normalizar e sensibilizar á sociedade sobre as diversidades sexuais con motivo do día internacional dos dereitos das persoas LGBTIQA+, levando a cabo distintas accións que nesta edición se completan, en colaboración coa área provincial de Cultura, co congreso “A memoria diversa” que se desenvolverá este venres e sábado no Pazo de Mariñán. As inscricións para este evento -que recupera e reivindica a memoria histórica do colectivo en Galicia- poden facerse desde esta ligazón, aínda que as xornadas tamén se emitirán ao vivo a través da canle de youtube da Deputación.

O colector de todas as accións de difusión volverá ser a plataforma seresentir.gal na que se publicarán todos os contidos e recursos relacionados coa diversidade sexual ademais de contar cunha área privada na que os concellos e entidades poden acceder aos diferentes recursos da campaña. Ademais, “Liberdade de ser e sentir!” ofrece contidos específicos para o público máis novo e, entre eles, o contacontos de Brais das Hortas “O avó que saiu da maleta“, xa dispoñible en youtube.

En canto á adolescencia, a través da plataforma e as redes sociais seguiráselle dándo difusión á serie web S.E.X, da produtora Illa Bufarda e tamén ás pílulas informativas protagonizadas por A Rabela, Daniel Amarelo e Xácia Ceive para aclarar termos conceptuais relativos ás diversidades sexuais. A primeira desas minipezas -protagonizada pola regueifeira A Rabela- pode verse aquí.

Outras actividades son a conversa coas entidades Alas Coruña, Arelas e Les Coruña arredor dos retos de futuro das diversidades sexuais -25 de xuño na Biblioteca Provincial, con inscrición previa en info@seresentir.gal- que tamén se emitirá por youtube, ou o “rosco” en liña co que se poden poñer a proba ata cantos conceptos sabemos relacionados coas diversidades sexuais.

Na web tamén están publicadas as “Palestras Diversas” de 2020 que ofrecen unha visión sobre o traballo que se está facendo en Galicia a prol do coñecemento e a normalización en distintos ámbitos. Neste sentido, ao longo deste mes tamén se irán subindo pequenos vídeos de presentación das asociacións e colectivos que defenden os dereitos das persoas LGTBQI+.

Por último, no marco da campaña  #seresentir proxectaranse en varios centros de ensino da provincia o documental “Noite Irisada” que recoñece, a través das voces protagonistas, a loita polos dereitos de gais e lesbianas en Galicia.

 

Share.