San Sadurniño pide maior coordinación de Xunta e Estado para atender as necesidades urxentes dos concellos

0

Na última semana todas as administracións tiveron que adaptarse rapidamente a unhas circunstancias extraordinarias que esixen a máxima coordinación entre elas. Algo que, segundo o Goberno local, non está ocorrendo en canto ao abastecemento por parte da Xunta e do Estado de material de protección para o persoal municipal -principalmente o SAF- nin tampouco no referido aos protocolos de atención a persoas maiores e dependentes. En San Sadurniño o SAF está traballando con relativa normalidade pero precisa, entre outros materiais, mascariñas, lentes protectores, batas, luvas e solución hidroalcólica. O Concello solicitoulle axuda á Xunta para conseguir estes produtos e, polo momento, a única resposta da Dirección Xeral de Emerxencias foi, segundo Secundino García, a de “botar o balón no tellado da Delegación do Goberno”, a pesar de que o Estado anunciou que a entrega de equipamento de protección individual se ía facer a través das comunidades autónomas. Ademais tamén se lle pediron instrucións á Consellaría de Política Social sobre como proceder tralo peche do Centro de Día -de titulariedade autonómica-, posto que está sendo o SAF municipal quen asume o coidado de varias persoas usuarias que non poden ser atendidas polas familias. “Estamos nunha situación complexa. Os concellos somos as administracións máis próximas pero tamén as que temos menos recursos técnicos e económicos. O único que pedimos é que nos dean instrucións claras e concisas para actuar e que nos faciliten o material necesario para facelo”, aclara o alcalde.  

O pasado mércores, o Concello trasladoulle á Xunta un escrito no que formulaba dúas consultas principais de cara a obter recomendacións sobre como actuar neste contexto de crise sanitaria.  A primeira delas referíase a atención a persoas dependentes mediante o Servizo de Axuda no Fogar, preguntándolle a Política Social sobre se tiña  prevista “a dotación de materiais de prevención para as profesionais”, ante a imposibilidade de conseguir  no mercado produtos “necesarios” para a prevención de contaxios. Fundaméntase  a petición en que o SAF debe contar cun “equipamento mínimo de protección”, habida conta de que as profesionais están movéndose constantemente e que atenden persoas especialmente vulnerables, polo que cómpre minimizar os riscos para a saúde das traballadoras e das persoas usuarias. Nos últimos días o Concello conseguiu reunir EPI`s básicas para traballar durante os próximos días e agora os seus esforzos céntranse en garantir un subministro que cubra as necesidades para as seguintes semanas.

Por outro lado, na consulta enviada o mércores á Consellaría de Política Social tamén se pediron instrucións para cubrir as necesidades das persoas usuarias do Centro de Día “que non poden ser atendidas polos seus familiares por diferentes circunstancias”. Segundo se sinala desde o Concello, a raíz do peche do centro -que está xestionado por unha empresa privada – “estas situacións derivan en demandas aos servizos sociais municipais, o cal supón un esforzo extra para o SAF, que pode chegar a superar a capacidade prevista polos servizos municipais”.

Esta mañá a Xunta aínda non dera unha resposta a ningunha das dúas cuestións e “nin sequera acusaron a recepción do correo”, apunta Secundino García. Ante a urxencia da situación, o alcalde contactou por teléfono coa Xunta para recabar información sobre como proceder e para reclamar a achega dos materiais de protección. “Falei coa Dirección Xeral de Emerxencias e o único que me dixeron foi, textualmente, ‘chame vostede á Delegación do Goberno que é a que ten que facilitarllos dado que as competencias agora tenas todas o Estado…'”

Secundino García contactou de inmediato coa Delegación do Goberno para poñela ao tanto da resposta dada pola Xunta, posto que “o Goberno do Estado afirmou onte que o material de protección se ía repartir entre as Comunidades Autónomas para que llo fagan chegar de forma equitativa aos concellos. Por iso  nos parece que a contestación da Xunta está fóra de lugar e eu particularmente penso que non é unha maneira de proceder dunha administración pública responsable. Se preguntamos algo é porque necesitamos unha solución, non que se lle bote o balón no tellado á Delegación do Goberno ou que a Delegación o devolva ao tellado da Xunta. Estado somos todos: administración central, autonómica e municipal, e fai falla que Xunta e Estado se coordinen e nos acheguen aos concellos os recursos que precisamos para o día a día tan complexo que debemos asumir como administración máis próxima á veciñanza”.

Atención ás necesidades básicas
Mentres se incrementan os casos de contaxios -na nosa comarca, por sorte, a un ritmo inferior ao doutras zonas- en San Sadurniño a vida continúa. Nos puntos de venda lévase rigorosamente a orde de atención para evitar aglomeracións de xente e insístese en gardar as distancias de seguridade, algo que a xente respecta con dilixencia tal e como puidemos ver esta mañá no súper da Cooperativa de Meirás.

Na farmacia local tamén se instalaron mamparas transparentes para non expoñer innecesariamente ao persoal e incluso se evita o contacto coas tarxetas sanitarias facendo que as persoas usuarias as mostren desde o outro lado do metacrilato. Por razóns obvias e tratándose dun establecemento cuxo funcionamento é esencial, marcouse que como máximo haxa dúas persoas no interior e que fóra se garde alomenos un metro de separación.

En canto á atención a necesidades urxentes da veciñanza, o Concello distribuiu polas illas de colectores do territorio un cartel informativo recordando que nas oficinas só se atenderá con cita previa chamando ao teléfono 981 490 027. Nesa liña telefónica tamén se atenden urxencias e as persoas que non poidan desprazarse -ou non teñan familiares de apoio- incluso poden solicitar axuda para ir facer compra ou ir buscar medicamento.

Share.