Paseos ata máis tarde e algo máis de tempo para saír cear fóra

0

Desde a pasada medianoite están en vigor os cambios nas medidas de restrición anunciados pola Xunta o martes. Basicamente todo segue como ata agora e as únicas novidades refírense á mobilidade, co retraso até as 23.00h. do inicio do toque de queda, e á posibilidade de que os restaurantes poidan atender ceas baixo certas condicións tamén ata esa hora, aínda que a súa clientela deberá recollerse con tempo suficiente para estar na casa antes das once da noite. Tamén mudan as limitacións nas residencias da terceira idade: as persoas maiores poderán saír do centro tres veces na semana durante catro horas e, desde hoxe, poden recibir visitas de calquera familiar ou amizade -antes só podían ser dúas persoas de referencia- sempre que sexa unha persoa de cada vez e con cita previa. 

Estas modificacións publicáronse no Diario Oficial de Galicia nº 69-Bis do mércores, con entrada en vigor nas 00.00h. deste venres. Son un decreto da Presidencia da Xunta e máis dúas ordes da Consellaría de Sanidade que introducen pequenos pero importantes cambios na normativa preventiva galega, na liña de seguir dándo pasos “cautos e prudentes” nunha desescalada que segue ameazada pola posible repunta da pandemia e unha cuarta onda con cepas máis daniñas e virulentas.

O propio diario oficial describe a situación sanitaria de Galicia explicando que a taxa de incidencia a 14 días segue por debaixo dos 100 casos por cen mil habitantes agás na área sanitaria de Pontevedra, onde xa se sobrepasou. No que atinxe aos concellos de máis de 10.000 habitantes, só hai un municipio coa taxa de incidencia a 14 días igual ou superior a 250 casos por cen mil habitantes. Nos de menos de 10.000, hai 7 concellos que superen unha taxa de incidencia de 250 casos por cen mil habitantes, con 3 deles -A Pobra do Caramiñal, O Grove e Carballeda de Valdeorras- cunha taxa a 14 días superior aos 500 casos por cen mil habitantes.

No decreto da Presidencia da Xunta tamén se alerta de que a principal cepa que está circulando é a británica, algo que “pode influír nun aumento da transmisión”, se ben se engade que a ocupación hospitalaria en agudos e críticos seguía diminuíndo a comezos desta semana (cando o subcomité clínico adoptou os cambios). “Hai que manter a precaución, xa que un incremento na incidencia pode comprometer esta evolución”.

Bares abertos ata as 21.00 e, opcionalmente,  restaurantes até as 23.00h
No referido á hostalaría, en concellos cun nivel restritivo medio-baixo como é San Sadurniño -e a maioría de Galicia-, as capacidades seguen invariables: máximo 75% das terrazas e 50% no interior, sen posibilidade de consumo en barra. En mesas ou agrupacións de mesas, máximo 6 persoas non conviventes en terraza e 4 non conviventes no interior do local. O tope de grupos non se aplicaría no caso de que fosen conviventes.

Os bares e cafetarías e outros establecementos hostaleiros sinalados na normativa manteñen o horario de peche ás 21.00h., pero os establecementos que teñan título habilitante municipal como restaurante poderán ampliar o horario de ceas até as 23.00h., tendo en conta, iso si, que a clientela deberá recollerse con tempo suficiente para cumprir co toque de queda. Tanto para bares como para restaurantes, o horario de recollida de encargas no local rematará ás 22.30h. e o de reparto a domicilio finalizará ás 24.00h.

Porén, para optar ao horario ampliado para o servizo de ceas, que é voluntario, ademais de ter licenza de restaurante, o establecemento tamén deberá asignar as mesas con reserva ou cita previa e levar un rexistro de comensais que permita facer un seguimento no caso de que se produza un gromo. A información que se recolla nese rexistro -nome, apelidos, DNI e teléfono de contacto- deberá conservarse polo menos un mes e, en todo caso, ten que cumprirse a normativa de Protección de Datos de carácter persoal. O rexistro non é obrigatorio para os servizos do resto da xornada, como poden ser almorzos, xantares ou merendas.

Outro requisito se se queren ofrecer ceas máis aló das 21.00h. é o de asegurar unha boa ventilación do local -algo que xa era obrigatorio- e dispoñer dun dispositivo medidor de CO² con certificado CE (os máis baratos andan entre 50 e 60€), que debe estar colocado lonxe de portas ou fiestras abertas e nun lugar ben visible para a clientela. As medidas de concentración de dióxido de carbono deberán estar sempre por baixo das 800 partes por millón.

Deberemos estar na casa ás 23.00h.
A Xunta tamén ampliou unha hora máis o horario de recollida. Tal e como explicou o outro día o Presidente da Xunta, o cambio obedece a unha situación sanitaria “favorable” que permitiría aliviar as restricións á mobilidade agora que os días van sendo máis longos. Así, o toque de queda establécese desde hoxe entre as 23.00 e as 06.00h. en toda Galicia.

Non cambian, porén, outras limitacións, como por exemplo o tope de 6 persoas para os grupos de non conviventes en exterior e de 4 no interior (tamén nas reunións en domicilios particulares). Para os grupos formados por persoas que vivan xuntas non habería limitación en canto a número. Tamén seguen manténdose os aforos do comercio, de actividades sociais, enterros, velorios, etc. e cómpre recordar que Galicia segue pechada perimetralmente e non se pode entrar nin saír dela salvo nos casos previstos na normativa, como son os motivos laborais, sanitarios, educativos ou de regreso ao domicilio.

Outro cambio xa en vigor refírese aos centros da terceira idade. As persoas residentes poderán recibir a visita de quen queiran -ata agora só podían recibilas de dúas persoas de referencia-, aínda que sempre de unha en unha e con cita previa. Tamén se permite que saian do centro -para pasar tempo con familiares ou amizades- ata tres veces por semana durante un máximo de catro horas cada unha delas.

Máxima precaución
Segundo os datos publicados polo SERGAS, en San Sadurniño levamos máis de dúas semanas sen que se diagnosticasen novos casos de COVID-19. Pero iso non quita de que debamos seguir extremando as precaucións gardando a separación interpersoal, procurando reducir ao imprescindible a interacción social, usando a máscara correctamente e cumprindo con todas as recomendacións de hixiene de mans e respiratoria.

Recordade: o virus segue circulando, hai novas cepas máis virulentas e con efectos peores na saúde e, por agora, aínda falta moita xente por vacinar. Teñamos sentido.

Ligazón á normativa publicada o mércores (entrada en vigor ás 00.00h. do 16/04/2021)
Información de restricións no nivel medio-baixo

Share.