Os tres grupos apoiaron por unanimidade case todos os puntos do pleno deste mediodía

0

Non é habitual, pero hoxe toda a corporación estivo de acordo en practicamente todos os puntos que se levaron a pleno. Porén, que todas e todos os presentes votasen a favor non significa que non houbese debate abondo tamén en practicamente todos os asuntos. Ían seis: a aprobación da acta da sesión anterior, a desestimación dunha alegación presentada contra os orzamentos municipais, as bases das bolsas escolares, unha liña de subvencións extraordinaria para o tecido asociativo, a declaración institucional co gallo do 8M e, por último, unha moción do BNG reclamando a transferencia da AP-9. A confrontación de posturas deuse entre o Grupo de goberno e o do PP, principalmente no asunto das bolsas escolares e das subvencións para as entidades, algo que, en cambio, non impediu que houbese unanimidade nas votacións finais. Os tres titulares da sesión poderían ser, por esta orde, que San Sadurniño ten en vigor o novo orzamento municipal (2,9 millóns de euros), que o Concello destinará 40.000 euros a becas e axudas para conciliación na EIM A Rolada e que as entidades do municipio poderán solicitar axudas até o 15 de abril para sufragar gastos correntes efectuados no último ano.

Trala aprobación da acta da sesión anterior, o pleno ocupouse de rexeitar unha alegación ao orzamento presentada polo sindicato USO en relación co anexo de persoal, por considerar que o Concello debería funcionarizar prazas ocupadas por persoal laboral e acometer a consolidación ou estabilización dos contratos temporais.  O principal argumento para desestimar as alegacións foi que ese é precisamente o espírito da RPT aprobada polo Concello hai uns meses, cuxa aplicación só se pode levar a cabo coa entrada en vigor do orzamento municipal de 2021. O BNG votou a favor da desestimación, o PP votou en contra e o representante do PSdeG-PSOE abstívose. O trámite significa que, desde xa mesmo, San Sadurniño conta cun novo orzamento de 2.943.704 euros,  despois de que o ano pasado se mantivesen prorrogadas as contas de 2019.

Tratada a cuestión, o pleno abordou a aprobación das bases dunha liña de subvencións extraordinaria dirixida ás entidades do municipio. Nela poderán incluírse gastos correntes -seguros, teléfono, electricidade, investimentos en material de prevención, etc.- efectuados desde inicios de 2020 até finais deste mesmo mes de marzo. As axudas tramitaranse, segundo o Grupo de goberno, cun formato sinxelo de solicitude e de baremación que axilice a concesión das contías correspondentes a cada colectivo.

Ademais, tal e como se indicou na sesión, o Concello ten previsto sacar máis adiante a convocatoria anual de subvencións para actividades e investimentos dirixida a entidades que non conten con convenio nominativo. Esa liña debaterase no seo do Consello de Participación Veciñal que se reunirá proximamente, no que tamén se falará das previsións que manexa cada asociación ante a perspectiva incerta da evolución da pandemia.

O PP criticou que as bases da achega extraordinaria que se sometían a pleno non se consultasen antes co tecido asociativo, ademais de considerar que a partida reservada -3.000 euros- non é suficiente para financiar os gastos das entidades. O Grupo de goberno rebateu este último argumento indicando que a cantidade chegará para satisfacer unha parte dos gastos ordinarios, tendo en conta ademais que a maioría das asociacións usan locais de titulariedade municipal e que, polo tanto, unha parte importante dese gasto corrente xa está sendo asumido polo Concello.

A pesar do desencontro dos puntos de vista do Bloque e o Partido Popular, os tres grupos votaron a favor das bases. Unha unanimidade que tamén se repetiu no seguinte punto, correspondente ao texto que regulará a concesión de axudas para bolsas escolares e para servizos de conciliación na EIM A Rolada.

O montante total incluído no orzamento é de 40.000 euros. Desta cantidade, 33.000 euros serán para axudas ao estudo, dos cales 16.000 euros se reservan para estudos obrigatorios, outros 16.000 para os postobrigatorios e 1.000  para o 2º ciclo de Educación Infantil.  Como novidade introdúcese este ano unha achega fixa de 200 euros para aquel alumnado de estudos obrigatorios que sexa beneficiario dos 50€ do fondo solidario de libros de texto da Xunta.

Para o financiamento das axudas dirixidas ás familias con nenas e nenos na escola infantil municipal estableceuse unha partida de 5.000 euros. Os 2.000 euros restantes serán para atender posibles casos de situacións socioeconómicas especiais, previo informe social.

O PP aplaudiu a convocatoria, aínda considerando insuficiente a partida para Educación Infantil e precisando que o umbral de rendas debería ser máis elevado para que as axudas cheguen a máis familias. O grupo popular tamén suxeriu que das bolsas puidese beneficiarse rapazada que estuda noutros municipios, aínda que non sexan limítrofes, e pediu que a achega fixa de 200 euros se desvincule do requisito de percibir o fondo solidario e que abonde con cumprir as condicións para recibilo.

O Grupo de goberno volveu rebater os argumentos populares, empezando por criticarlles -igual que fixera no punto anterior- que gardasen para o pleno propostas que poderían ter presentado antes na xunta de portavoces, co obxectivo de poder debatelas e, de ser o caso, incorporalas aos acordos que se sometían a votación. O BNG defendeu as bases e a distribución de contías recordando que a concesión de bolsas educativas non é unha competencia municipal e engadindo que esta liña de axudas se adapta ás necesidades das familias.

Na recta final do pleno tratouse a declaración institucional con motivo do 8M -consensuada previamente polos tres grupos- e tamén se votou unha moción do BNG reclamando a transferencia da AP-9 e a que se faga efectiva “de inmediato” a rebaixa das peaxes. Ambos puntos tamén obtiveron o apoio unánime dos 10 membros da corporación presentes na Casa da Cultura.

Share.