Os tres grupos acordan cambiar o pleno ordinario para apoiar a manifestación comarcal de hoxe

0

BNG, PP e PSOE acordaron hai uns días pasar para a tarde do venres o pleno ordinario da corporación que debía celebrarse hoxe, último xoves do mes de novembro. Os tres grupos municipais súmanse deste xeito ás reivindicacións que se expresarán esta tarde na manifestación comarcal que percorrerá as rúas de Ferrol, con saída ás 20.00h. da Praza de España. A convocatoria lanzada polos sindicatos maioritarios -CC.OO, CIG e UGT- esixirá un plan de reindustrialización para as áreas de Ferrolterra, Eume e Ortegal que conte cun contido transversal no ámbito da produción enerxética -nomeadamente unha transición ecolóxica xusta para Endesa-As Pontes-, carga de traballo procedente do sector civil para os estaleiros de Fene e Ferrol, comunicacións por estrada e ferroviarias dignas e libres de peaxes, diversificación produtiva vinculada ao agro e á rexeneración da ría e programas que, por unha banda, garantan a creación de emprego e a fixación de poboación e, por outra, que ofrezan políticas sociais axeitadas a unha situación socioeconómica cualificada polas centrais sindicais como “de emerxencia”.

A manifestación será unha nova chamada de atención para reclamar das Administracións española e galega políticas prioritarias e urxentes “que senten as bases dun novo modelo de desenvolvemento para este territorio”. A manifestación sairá ás 20 horas da Praza de España baixo o lema “Contra o esmorecemento das comarcas Ferrol-Eume-Ortegal. Reindustrialización Xa!” e logo baixará até Amboage pola rúa María. Nese punto xirará á rúa Real, baixará pola da Terra e rematará no Cantón.

As centrais sindicais denuncian que as tres comarcas están sumidas nunha crise que, a día de hoxe, “ameaza gravemente a este territorio”, con consecuencias como a perda constante de poboación, un grao de envellecemento superior á media galega -principalmente polo efecto da emigración xuvenil-, e un incremento exponencial do número de persoas en risco de pobreza e exclusión social.

Desde 2008, apuntan, o descenso de empresas superou en 6 décimas á media de Galicia, situación que se está a agravar no último período, coa conseguinte perda de postos de traballo. Mención especial merece o abandono das infraestruturas, cunha grave insuficiencia do transporte público que axude a vertebrar o territorio, tanto da rede ferroviaria para mercadorías ou traslado de persoas, como de infraestruturas que favorezan a intermodalidade.

“Desde a mal chamada reconversión todos e cada un dos plans postos en marcha, tanto por parte do Goberno estatal como do autonómico, incluídos os últimos Plan Ferrol e Plan Director da Industria de Galicia para o período 2015-20 resultaron un absoluto fracaso”, denuncian os sindicatos na folla informativa repartida por toda a comarca para chamar á participación masiva na mobilización desta tarde. Por iso, engaden, as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal “necesitan medidas de choque urxentes, tanto a curto como a medio prazo, e  directrices estratéxicas que senten as bases dun novo modelo de desenvolvemento para este territorio. De non ser así a situación de decadencia tornarase irreversible”.

Por ámbitos de actuación, as demandas que se formulan son as seguintes:

  • Medidas para que Endesa poida seguir producindo, durante un período de transición que permita o asentamento doutras actividades
  • Cubrir o baleiro de carga de traballo do sector naval e recuperar a construción civil
  • Implantar unha tarifa eléctrica estable para as industrias electro-intensivas
  • Liña de alta velocidade eixo atlántico Ferrol-Vigo, con carácter urxente Ferrol-A Coruña
  • Potenciar os servizos de FEVE, tanto para transporte de pasaxeiros/as como de mercadorías, na conexión lóxica con Bilbao e Europa
  • Diminuír as peaxes da AP9, eliminando as do tramo Ferrol-A Coruña
  • Potenciar a actividade do porto exterior
  • Diversificación, apostando polas enerxías renovables, recuperando o sector eólico terrestre e mariño
  • Sector marisqueiro: rexeneración dos bancos e apoio ás canles de comercialización
  • Impulsar o sector forestal e ás súas industrias derivadas apostando polo peche dos ciclos
  • Recuperar o patrimonio histórico-artístico e arqueolóxico para potenciar o turismo
  • Aumentar as axudas para a rehabilitación dos barrios e conxuntos históricos
  • Plan de emprego específico para as comarcas que incentive a fixación da poboación
  • Políticas sociais axeitadas a esta situación socioeconómica comarcal de emerxencia

Os temas do pleno municipal
Pola coincidencia da convocatoria -e como xeito de apoio ás súas reivindicacións- os grupos da corporación de San Sadurniño acordaron pasar para este venres ás 19.30h. o pleno ordinario de novembro que debía celebrarse hoxe. A sesión leva oito puntos na súa orde do día.

Os máis destacados son a aprobación da Conta Xeral de 2018, a modificación do Plan Económico e Financeiro aprobado en febreiro para o período 2019-2020 de cara a atender os cambios no seu deseño solicitados pola Consellería de Facenda, a inclusión dun camiño no Inventario Municipal de Bens e, por último, a modificación da ordenanza fiscal T-4 reguladora da taxa por expedición de documentos para, principalmente, adaptala á nova realidade da tramitación e contratación electrónica.

Na parte de control e fiscalización de órganos de goberno vai tamén unha moción do PP pedindo o recoñecemento institucional para a actuación das forzas e corpos de seguridade do Estado en Cataluña e, ademais, por ser sesión ordinaria tamén se inclúe o apartado de rogos e preguntas.

Share.