O Xeoparque reactiva as rutas xeolóxicas nesta Semana Santa

0

O Xeoparque do Cabo Ortegal publicou hai escasos días o calendario de xeorrutas que se desenvolverán por distintos puntos do territorio UNESCO durante as vacacións da Semana Santa. O calendario arranca este domingo 24 e prolongarase en días alternos até o domingo 31 con seis percorridos que nos ofrecerán unha visión xeral da exclusividade xeolóxica da zona, ademais de paisaxes espectaculares. As prazas, que son limitadas, poden gardarse ao prezo de 10€ por persoa a través da central de reservas da web do xeoparque. En San Sadurniño volve ofertarse, o martes 26 pola tarde, a Xeorruta das Pías, que combina unha visita ao castelo de Naraío e o val do Castro para logo subir ao campo granítico de Racamonde. 

Tal e como apunta o Xeoparque na súa web, as xeorrutas son unha mestura de turismo activo, xeoloxía, patrimonio natural e cultural, que se van descubirndo a cada paso “a través de históricos carreiros forxados polas pegadas das xentes locais, así como dos animais que viven salvaxes e en liberdade”. Itinerarios guiados que, ademais, permiten gozar “de auténticos balcóns e miradoiros á inmensidade do Océano Atlántico”, así como ás curiosidades do interior que nos axudan a comprender un dos capítulos máis apaixoantes da evolución do noso planeta.

O programa de xeorrutas está dirixido polo Doutor en Xeoloxía Francisco Canosa,  encargado de explicar as formacións rochosas e materiais  que se atopan no territorio, así como os distintos procesos xeolóxicos que tiveron lugar ao longo de millóns de anos dando como resultado afloramentos únicos e de grande relevancia científica.

As rutas son todas transitables pero para facelas é necesario ter hábito de andar e unha certa forma física, xa que algunhas delas requiren salvar costas pronunciadas e prolongadas. Un esforzo que, malia todo, se verá compensado pola espectacularidade dos lugares que se visitarán e polo contido das pequenas charlas que se irán ofrecendo de cada pouco, ilustradas por Canosa con gráficos e mostras dos materiais presentes.

Aconséllase levar protección solar – aínda que o día estea nubrado –, así como unha botella de auga e algo de comida para recuperar enerxías ao longo da saída. Tamén se recomenda  roupa adecuada para a realización de actividades ao aire libre (gorro, chuvasqueiro transpirable se viñese un día de auga, etc), así como calzado cómodo que non sexa de estrea e que suxeite ben os nocellos. Tampouco está de máis usar caxato ou bastón de trekking.

O calendario de xeorrutas concentrarase neste Domingo de Ramos, o martes 26, o Venres Santo e o domingo 31 de marzo, Domingo de Pascua.  En cada unha delas ofrécense 20 prazas que se irán cubrindo por orde de reserva. O prezo, seguro incluído, son 10€ e a cancelación pode facerse sen cargo até 48 horas antes:

  • Domingo 24 de marzo, 10:30 a 11:30h: Xeorruta do Cobre (minas de Cerdido, dificultade baixa)
  • Martes 26 de marzo, 10:00 a 13:30h: Xeorruta do Arsénico (costa de Valdoviño, dificultade baixa)
  • Martes 26 de marzo, 16:30 a 20:00h:  Xeorruta das Pías (Castelo de Naraío e Forgoselo, dificultade baixa)
  • Venres 29 de marzo, 10:00 a 14:00h: Xeorruta dos Aguillóns (costa de Cariño, dificultade media)
  • Venres 29 de marzo, 16:30 a 19:30h: Xeorruta dos Cantís (percorrendo a zona de Herbeira, en Cedeira, dificultade media)
  • Domingo 31 de marzo, 10:00 a 14:00h: Xeorruta dos Penidos (macizo da Capelada, Ortigueira, dificultade media)

A maiores destas rutas organizadas polos concellos integrados no Xeoparque tamén hai que contar cos percorridos marítimos polos Cantís de Herbeira e a faixa costeira de Teixidelo ofrecidos pola empresa de turismo activo Rutas Cedeira. As reservas -40€ persoa, segundo figura na súa web–  hai que facelas no 722 61 53 82. As datas e horarios das saídas publícanse habitualmente no Facebook da empresa e están suxeitos ao estado do mar.

No caso de San Sadurniño, a Xeorruta das Pías mostra as distintas formacións da Serra do Forgoselo e da falla estrutural do río Castro, fronteira natural entre materiais xeolóxicos completamente distintos pola súa composición e polos momentos en que se formaron.

O punto de encontro é ao pé do castelo de Naraío, onde se fai unha pequena introdución sobre as eras da Terra e os fenómenos que se produciron -e aínda se producen- nos últimos 4.500 millóns de anos. Despois desa primeira parada baixarase até a contorna da central eléctrica e a fervenza do Castro e, como última estación, subirase en coche a Racamonde, o punto máis elevado do concello, que se caracteriza por unha curiosa e espectacular paisaxe granítica.

Na primeira metade da ruta veranse as distintas fases da formación dos bolos -grandes rochas que aparecen na paisaxe, ás veces unhas dacabalo doutras- e tamén das pías, que son  buratos resultado da erosión, nuns casos polo de desbaste producido por pequenas rochas cautivas en ocos, como ocorre na zona de Riolimpo, e noutros pola acción físico-química da auga da chuvia, algo que se verá claramente nas penas do Forgoselo na segunda parte do traxecto.

A andaina é de dificultade media-baixa, apta para calquera idade e moi indicada para facela na compaña de rapazada polo seu contido didáctico.

 

 

Share.