O Forgoselo, lugar común para moitas historias do Chanfaina Lab (II)

0

Un dos eixos temáticos do catálogo do VIII Chanfaina Lab estreado o sábado é, sen dúbida, o Forgoselo. E non foi por casualidade. En 2023 a nosa zona obtivo o distintivo de Xeoparque Mundial da UNESCO, que ten precisamente nesa inmensa paisaxe granítica un dos seus elementos máis destacados. Por iso o cartel desta edición, deseñado por Juanlu Nacha, estaba inspirado na fauna, na flora e na xeoloxía do punto máis elevado de San Sadurniño. Tamén por iso foi o lugar elixido pola organización para levar aos participantes de xeorruta con Fran Canosa naquela tarde chuviosa de setembro en que botou a andar o encontro audiovisual. E tamén por iso foi o sitio no que moitos e moitas delas se fixaron para levaren a cabo os seu proxectos, atendendo así a suxestión de que a presente edición do Chanfaina servise para promocionar o Xeoparque. Con todo, o encontro audiovisual deu para máis, para moito máis. 

O Forgoselo é escenario dun anaco da trama infantil de “A terra é vella”, de Félix Brissel. Tamén é protagonista de “A pena de Vicente”, de Abel Vega, quen aparcou nesta ocasión os seus kinoki sobre a natureza para meterse na biografía de Vicente Penabad, moi vinculada con ese punto do territorio. A creadora Ángela Arnosa aborda a paisaxe de pedra, toxos, brañas e cabalos cunha sorprendente proposta titulada “Erosión”, na que a autora deixa ben claro o seu selo persoal de científica e poeta. Parecida polo escenario, pero totalmente distinta en canto a ritmo e concepto, tamén atopamos o experimento “Dedos do demo, ollos de cabalo”, filmado en cine Súper8 por Nela Fraga que, xunto con Tono Mejuto -autor da humorística/conceptual “A illa de Helios”– foron os dous únicos que botaron man do formato analóxico para as súas pezas.

Tamén recorreron ao Forgoselo talentos locais como Pablo García e Catalina Rodríguez, que empezaron no Chanfaina sendo cativos e hoxe xa son universitarios. O primeiro asinou “Miña cor preferida é o verde” na que reflexiona sobre o seu lugar no mundo, que é o de moitas e moitos mozos coma el situados na encrucillada que seguramente decida o seu futuro, ademais de descubrir a capacidade de ofrecer paz que teñen os ermos de penedos e queirogas. Catalina volveu reflectir na súa peza –“O encanto da natureza”– o amor que sente polos cabalos, desta vez elixindo como escenario as chairas e camiños do monte, ofrecendo planos amplos que lembran sen pretendelo a fotografía de John Ford. Un escenario que, cun enfoque experimental, tamén viste a “Catarse”, de Aroa Calvo, e arroupa a trama histórica ambientada na posguerra de “Canción 37”, producida polo colectivo Memoria e Cinema.

Un Chanfaina experimental, documental e de ficción
As outras constantes do Chanfaina Lab refírense aos xéneros, que volven encadrarse no experimental, o documental e a ficción. Ningún deles é puro,senón que neste encontro adoitan combinarse en distintas doses dentro dun mesmo produto, igual que a chanfaina real, a de comer, que ten no seu interior un pouco de todo.

Alén das pezas experimentais xa mencionadas, na presente edición atopamos, en primeiro lugar o “Tempo vertical”, de Lois Patiño, filmado en 2015 polo realizador vigués nos arredores da capela de San Cristovo. A curta -en realidade un teaser da longametraxe “Lúa vermella”- abriu as proxeccións do sábado despois de que a produtora Zeitun Films a cedese para incorporala ao catálogo chanfaineiro.

Tras dela, no programa do serán, virían máis exercicios de estilo e lírica visual: o percorrido polos lugares da memoria de Francisco Xabier Cela en “A vida que houbo”; o abraiante xogo de luces, cor e sombras exquisitas que é “Velos na tebra”, de Iago Lourido; a mensaxe íntima que Candela Conde lle enviou ao seu avó con “Eu quero unha pipa”; o “7+1” co que Soraya Yáñez (outra das realizadoras da casa) é capaz de ilustrar reflexións sobre os tempos da vida acudindo á paisaxe e o patrimonio ciscado polas sete parroquias de San Sadurniño; a conexión de Cristina Souto coas súas raíces familiares en “Muíño d’abaixo”; Mirian Opazo acudindo ao tema recorrente do paso do tempo en “Aínda hoxe as horas”; e, pechando o conxunto de curtas puramente experimental, a viaxe “Na procura da deusa Navia” que fai o veterán Ignacio Vilar, ofrecendo con esa busca unha mensaxe identitaria e ambiental.

O filme de Vilar é exemplo perfecto de como combinar nun mesmo discurso o documental e o experimental, pero non o único, nin sequera na xuntanza de xéneros. “Resonancias”, de Diana Gonçalvez e Adriana Páramo, enlaza San Sadurniño con Portugal nun exercicio de historiografía que ten moito de intimismo e retrato das súas protagonistas. “A lenda do pozo dos Donceis”, do equipo encabezado por Xosé Manuel Rabón, sérvenos a luxosa recreación do mito que rodea ese enclave misterioso do Xubia, cun formato onde ficción e realidade manteñen o equilibrio xusto. O lobeirés Fran Bermúdez, outro dos habituais na cita creativa, apoiouse para o sorprendente “Eu, a escola” nunha investigación de Amparo Calvo que percorre dun xeito dinámico e humorístico a historia itinerante do ensino en Santa Mariña do Monte.

No ámbito documental tamén atopamos “Ikigai en Sansa”, de Manolo Gómez, que lle dá voz ás persoas maiores e á súa visión da vida e, sen saír deste apartado cómpre mencionar “O caldo de Mariña”, de Bieito Beceiro, que é un soberbio exercicio narrativo e social partindo da base algo tan aparentemente sinxelo como facer unha pota de caldo. Destacada e aplaudida foi tamén a peza “O Cal”, de Miguel Romero, na que acompañamos ao protagonista, Álvaro Barros, no seu compromiso por conservar e dar a coñecer este recuncho natural da parroquia de Ferreira. Incluso entraría neste ámbito temático -por contido- a “Última fonte”, realizada polas mulleres de Teño unha horta en San Sadurniño, que nos alertan ao seu xeito sobre os efectos do cambio climático.

E, en último lugar no repaso temático ao VIII Chanfaina Lab, a ficción pura, exhibida nuns casos en forma de thriller rural, noutras con humor e mesmo como exercicio de terror, como fixo Cruz Piñón no seu “Anguria”: un único plano cámara en man que percorre as estancias dunha casa onde o tempo se detivo, e que depara unha sorpresa final estarrededora. Polo medo, ou máis ben polo desacougo, tamén tirou o colectivo NaraíoMedia na súa recreación da figura de “Pedro Chosco”, o noso particular Freddy Krueger.

Polo rexistro do humor tirou Kevin Lorenzo e a súa comedia negra de traicións e mortes por causa dunha subvención, titulada “O pano de seda”. Nesa esfera, a do humor negro, tamén atopamos “A vella morta”, unha curta punk e certamente gamberra dirixida por Juan Galiñanes, quen tirou de oficio para improvisar a historia en moi pouco tempo e resolvela cunha fotografía e unha montaxe -a súa especialidade- absolutamente redondas. Por outro lado, no máis puro estilo do cine mudo, o sábado puido verse na Casa da Cultura “O seixo sentido” -de Noa Cortizas e Suevia Fernández- sobre as desventuras dun pintor á procura de inspiración. O apartado humorístico complétase con “Xangal, detective paranormal” co seu director, o cedeirés Xoán Rodríguez Caridad, metido no papel de charlatán embaucador ou, cando menos, detective pouco competente na súa materia.

E ata aquí o resume das trinta pezas proxectadas o sábado na Casa da Cultura. A partir do 1 de marzo irán estreándose a razón de dúas cada venres, co que nos quedan ata o verán varias semanas de bo cine. E despois, en setembro, xa empezará o IX Chanfaina Lab, que este ano fará os seus dez anos de andaina (2014-2024).

 

Share.