O CPI de San Sadurniño encadea tres anos académicos subindo en matriculacións

0

Hoxe empezou oficialmente o curso 2018-2019 en Educación Infantil e Primaria. O CPI de San Sadurniño e os seus arredores foron durante a mañá punto de constante movemento de autobuses e familias levando cativería coas carteiras cheas de material, ilusión e, no caso dos máis pequenos e pequenas, tamén un algo de incertidume por ser o primeiro día no “cole de maiores”. Nas clases fixéronse as presentacións e unha pequena introdución a como se vai desenvolver un ano académico que este ano compartirán 341 alumnos e alumnas desde infantil até secundaria que, neste caso, empeza curso o próximo luns. Os datos globais de matrícula a día de hoxe indican que o centro escolar volve medrar, aínda que minimamente, con respecto a 2017 e 2016.

As 341 matrículas divídense por niveis de ensino do seguinte xeito: 63 en Infantil, 160 en Primaria e 118 en Educación Secundaria. A medra non é moita tomando como referencia o ano pasado, cando as matrículas chegaron a 335, pero xa é relativamente notable con respecto ao 2016-2017, ano no que cursaron os seus estudos en San Sadurniño un total de 323 rapazas e rapaces.

Son case unha vintena de matrículas máis, algo digno de reseñar nun entorno rural coma o noso. Con todo, o dato merece unha pequena análise antes de equiparalo cun conseguinte repunte demográfico. E é que si, efectivamente, hai máis alumnado, pero o aumento proporciónano as aulas de Primaria e Secundaria e non, como cabería agardar, as de Infantil, que pasaron das 76 matrículas en 2016 ás 63 actuais.

Deixando a un lado as cifras e centrándonos máis no que deu de si este primeiro día de escola, desde o centro apuntan a que a xornada se desenvolveu con normalidade, entendendo como tal que houbese algún choro dos máis pequeniños e pequeniñas e que o ambiente xeral fose máis ben relaxado.

As clases comezaron ás 9.30h. para o alumnado de 5º e 6º de Infantil e todos os cursos de Primaria, mentres que os meniños e meniñas máis pequenas, as de 4º, foron empezando ao longo da mañá en pequenos grupos concertados previamente coas familias, dentro do período de adaptación que se prolongará até o 26 de setembro.

O resto da cativería ocupou as clases que compartirán durante os próximos nove meses -menos 26 días entre vacacións e non lectivos- para coñecer o profesorado e saber como se vai desenvolver o curso. Cada ensinante explicou o programa e as normas de convivencia nas aulas xusto antes de facer un recreo que, por ser o primeiro día, duron unha hora, de 11.00 a 12.00h.

Á volta do tempo de xogo tocoulles aos mestres e mestras especialistas -música, inglés, etc.- ir pasando polas aulas para reencontrarse coa rapazada e presentarse a quen empeza curso este ano. Ademais, neste primeiro día non todo foi relax, senón que o alumnado de 5º de Primaria xa recibiu a encarga de ir pensando se este ano tamén van formar unha compañía para sacar adiante unha nova participación no proxecto LÒVA de creación musical.

A escola rematou ás 14.00h. Mañá será outro día, día de meterse xa en materia lectiva. Para mocidade da ESO o curso empeza o luns.

Share.