O Concello complementa con 1.000 euros cada unha das solicitudes do I Plan de Hostalaría da Xunta

0

Ao peche do prazo de solicitude das axudas do I Plan da Hostalaría  convocado pola Xunta, a Consellaría de Emprego e Igualdade recibiu 12 peticións de establecementos radicados en San Sadurniño. Porén, malia que todos cumprían os requisitos para obteren as contías reflectidas nas bases, só serán 9 os que finalmente recibirán as achegas reservadas para cada caso, debido a que o crédito autonómico dispoñible -12 millóns de euros- se esgotou en pouco tempo, distribuído entre os negocios que máis buliron a rexistrar a solicitude. Era algo que xa se sabía que ía ocorrer, posto que as bases indicaban que o reparto das axudas seguiría a orde de rexistro até que se acabasen os cartos. Porén, a Xunta e os concellos acordaron a posibilidade de reforzar o alcance da convocatoria mediante unha contribución económica municipal que se pode materializar de dúas posibles maneiras: destinando 1.000 euros para todas e cada unha das solicitudes que cumprisen os requisitos ou ben dándolles esa mesma cantidade só a aquelas que, cumpríndoos, quedaron fóra da convocatoria por esgotamento do crédito da consellaría. San Sadurniño, como concello adherido ao cofinanciamento, colaborará co programa con 12.000 euros, é dicir, 1.000 para cada establecemento solicitante.

Outra das opcións que deu a Xunta para participar no Plan de rescate foi a de que os concellos financiasen a súa contribución habilitando partidas específicas nos seus orzamentos ou, como vai facer San Sadurniño, solicitando que o importe da colaboración sexa detraído do Fondo de Cooperación Local. Segundo explicaba esta mañá Secundino García, tirar por esta opción “simplifica a xestión” e, ademais, ten a mesma repercusión na economía municipal: “á hora de axudarlles aos pequenos negocios o mesmo ten unha opción que a outra, a efectos prácticos é exactamente o mesmo que sexan fondos habilitados polo Concello ou que a Xunta nolos desconte do que nos correspondería percibir do Fondo de Cooperación”.

O rexedor explicou que esta mesma mañá asinou o convenio de colaboración coa Xunta, no que se sinala esta circunstancia e tamén a opción elixida por San Sadurniño para o destino da contribución municipal co plan.

En total a Consellaría de Emprego e Igualdade recibiu 12 solicitudes, das cales 9 si entraron no reparto autonómico e outras tres quedaron fóra por esgotamento de crédito. Os 12.000 euros que pon o Concello distribuiranse a razón de 1.000 euros para cada unha delas, o que significa que as 9 beneficiarias cobrarán 1.000 euros a maiores do que lles dea a Xunta e as tres restantes percibirán só a parte financiada polo Concello. Secundino García explica que a Xunta só deu esas dúas posibilidades: “1.000 euros para todas ou 1.000 euros para aquelas que quedaron sen axuda, Vicepresidencia e a Consellaría de Emprego non deron opción a equilibrar os importes para que todas levaran o que lles correspondería pola convocatoria e, a maiores, un chisco máis”.

En calquera caso, trala sinatura do convenio e o envío da documentación solicitada, agora o libramento das axudas queda en mans da Xunta de Galicia, quen se comprometeu a efectuar as transferencias no prazo máis breve posible. O programa, que pechou en marzo o prazo de solicitude, prevé achegas directas de entre 1.900 e 3.700 euros para o sector da hostalaría e outras actividades pechadas polas medidas sanitarias adoptadas desde xaneiro. Dependendo de cada caso a axuda incrementarase en 1.000 euros grazas á colaboración municipal (estarían, polo tanto, entre os 2.900 e os 4.700 euros).

A Consellaría da Presidencia e a de Traballo e Igualdade só lle facilitaron ao Concello datos sobre o número de solicitudes admitidas e rexeitadas por esgotamento de crédito, pero non información sobre os establecementos beneficiarios nin tampouco as contías que poderán percibir.

O luns ás 8.00h. abre o prazo dunha nova convocatoria da Deputación
En relación coas liñas de axudas dirixidas aos sectores máis afectados polos peches, cómpre lembrar tamén que a Deputación da Coruña abrirá este luns 3 de maio ás 8.00h. o prazo para solicitar as achegas do “PEL-Reactiva: Programa específico de apoio á Hostalaría e Axencias de Viaxes”, consistente en axudas directas de 1.500 euros a microempresas e persoas traballadoras autónomas destes dous sectores que non fosen beneficiarias do PEL-Reactiva convocado o pasado mes de novembro.

As bases poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia nº 72 do 20 de abril de 2021 ou nesta ligazónÉ importante ter en conta que estas achegas serán compatibles coas concedidas por outras Administracións. A diferencia principal con respecto ao PEL-Reactiva convocado en novembro conxuntamente pola Deputación e os concellos é que este novo programa se dirixe especificamente á hostalaría e axencias de viaxes e que, ademais, non será necesario presentar xustificacións de gastos, senón que se trata dunha contía fixa de 1.500 euros.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde o día 3 de maio ás 08.00 horas e ata o esgotamento do crédito dispoñible (9 millóns de euros). Por este motivo é moi importante ter preparada a documentación xa antes dese día e non demorarse moito na solicitude, de cara a ter garantido o acceso a unhas axudas que se irán asignando -sempre que se cumpran os requisitos- por orde de entrada no rexistro provincial.

As solicitudes só poderán presentarse de xeito telemático a través da aplicación SUBTeLHai máis información na web do Plan de Emprego Local e, se se ten algunha dúbida, tamén se pode contactar co técnico de Desenvolvemento local no 981 490 027.

Share.