O 8º Chanfaina Lab confirma a madureza do audiovisual local (I)

0

Hoxe foi día de estreas na Casa da Cultura de San Sadurniño. Os equipos participantes na oitava edición do Chanfaina Lab estaban convocados no auditorio municipal para compartiren co público as pezas que filmaron na primeira fin de semana de setembro, ademais de comentar cal foi a súa inspiración e que quixeron transmitir con elas. O espazo quedou de novo pequeno para acoller esta pequena grande festa do cine local. Unha festa que, malia non contar con alfombra vermella nin tampouco premios, si tivo  outros alicientes das galas da sétima arte: dúas presentadoras -a actriz Isa Risco e a concelleira Ara Bellas, perfectamente compenetradas-, a alocución dos noso particular “méndezleite” -o alcalde, Secundino García-, moitos agradecementos e, sobre todo, moito cine, moi variado e para todos os gustos, sempre con San Sadurniño como protagonista. Rematado o pase dos filmes, que se dividiu en dúas tandas cercanas aos 90 minutos, o VIII Chanfaina Lab deixa como titular principal -polo menos para quen escribe- o da madureza do audiovisual local, posto que os equipos da casa, cuxa experiencia se limita case en exclusiva á participación nas sucesivas edicións do encontro, serviron pezas moi meditadas no conceptual, moi coidadas no técnico e moi saborosas para o público en canto a xeito, ritmo e mensaxe.

A tarde comezou a iso das 17:00h coa chegada das e dos cineastas, que aproveitan os minutos previos ao inicio do acto para saudarse e recordar a experiencia que xuntou a medio cento de persoas nos primeiros compases de setembro cun mesmo obxectivo ou, mellor dito, desafío: planificar, producir e filmar unha curtametraxe de non máis de cinco minutos  dentro dos límites territoriais de San Sadurniño e, ademais, recollendo a esencia do concello da maneira que se quixese, con liberdade  estilística absoluta para afondar na súa historia, recrearse na súa paisaxe, narrar tramas posibles e imposibles nos múltiples escenarios que ofrece e mesmo valerse da súa idiosincrasia humana para chuchar dela interpretacións e vivencias impagables para quen saiba sacarlles partido creativo.

E o resultado non defraudou, como se puido comprobar despois, durante as proxeccións que viñeron tralo cerimonial da estrea conducido pola espontánea e sempre solvente sobre o escenario Isabel Risco, acompañada nas tarefas de presentación pola concelleira de Cultura, Araceli Bellas, quen agradeceu o traballo “de todas as chanfaineiras e chanfaineiros polas pezas que imos poder ver”.

Na mesma liña tamén se pronunciou o alcalde, Secundino García Casal, reiterando os parabéns a Carmen Suárez e a Manolo González por como se desenvolveu a oitava edición do Chanfaina e, sobre todo, por ter posto en marcha en San Sadurniño vai facer agora dez anos un proxecto “que nos permitiu coñecer a grande creatividade que hai neste país. É unha honra que veña xente a San Sadurniño para poder ver como eles nos ven coa súa cámara, e é tamén unha honra ver como se implica a xente de San Sadurniño para darnos a súa visión do concello”. García desexoulle “longa vida” ao encontro e convidou a toda a veciñanza a que se anime a “coller unha cámara” nas próximas edicións. “Incluso eu hei facer unha curta”, dixo o alcalde.

García trasladoulle o éxito do Chanfaina a todas as persoas, tanto creadoras como veciñanza, que fixeron posible que a iniciativa fose medrando en calidade, cantidade e diversidade de propostas. De feito, coas 30 estreas de hoxe, o Chanfaina Lab atesoura desde 2014 máis de 190 curtametraxes, o que fai de San Sadurniño o concello “cunha maior produción audiovisual per cápita do mundo”, tal e como apuntou nun momento da gala Isabel Risco, non sen recoñecer de inmediato, e con humor, que non tiña contrastado o dato.

A parte das presentacións prolongouse arredor de tres cuartos de hora, entre as presentacións cargadas de mensaxe de Risco, a entrega  das “Lolas Chanfaineiras” -as bonecas de plana de millo que os equipos levan de recordo-, o momento en que cadaquén fai unha pequena introdución sen spoilers da súa peza e a foto de familia de todas e todos os participantes sobre o escenario. Ademais, o equipo da curta “A lenda do Pozo dos Donceis”  -formado por Víctor Rico, o fotógrafo Xosé Castro “Pepucho”, o pintor Carlos Vázquez e o seu director, Xosé Manuel Rabón- dooulle ao Concello un cadro alegórico do tempo que botaron en San Sadurniño filmando a súa peza.

Así, sobre as 18:30h a sala quedou a escuras e acendeuse a luz do proxector, a luz da maxia do cine. Por diante 175 minutos de narración visual que se partiron en dous bloques nos que os programadores -Carmen e Manolo- fixeron encaixe de bolillos para alternar dun xeito máis ou menos coherente duracións, estilos e contidos. Porque se o Chanfaina Lab se chama así é por algo: por ser semellante ao embutido tradicional desta zona, un revolto de ingredientes humildes cociñados con moito mimo dos que resulta unha sinerxia saborosa e contundente.

Quen non puidese asistir ás proxeccións -que proseguen no momento de publicar esta nova- debe saber que as curtametraxes se irán estreando de dúas en dúas cada venres a partir da semana que vén na canle de Youtube dedicada ao Chanfaina lab, que este ano volveu contar co patrocinio da Deputación da Coruña. Porén, o luns faremos un pequeno resume xeral do que deu de si a estrea en canto a eixos temáticos (II).

 

Share.