Neste tempo debemos reiniciar o trampeo contra a velutina

0

A nove días de que comece a primavera, con temperaturas suaves e árbores que empezan a abrollar, están dándose as condicións perfectas para que as raíñas fundadoras de novas colonias de velutina saian do seu letargo e empecen a construír os niños embrionarios nos que criar a primeira xeración de obreiras. É máis, segundo parece, co inverno temperado que tivemos, en moitas zonas xa hai semanas que as avespas volveron á actividade. Por esta razón, as asociacións apícolas e os concellos recomendan facer un trampeo selectivo na contorna de onde houbese niños secundarios o ano pasado e sempre preto de camelias e outros arbustos de floración temperá. 

Cadrando co inicio do inverno, as raíñas fecundadas abandonan os grandes niños situados no bico das árbores -só elas, os machos e obreiras morren- e buscan un refuxio seguro para hibernar, case sempre en ribazos e tocóns vellos.

A salvo de depredadores e gorecidas das baixas temperaturas botan ata o arranque da primavera ou ata cando o tempo lles sexa propicio  para empezar a construír os pequenos niños embrionarios que adoitan aparecer en cabanas, uralitas e outros sitios abrigosos. Alí xa están poñendo os seus ovos para criaren unha primeira xeración de obreiras que lles axuden a aumentar o tamaño do niño e a multiplicaren a colonia. Este é, polo tanto, un dos momentos  nos que son máis vulnerables e nos que se recomenda iniciar o trampeo de primavera, ademais de prestarlle atención a aqueles lugares onde adoitan instalarse.

En youtube hai unha chea de tutoriais para construír trampas de diversos tipos, tamaños e custes. Ademais, colectivos apícolas como a Asociación Galega de Apicultura tamén publicaron folletos explicando como facelas cunha botella de plástico na que logo se debe botar un líquido atraente.

Como engado valen as mesturas habituais que combinen unha parte alcólica e outra doce -vermú, cervexa, viño branco, zume de arandos, etc.-, aínda que ultimamente -segundo a AGA- seica está dando bo resultado o atraente preparado con 5 gramos de lévedo fresco do pan disolto en medio litro de auga xunto con 200 gramos de azucre. A entidade explica que a efectividade do atraente dependerá da temperatura ambiental e que, en todo caso, debe cambiarse cada 12 ou 15 días.

É altamente recomendable colocar os trallos preto de lugares onde o ano pasado se detectasen niños secundarios -os grandes que aparecen no bico das árbores- e tamén  ao carón de camelias e outros arbustos de flores rechamantes a unha altura duns 2 metros. Neste tempo as trampas deben estar a uns 100 metros arredor das colmeas ou alvarizas, nunca ao seu carón.

Share.