Ide preparando a documentación para solicitar as axudas de mellora da eficiencia enerxética

0

A Xunta de Galicia convocou o pasado xoves a través do Diario Oficial de Galicia o novo programa de axudas para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes en municipios de 20.000 ou 5.000 habitantes -concellos incluídos no programa PREE 5000 do reto demográfico- de cara á anualidade de 2022. O obxecto destas axudas é financiar as obras de mellora da envolvente (fachadas, tellados, fiestras…), uso de enerxías renovables ou a renovación da iluminación interior por outra que gaste menos corrente. Aínda que o DOG xa publicou a convocatoria, o prazo de solicitude non abrirá até o próximo 3 de xaneiro (remata o 30 de setembro de 2022) e débese ter moi presente que se trata dunha liña non competitiva, polo que as subvencións se distribuirán por orde de presentación (a partir das 00.00 h do 3 de xaneiro) ata o esgotamento do crédito.

As axudas poden chegar  a cubrir ata o 100% do custo das obras subvencionables, sempre que estas cumpran con todos os criterios establecidos para obter unha axuda adicional.

Tal e como consta na resolución publicada o xoves no DOG coa convocatoria do programa para 2022, as persoas físicas ou xurídicas interesados en acollerse a estas subvencións poderán solicitalas a partir do vindeiro 3 de xaneiro, co fin de que ata daquela dispoñan de marxe suficiente para poder preparar unha memoria valorada das actuacións que pretenden executar.

As axudas poden pedirse até o 30 de setembro do ano que vén, aínda que o máis probable é que a partida se esgote aos poucos días de que abrir o prazo. Por esta razón -e polo importe que se pode obter- desde o Concello insístese en que non se deixe pasar a oportunidade e que se empece xa co papeleo para ter maiores garantías de que a solicitude non quede desestimada por falla de fondos.

O PREE 5000 é un dos programas de rehabilitación enerxética financiados con fondos europeos. A súa finalidade é contribuír a acadar os obxectivos medioambientais e enerxéticos establecidos na normativa europea mediante a execución de actuacións en edificios existentes que favorezan a redución do seu consumo final e das emisións de CO2 mediante o aforro de enerxía, a mellora da eficiencia e o aproveitamento das fontes renovables.

As actuacións subvencionables realizaranse en edificacións localizadas en municipios de menos de 5.000 habitantes ou en concellos non urbanos de menos de 20.000 sempre que ningún dos seus núcleos de poboación supere as 5.000 persoas. Os inmobles deberán terse construído antes de 2007 e poderán ser vivendas unifamiliares, edificios de tipoloxía residencial colectiva ou vivendas dun edificio consideradas individualmente.

As axudas están abertas ás persoas físicas ou xurídicas de natureza privada así como ás comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias que sexan titulares de inmobles nos que se vaian acometer as actuacións subvencionables.

Os traballos que se vaian  executar deberán encadrarse nunha ou en varias das seguintes tipoloxías: mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica; mellora da eficiencia enerxética e uso de enerxías renovables nas instalacións térmicas de calefacción, climatización, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria; e mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación.

Neste sentido, as obras que subvencione o Instituto Galego da Vivenda e Solo ao abeiro do PREE 5000 deberán conseguir unha redución do consumo de enerxía primaria non renovable do 30% respecto á situación actual do edificio e, ademais, mellorar a cualificación enerxética total do inmoble en, polo menos, unha letra. Este último criterio non será de aplicación cando o edificio acredite ter xa unha cualificación A.

As axudas non terán unha contía fixa, partindo dun mínimo equivalente ao 20% dos custos elixibles e podendo chegar ata o 100%. Así, o importe concreto variará tendo en conta o tipo de actuación, o inmoble obxecto da rehabilitación ou os obxectivos de eficiencia enerxética acadados tras a reforma.

En todo caso, a subvención concedida será o resultado de sumar a axuda base —que oscilará entre un 20% e un 50% dos custos elixibles— e a axuda adicional que corresponda en cada caso en función do cumprimento dunha serie de criterios sociais —por exemplo, que o edificio estea baixo algún réxime de protección pública—, de eficiencia enerxética —cando o inmoble obteña unha cualificación A, B ou incremente en dúas letras a súa situación de partida— e se é ou non unha actuación que inclúa obras correspondentes a dúas ou máis tipoloxías.

Share.