Fran Bermúdez engaiola a rapazada con larpeiradas saudables

0

Fran Bermúdez ten moitas facetas. Ademais de blogueiro e creador audiovisual, este natural de Neda, veciño da Lobeira e residente temporalmente nos Países Baixos é tamén un amante da cociña e da vida saudable. A piques de retornar para o norte de Europa, Fran mostrou estas dúas últimas paixóns nun obradoiro especial de Tempos para compartir dirixido á xente miúda que tivo lugar este xoves no local social de Lamas. Unha quincena de nenas e nenos aprenderon canda el como preparar  lambetadas que en nada se parecen ás comerciais pero que están igual de boas e son, certamente, menos prexudiciais para a saúde.

No menú deseñado por Bermúdez para a antevéspera de Reis houbo tres únicos pratos: gominolas, crema de cacao e manteiga de cacahuete. Iso si, todo feito sen conservantes, nin colorantes, nin azucres, nin graxas animais, nin aromas artificiais. Só materia prima que pode atoparse en calquera tenda.

Por exemplo, para preparar gominolas de amorodo abonda con triturar as froitas e despois mesturalas con xelatina vexetal -tamén chamada agar agar-, que provén de algas mariñas en vez de ter orixe animal. O líquido resultante bótase nunha bandexa formando unha capa de máis ou menos 1 cm., agárdanse uns intres a que calle e, por último, ao conxelador durante uns 10 ou 15 minutos.

Despois dese tempo haberá que cortar en pequenos dados as gominolas e, se se quere, rebozalas en azucre. Fran non é moi partidario diso. Aínda que o sabor se fai máis agradable, engadir azucre procesado nas dietas infantís é algo que se debe evitar, sobre todo se temos en conta a cantidade de edulcorantes artificiais que hai ocultos en case todos os alimentos da nosa despensa. “Hai que concienciar á rapazada do malo que pode chegar a ser o azucre oculto que atopamos nos ultraprocesados industriais”, comentou Bermúdez. O gusto polo doce é algo que se aprende e, polo tanto, susceptible de ser educado desde idades temperás para evitar inxestas prexudiciais que deriven co tempo -asociadas moitas veces ao sedentarismo- en obesidade e a cada vez máis frecuente diabetes infantil.

Unha opción saudable é substituír os dulcificantes refinados por ingredientes que posúan azucres naturais. Un bo exemplo foi a crema de cacao que preparou Fran en Lamas. Triturou abelás tostadas sen sal e sen pel botándolles leite pouco a pouco ata ter unha crema semilíquida. Logo engadiu cacao en pó puro 100% e sen azucre que ten un sabor forte e máis ben amargo. O truco que empregou Bermúdez para facer unha crema agradable ao padal foi xogar co aroma dunha póla de vainilla natural e unha boa presada de dátiles, que lle engaden ao resultado un o toque doce sen necesidade de azucre. Tal e como lles explicou Fran aos nenos e nenas, un bote de Nutella ou Nocilla -as marcas comerciais máis coñecidas- “leva un 50% de azucre e asegúrovos que non lle botan cacao natural”.

Outra lambetada que se preparou nesta tarde de Tempos para compartir foi a manteiga de cacahuete. Un almorzo e merenda con grande aceptación na outra banda do Atlántico pero que aquí, de momento, ten escasa penetración no mercado, quizais porque o noso gusto tira máis polo doce que polo salgado. Para facelo Fran Bermúdez usou cacahuetes tostados, sen casca nin sal engadido. Bátese todo ben batidiño -cunha batidora ou cunha “túrmix”- e o resultado é unha pasta doada de untar por mor dos aceites naturais que libera o cacahuete durante o proceso. Na merenda que disfrutaron os nenos e nenas participantes no obradoiro a manteiga non se untou no pan, senón que se serviu en pequenos bocados con plátano ben maduro. Un contraste doce-salgado que tivo un grande éxito entre a rapazada que, ao final da tarde, tamén probou as gominolas e amorodos mollados na crema de cacao.

Hoxe veñen os Reis
O Tempos para compartir especial para a cativería encadrouse dentro da programación do Nadal do Concello. Esta programación remata hoxe á tarde cun dos momentos máis agardados polos nenos e nenas: a visita dos Reis Magos do Oriente.

A chegada das SS.MM. Melchor, Gaspar e Baltasar está prevista para as 18.45h. Pero antes, a partir das 17.30h., a rapazada poderá da animación de La Guagua con música,  obradoiros de maquillaxe e xogos en grupo, ademais de ter a opción de subir e baixar cantas veces queiran dos inchables e da cama elástica que se instalarán, igual que outros anos, no ximnasio do CPI.

Share.