Este luns entramos na Fase 2: ¿que podemos facer?

0

Como fixeramos hai dúas semanas cando tratamos o pase da Fase 0 á Fase 1, hoxe tócanos resumir o máis destacado dos “boes” publicados onte e máis antonte, que alixeiran aínda máis as restricións para a mobilidade e para o desenvolvemento de actividades. No caso de San Sadurniño, por ser municipio inferior a 10.001 habitantes e cunha densidade por baixo dos 100 h./km², parte do alivio da Fase 2 que arranca o luns xa o estamos notando desde este venres coa apertura da hostalaría tamén no interior dos locais e coa posibilidade de dar paseos máis longos e coa familia convivinte ao completo. Porén, vexamos que novidades trae este terceiro chanzo da desescalada, que xa fora adiantado no boletín oficial do pasado 16 de maio.

PASEOS E DESPRAZAMENTOS

  • Paseos e actividade física. Desde o luns haberá liberdade de movementos en toda a provincia (non só dentro do municipio, segundo se entende no boletín do sábado 16). Poderán reunirse grupos dun máximo de 15 persoas -as terrazas seguen limitadas a 10- respectando todas as medidas de prevención e hixiene e mantendo a distancia mínima interpersoal de 2 metros. No caso de persoas convivintes os grupos poderán ser maiores e elimínase a obriga de unha persoa adulta por cada tres nenas ou nenos. Cómpre ter en conta que se suprimen as franxas horarias -en San Sadurniño xa non as había-, pero noutros lugares con poboación superior aos 10.001 habitantes e densidades superiores aos 100 h./km² manterase o intervalo correspondente aos paseos e actividade física das persoas maiores de 70 anos: de 10 a 12 e de 19 a 20.00h.
  • A Xunta e mailo BNG solicitáronlle ao Goberno do Estado que en Galicia se permitise a mobilidade entre provincias ou, polo menos, entre municipios lindeiros de provincias distintas. O BOE non recolleu aínda esa autorización.
  • Tamén se poderá ir á praia bañarse ou facer exercicio e serán os municipios costeiros quen teñan a difícil tarefa de establecer as condicións para asegurar o aforo e maila distancia mínima de 2 metros que han de gardar as persoas non convivintes. Os baños e outras actividades deberán desenvolverse de forma individual e as toallas, bolsas, etc. que levemos canda nós tamén terán que estar a 2 metros das de outras persoas.
  • O Estado delega nas Comunidades Autónomas en Fase 2 a posibilidade de autorizar as visitas a residencias de persoas maiores -cuxas residentes xa poderán saír pasear- e a centros de menores tutelados. Esas visitas estarán limitadas a unha única persoa por residente e deberase concertar obrigatoriamente cita previa. Deberán extremarse as medidas preventivas e de hixiene.
  • É importante sinalar que a partir do 1 de xuño volverán correr os prazos administrativos que quedaran suspendidos coa declaración do primeiro Estado de Alarma. O 4 reanudaranse os prazos procesais na xustiza.
  • Uso de máscaras obrigatorio na vía pública, en espazos públicos abertos e en espazos pechados abertos ao público, sempre que non se poidan gardar 2 metros de separación. Tamén segue sendo obrigatorio utilizar máscaras en todo tipo de transporte público (autobús, ferrocarril, aéreo e marítimo)
    • En motocicletas e ciclomotores -tamén en vehículos da categoría L, coma os cuadriciclos-, cando vaian dúas persoas terán que levar máscara ou casco integral a menos que convivan no mesmo domicilio. É obrigatorio o uso de luvas (de protección ou de tipo sanitario, valen os dous tipos)
    • En vehículos de ata 9 prazas, haberá que levar máscara se as persoas que van dentro non viven todas xuntas. Se as viaxeiras conviven no mesmo domicilio, poderán ocuparse todas as prazas do vehículo e non será obrigatorio que leven máscara. Se unha delas -ou máis- non son convivintes, só poderán ir dúas persoas por fila de asentos, respectando a máxima distancia posible e, repetimos, todas con máscara.
    • En taxis e vehículos de transporte público de ata 9 prazas, incluido o condutor, irán dúas persoas por cada fila adicional de asentos, ademais da do condutor/a. Se as persoas usuarias son convivintes, poderán ir tres por cada fila. En todos os casos con mascarilla, por tratarse de transporte público.
    • Nos trens e buses -tamén os que se contraten para servizos privados-, o operador da liña deberá garantir que sempre quede un asento baleiro entre as persoas usuarias. Se son convivintes, poderán ir xuntas (con máscara, igual que o resto da pasaxe). No autobús quedará libre a fila situada detrás do condutor ou condutora, a menos que haxa mampara. Nas liñas de transporte urbano e periurbano onde haxa plataformas para ir de pé deberase gardar a máxima distancia posible e ponse como tope a metade dos asentos dispoñibles e máximo dúas persoas de pé por cada metro cadrado da plataforma.
    • En vehículos cunha soa fila de asentos -por exemplo camións e furgonetas- haberá que levar máscara a menos que os ocupantes convivan no mesmo domicilio.

BARES E RESTAURANTES

  • En bares e restaurantes:  terrazas ao aire libre ata un máximo do 50% das mesas e no interior, ata un máximo do 40% de ocupación coa clientela sempre sentada, de momento non se permite servir na barra.
  • En bares e restaurantes poderá haber grupos de ata 10 persoas por mesa ou agrupación de mesas e, en todo caso, deberán manter as distancias de seguridade interpersoal. Á hora de pagar optarase preferiblemente pola tarxeta ou o móbil cunha aplicación contactless, evitando no posible o metálico.
  • Mesas e cadeiras deberán limparse e desinfectarse entre un cliente e outro. Na entrada do local terá que haber un dispensador de xel hidroalcólico ou desinfectante virucida autorizado por Sanidade sempre en condicións de uso.
  • Discotecas e locais de ocio nocturno deberán seguir pechados.

COMERCIOS E NEGOCIOS

  • Poden abrir sen limitación de superficie todos os establecementos e locais comerciais. Máximo 40% do aforo dos locais e naqueles que non poidan garantir a distancia social de 2 metros só poderá haber unha persoa en cada momento. Deberá establecerse un horario de atención con servizo prioritario para maiores de 65 anos.
  • Tamén poden abrir os centros comerciais -Odeón ou os comercios de Alcampo, por exemplo- asegurando que non se supere o aforo do 30% dos espazos comúns e sen que se poidan utlizar equipamentos de lecer nin zonas de descanso. Nas salas de lactancia, máximo unha familia. Os cines non poderán exceder 1/3 do seu aforo e as entradas han de estar preasignadas. De momento non estarán abertos os que temos máis próximos: Odeón Multicines e as salas Dúplex.
  • Afrouxan tamén as restricións para feiras e mercadillos que soben dun 25 a un 30% dos postos habituais ou autorizados. Os postos deberán estar separados e a clientela non poderá manipular o produto.
  • Levántanse as restricións para obras no interior de edificios existentes (a construción estaba permitida), que poderán desenvolverse mantendo as distancias coas persoas que vivan neles.

MORTORIOS, ENTERROS, MISAS… E TAMÉN VODAS

  • Os velorios poderán celebrarse en instalacións públicas ou privadas cun límite máximo en cada momento de 15 persoas se son en espazos pechados  e de 25 se son ao aire libre. As persoas asistentes poden ser ou non convivintes.
  • Aos enterros e cremacións só poderán asistir 25 persoas entre familiares e achegadas, ademais de quen celebre o rito funerario. Sempre gardando dous metros de distancia, mantendo a hixiene de mans e a etiqueta respiratoria (usar mascarilla, tusir/esbirrar en panos desbotables ou contra o interior do cóbado).
  • A celebración de misas (ou outros cultos) estará limitada ao 50% do  aforo do templo e cumprindo as medidas de hixiene e distanciamento social. Segue recomendándose evitar o contacto persoal, a distribución de calquera obxecto, bicar ou tocar obxectos de culto.
  • As vodas en recintos pechados -civís ou relixiosas- non poderán superar as 50 persoas e en ningún caso o 50% do aforo. Se son no exterior, máximo 100 persoas. Os convites posteriores rexeranse polo que se marca para a actividade hostaleira: todo o mundo sentado e sen superar o 40% do aforo do local.

ENSINO, BIBLIOTECA E ESPECTÁCULOS

  • O Estado deixa na man das autonomías que a partir do luns poidan reiniciarse as clases presenciais no ensino non universitario. No caso de Galicia, a actividade retomarase con carácter voluntario unicamente para o alumnado de segundo curso de Bacharelato e para os segundos cursos de Formación Profesional de grao Superior e de grao Medio, tanto en réxime ordinario como no caso de educación para persoas adultas. O reinicio aparece reflectido nunha resolución da Consellaría de Educación asinada o venres.  O máis seguro é que infantil e primaria non volverán ás aulas ata despois do verán. Por outra banda, a Consellaría de Política Social aínda non achegou os protocolos necesarios para poder abrir as escolas infantís.
  • O BOE tamén se refire ao funcionamento das bibliotecas públicas na Fase 2. A biblioteca pública de San Sadurniño xa está aberta en horario de tarde, aínda que  só a un terzo do seu aforo. Non se poden empregar as salas infantís nin as coleccións de libre acceso. Si pode utilizarse a sala de lectura mantendo as distancias. Ademais, os libros para préstamo deben pasar corentena antes de poderse volver prestar.
  • O Ministerio de Sanidade tamén amplía as condicións para o desenvolvemento de actividades e espectáculos culturais, aínda que restrinxíndoas a un terzo do aforo dispoñible. Nos espazos pechados non poderá haber máis de 50 persoas en total e, se son ao aire libre, un máximo de 400 persoas, sempre sentadas e mantendo as distancias de seguridade. Neste sentido, o Concello non retomará por agora a programación cultural na Casa da Cultura nin tampouco se reabrirán outros locais de titulariedade municipal para o desenvolvemento de actividades (Casa da Xuventude e locais sociais de varias parroquias).

DEPORTES, XIMNASIO E TURISMO

  • No BOE autorízase a reapertura de instalacións deportivas pechadas -pavillóns, ximnasios, etc.- e tamén que se retomen os adestramentos básicos non profesionais, aínda que segue imperando a obriga de que se fagan de maneira individual e sen contacto. Tamén poderán abrir as piscinas, sexan cubertas ou ao aire libre, sen superar o 30% do aforo e con rigorosas medidas de distanciamento social e hixiene. O Concello de San Sadurniño informará ao longo desta semana sobre as condicións en que se retomará a actividade nas instalacións deportivas municipais.
  • En hoteis e aloxamentos turísticos permítese abrir desde este luns as zonas comúns, limitadas a 1/3 do aforo. Abren os parques naturais con limitación de visitantes e amplíase o cupo para os eventos de turismo activo e de natureza organizados por empresas rexistradas, que agora poden xuntar grupos de ata 20 persoas.

 

Share.