Este ano tampouco podemos plantar patacas

0

Que durante o 2020 tampouco imos poder poñer patacas en San Sadurniño era algo sabido desde hai semanas. Pero desde hoxe está confirmado oficialmente coa publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución da Consellaría do Medio Rural na que se marcan os concellos da nosa zona onde se levanta a prohibición e aqueloutras que seguen tendo a condición de infestadas pola praga da couza guatemalteca. San Sadurniño é un dos municipios onde segue prohibido plantar. A medida manterase alomenos durante todo este ano e, se non se producen capturas do insecto no noso territorio, todo apunta a que en 2021 se podería retomar o cultivo. Porén, mentres continúe a prohibición recordamos que non se pode poñer nin un só tubérculo na terra, nin agora nin máis adiante -nin sequera nun invernadoiro-, xa que diso depende a completa erradicación desta peste.

A pregunta que lle vén á cabeza a moita xente é a de por que en San Sadurniño non se pode plantar e en concellos limítrofes como A Capela, As Somozas ou Moeche si. A razón atende ao que di a normativa sobre o plan de erradicación da couza guatemalteca, posto que para autorizar as plantacións é necesario que pasen alomenos dous anos consecutivos sen que caia ningún exemplar da avelaíña nas trampas que ten distribuídas a Xunta por distintos puntos da comarca.

A corentena en San Sadurniño e noutros concellos decretouse en 2017 e en setembro de 2018 aquí aínda caeron nas trampas algúns insectos. Durante 2019 non se detectou ningún e, se se continúa respectando a prohibición de plantar, en 2020 tampouco deberían aparecer dado que esta praga só pode sobrevivir e reproducirse onde hai patacais. Se todo vai ben, en 2021 sería moi probable que se levantase o veto á pataca no noso concello.

Polo momento a prohibición na nosa zona mantense en San Sadurniño, Valdoviño, Narón, Neda, Cariño e Ortigueira mentres que outros municipios próximos que o ano pasado non puideron plantar agora si van poder facelo baixo supervisión dos servizos de Sanidade Vexetal, igual que ocorría en Cedeira, Cerdido e Moeche.

Na lista de novos afortunados entraron Ferrol, Ares, Mugardos, Fene, Cabanas, A Capela e As Pontes, que agora pasan ser “zonas tampón” por lindar con municipios que continúan en corentena. Nesas zonas pode plantarse de novo, pero esíxese informar á Xunta da localización exacta de todos os regos que se poñan, co obxectivo de verificar tecnicamente que a praga non se reproduce.

O paso de zona infestada a zona tampón destes municipios tivo como consecuencia que se declarasen como zonas libres -onde se pode plantar sen control oficial- os territorios máis próximos a nós que antes facían de barreira, é dicir, Pontedeume, Monfero, Vilarmaior e Miño na Coruña e Xermade e Vilalba en Lugo.

Polo tanto, toca agardar outro aniño máis, respectar a normativa e cruzar os dedos para que o plan de erradicación dea resultados.

SEAGA encargarase agora das velutinas
A noticia oficial sobre a reordenación do mapa da pataca cadrou con outro anuncio da Xunta relativo á avespa asiática. E é que segundo puidemos saber hoxe polos medios de comunicación, a partir de agora será a empresa SEAGA quen se ocupe da retirada dos niños da velutina, tal e como acordou o executivo autonómico coa FEGAMP.

San Sadurniño foi un dos 275 municipios galegos que se adheriu ao servizo que, segundo informou hoxe o Goberno Galego, atenderá nun prazo máximo de 5 días todos os avisos que se cursen a través do teléfono 012, sempre e cando os niños se atopen a menos de 25 metros de altura.

 

 

 

 

Share.