Estamos no momento ideal para trampear contra a velutina

0

O tempo non vén ao seu. Nos últimos meses non tivemos practicamente inverno e xa estamos case metidos na primavera, con temperaturas suaves e árbores que empezan a abrollar. Danse as condicións perfectas para que as raíñas fundadoras de novas colonias de velutina saian do seu letargo e empecen a construír os niños embrionarios nos que criar a primeira xeración de obreiras. Este é o mellor momento para tentar atallar a praga, xa que por cada raíña que capturemos haberá un niño menos do que preocuparse no futuro. As entidades apícolas e os concellos recomendan facer un trampeo de precisión, é dicir, colocar trallos selectivos nos que só quede presa a velutina pero non outros insectos beneficiosos para o ecosistema e facelo preto de lugares onde houbo niños secundarios o ano pasado, preferiblemente en camelias e outros arbustos de floración temperá. Este é, por agora, o único método de loita efectivo contra a praga, en espera de que haxa dispoñibles no mercado atraentes fabricados con feromonas sintéticas. Unha posibilidade que cada vez está máis próxima.

Cadrando co inicio do inverno, as raíñas fecundadas abandonan os grandes niños situados no bico das árbores -só elas, os machos e obreiras morren- e buscan un refuxio seguro para hibernar, case sempre en ribazos e tocóns vellos.

A salvo de depredadores e gorecidas das baixas temperaturas botarán ata o arranque da primavera ou ata cando o tempo lles sexa propicio -como o destes días- para empezar a construír os pequenos niños embrionarios que adoitan aparecer en cabanas, uralitas e outros sitios abrigosos, onde logo porán os seus ovos para criaren unha primeira xeración de obreiras que lles axuden a aumentar o tamaño do niño e a multiplicaren a colonia. Este é o momento no que son máis vulnerables e no que se recomenda iniciar o trampeo de primavera, ademais de prestarlle atención a aqueles lugares onde adoitan instalarse.

En youtube hai unha chea de tutoriais para construír trampas de diversos tipos, tamaños e custes. Seguindo o esquema recollido neste documento do Ministerio de Agricultura -que copia os deseños franceses e que, ademais, é o máis barato- o máis aconsellable é coller unha botella de plástico de litro e medio de capacidade e cortarlle a súa parte superior, que despois se volverá poñer invertida coma un funil sobre a abertura que queda.

É importante poñerlle algún tipo de cuberta a xeito de pequeno tellado que impida a entrada de auga da chuvia. Pero aínda é máis importante practicar polo menos tres buratos laterais que permitan a saída doutros insectos, dous deles de 1.5 mm. de diámetro preto do borde superior e, o terceiro, duns 25 mm. e forma trapezoidal, situado ao nivel do líquido atraente.

Como líquido valen as mesturas habituais que combinen unha parte alcólica e outra doce -vermú, cervexa, viño branco, zume de arandos, etc.- e, segundo o esquema do ministerio, ten que encherse polo menos un tercio do recipiente. A novidade con respecto ao que se fai habitualmente é que o líquido ten que ir enchoupado nunha esponxa. A súa efectividade será a mesma contra a velutina, que non poderá fuxir do engado, pero evitará que outros insectos morran por afogamento e facilitaralles que poidan marchar por algún dos tres furados laterais.

É altamente recomendable, por último, colocar os trallos preto de lugares onde o ano pasado se detectasen niños secundarios -os grandes que aparecen no bico das árbores- e preferiblemente a unha altura duns 2 metros ao carón de camelias e outros arbustos de flores rechamantes. O engado debe renovarse cada 10 ou 15 días.

Avances importantes nun atraente sexual
As trampas caseiras semellan, polo de agora, o único método preventivo que pode dar algún resultado neste tempo, á espera de que prosperen as investigacións que se están levando a cabo para sintetizar unha feromona que atraia unicamente á velutina.

Niso anda o Instituto de Investigación en Bioloxía dos Insectos do CNRS/Universidade de Tours, en Francia, cun equipo encabezado por Eric Darrouzet, quen acaba de publicar na revista Entomologia Generalis os primeiros datos dun estudo desenvolvido en colaboración coa Universidade da Academia das Ciencias de China e a Universidade de California.

Segundo se avanzou hai tan só uns días, o equipo científico confirmou a composición das feromonas -tres ácidos en distintas proporcións- e probou nun estudo de campo a súa eficacia como atraente, o que abre a porta ao seu emprego en trampas. Unha conclusión á que tamén chegou hai tres anos un estudo da USC financiado pola Deputación da Coruña no que participaron o doutores Xesús Feás, Julio Seijas e Pilar Vázquez-Tato. Daquela mesmo sintetizaron a hormona e fixeron un dispensador que, porén, a día de hoxe segue sen estar comercializado.

 

 

Share.