O Xeoparque celebra o seu primeiro aniversario con varias rutas por todo o territorio

0

Neste mes de maio faise un ano desde que o territorio do Xeoparque do Cabo Ortegal obtivo o seu distintivo por parte da UNESCO. Este primeiro aniversario cadra coa semana europea dos xeoparques, que aquí se vai celebrar con varios itinerarios gratuítos para descubrir a riqueza xeolóxica, natural e cultural que fixo merecente á nosa zona do exclusivo recoñecemento internacional. Neste sentido, os días 18, 19, 25 e 26 de maio hai programados seis percorridos divulgativos “perfectos para entusiastas da xeoloxía e para familias que buscan unha saída educativa e divertida”. Hai que inscribirse a través desta ligazón.

Ser Xeoparque Mundial da UNESCO implica que se debe levar a cabo un intenso plan de dinamización, comezando polo coñecemento, coa finalidade de que tanto a veciñanza como as persoas visitantes saiban das peculiariedades xeolóxicas únicas do territorio -condición indispensable para obter o recoñecemento-, pero tamén para que descubran de que maneira evolucionou a vida sobre unha paisaxe en cambio constante desde hai millóns de anos. Paisaxe que, por certo, tamén foi e é escenario da evolución humana, manifestada a través dun patrimonio material e cultural non menos exclusivo e xenuíno que a propia xeoloxía.

No calendario de percorridos programado polo Xeoparque do Cabo Ortegal para esta fin de semana e a que vén combínanse case a partes iguais o coñecemento das rochas e das incribles forzas que as crearon, a historia e a realidade social, todas elas intimamente relacionadas. Tal e como se sinala na web do xeoparque, os itinerarios son “unha oportunidade de conectar coa Terra e a súa historia”.

Así, este sábado 18 ás 11:30h e máis o domingo 19 ás17:00h temos a visita guiada ao Castelo de Moeche e o centro de interpretación das Revoltas Irmandiñas, ademais de poder achegarnos ao Museo Mares de Cedeira (sábado ás 16:00h e domingo ás 11:00h).

O sábado 25 hai previstas tres saídas: a Ruta das aves e nutrias polo litoral da ría de Ortigueira e Cariño -10:00 a 13:00h-, o percorrido pola cultura mariñeira que ofrece a Ruta dos Peiraos de Cariño -16:00 a 20:00h- e, tamén con este último horario, a Xeorruta de Interior que conducirá Fran Canosa pola Serra do Forgoselo, as canteiras de toelo de Moeche e as minas de cobre de Cerdido.

O domingo 26 pecharase a Semana dos Xeoparques Europeos -e o primeiro aniversario do Xeoparque do Cabo Ortegal- visitando entre as 9:30 e as 14:30h os cantís da Capelada, Cabo Ortegal e o litoral de Espasante.

Para participar en calquera destas rutas gratuítas é necesario inscrición previa a través da central de reservas da web do xeoparque. Todas elas son de dificultade media ou baixa e están especialmente indicadas para facer en familia (mellor con rapazada en idade escolar e que estea afeita a andar). É moi aconsellable levar calzado cómodo que non sexa de estrea e que protexa os nocellos, ademais de auga, aínda que os traslados entre distintos puntos se efectuarán en autobús.

Outras propostas
Alén dos percorridos divulgativos, o Xeoparque do Cabo Ortegal tamén programou para os días 22 e 23 ás 19:00h as charlas on line “O patrimonio glaciar do Xeoparque do Cabo Ortegal” e “Outros valores ambientais da Capelada”, impartidas -respectivamente- polo Doutor da USC Augusto Pérez Alberti e por Xan Rodríguez Silvar, presidente da SGHN. As ligazóns para seguir as sesións cos expertos publicaranse na web xeoparquecaboortegal.gal.

O venres 24, a Casa da Cultura de Valdoviño acollerá desde as 17:00h o acto de celebración do 1º aniversario do xeoparque con intervencións institucionais e de representantes tanto do Foro Español de Xeoparques como da Rede Europea. Antes do remate tamén se recoñecerá o labor das entidades amigas do xeoparque.

 

 

 

Share.