Este sábado vai desputarse por distintos puntos da comarca a 36ª edición do Rallye Cidade de Narón. A proba é puntuable para a Copa de España de Rallyes de Asfalto e nela inscribíronse 59 vehículos á procura da victoria tras completar un total de dez tramos cronometrados e case 400 quilómetros entre carreira e enlaces. O noso municipio será escenario, igual que o ano pasado, do trazado “San Pedro-VO Ferrol”, de 15,15 km. Os coches cruzarán parte de Igrexafeita e Ferreira en dúas pasadas previstas a partir das 16:20 e das 19:00 horas. O tráfico estará cortado, polo tanto, entre as 15:20 e aproximadamente as 20:40h.
A proba automobilística arrancará no lugar de San Pedro, en Recemel. Desde alí os coches encararán San Sadurniño pasando polo Porto dos Bois, A Veiga e Santa Cristina ata cruzar o río e entrar en Amido, xa na parroquia de Igrexafeita.
Desde Amido subirán polo Hedreiro ata a Chabola -onde se encontra unha das curvas máis afamadas do rally- e desviaranse cara a San Cristovo para continuar camiño en baixada primeiro polo Chao, logo polo Xestal e finalmente as Filgueiras. Nese punto xirarán á esquerda para volver subir polo medio do monte ata preto da Leiriña, onde se situará o punto final de cronometraxe.
Desde a organización e desde o Concello prégase que se atendan ás recomendacións de seguridade á hora de acceder aos tramos e de elixir os lugares para seguir a proba. Tamén se recorda que a circulación en todo o trazado, denominado no itinerario horario TC7 e TC9 San Pedro -“VO Ferrol”, estará cortada entre as 15:20 e as 20:40h deste sábado 25 de maio.
O tramo non abrirá entre cada pasada, pero desde a organización informan que no caso de que fora imprescindible habilitarlle o paso a alguén que teña que saír ou entrar no percorrido por razón de urxencia (unha ambulancia, por exemplo), e sempre que non houbese un camiño alternativo, deberase chamar ao 633 388 020. A reapertura das pistas dependerá, ademais, do total de vehículos que aínda queden en carreira a última hora do sábado, motivo polo que cabe a posibilidade de que sa adiante uns minutos sobre o horario previsto.