Preto de 170.000 euros para reparar nove pistas en zonas de concentración parcelaria

0

O DOG publicou en decembro de 2023 unha orde de axudas cofinanciadas con fondos europeos para a rehabilitación de camiños en zonas onde se tivesen completado procesos de concentración ou reestruturación parcelaria. Neste sentido, o Concello de San Sadurniño presentou á convocatoria tres proxectos para reparar un total de nove pistas situadas en San Sadurniño, Lamas, Bardaos e Santa Mariña do Monte. O investimento previsto ascende a 168.756,37 euros (IVE incluído) e a achega obtida -que lle foi confirmada recentemente á Administración local- cubrirá algo máis do 80% do seu custe.

O primeiro dos proxectos deseñados, cuantificado en 54.075,14€ (IVE incluído), contempla actuacións nas vías de comunicación de leiras de concentración parcelaria de Lamas, San Sadurniño e Bardaos. A de maior distancia, algo máis de 1,1 quilómetros, será o asfaltado do trazado entre Ramil e o Chao de Lamas, seguida preto de alí da nova pavimentación da pista de Prospes, de 966 metros. Dentro deste paquete entran tamén outros 340 metros dun camiño na Bañoca, en Bardaos, aínda que neste caso se botará unha nova capa de saburra compactada.

O segundo dos proxectos ascende a 49.201,96 euros -impostos incluídos- e céntrase na comunicación da Pardiñeira e o Carbeiral,  cunha distancia de 507 metros, e na reparación dunha pista de 541 metros no lugar da Sanguiñeira, ambas en Bardaos. No programa vai tamén o enlace entre as Leiras e Vilela, en Lamas, sobre unha distancia de 1.049 metros.

O terceiro grande proxecto viario que se acollerá ás axudas autonómicas cofinanciadas polo FEADER diríxese a camiños das concentracións de Santa Mariña e San Sadurniño. Son tamén tres: o eixo Calvelas, Corripa e a Lobeira, de 1,4 quilómetros; a pista de Vilachá (340 metros) e o camiño de Pontellas, de 354 metros. Neste caso o importe da obra está orzamentado en 65.479,27 euros, IVE e outros gastos incluídos.

A suma económica total quedaría, polo tanto, en 168.756,37 euros, dos cales se cubrirían 139.468,08 coa subvención tramitada perante a Consellaría do Medio Rural, que non financia o IVE nin tampouco outros conceptos como a redacción do proxecto ou a dirección de obra.  Segundo a resolución de concesión da axuda -o 100% do orzamento elixible aprobado-, o 75% dos fondos proveñen do FEADER, a Xunta achega outro 17,5% e o Ministerio de Agricultura outro 7,5%.

Pola súa banda, o Concello deberá asumir os algo máis de 29.000 euros restantes. Unha contía que seguramente se vexa reducida unha vez se completen os procesos de licitación, que se anunciarán en breve na Plataforma de Contratación do Sector Público.

O alcalde de San Sadurniño, Secundino García, destacou a envergadura das intervencións previstas, coas que “van repararse 7 quilómetros de pistas municipais que lle dan servizo, principalmente, a unhas 200 veciñas e veciños de distintos puntos do territorio”.

O rexedor lembrou, ademais, que “en cousa de días” tamén se vai licitar o paquete viario incluído nas liñas do Plan Marco de Camiños, cun investimento de 88.600 euros para aglomerar entre a Pena da Meda e O Cando (ademais da conexión co Couce), en Igrexafeita, así como o asfaltado de dous pequenos tramos na Curuxa e en Rupiallo, en San Sadurniño.

feader

 

Share.