Declaración institucional do 8 de marzo, Día Internacional da Muller

0

O Concello de San Sadurniño conmemora un ano máis o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, data na que reafirmamos o noso compromiso coa igualdade en todos os espazos da vida. Somos conscientes de que o mundo vive un momento de profundas transformacións sociais e económicas e que historicamente cada crise foi aproveitada polo patriarcado para se fortalecer.

Hoxe en día, malia os avances que temos conquistado, estamos a ver como os dereitos tamén se poden perder. O cuestionamento da existencia da violencia machista cando estamos a ser asasinadas ou violadas, o cuestionamento dos nosos dereitos sexuais e reprodutivos son perigos vixentes. Ademais, vivimos nos últimos meses acontecementos e indicadores preocupantes no ámbito do lecer, o deporte e outros ámbitos do día a
día.

Por outro lado, somos tamén conscientes que no ámbito institucional as mulleres seguen a ter maiores dificultades para exercer a súa actividade, son espazos aínda moi masculinizados, un reflexo que podemos ver tamén no ámbito social e no empresarial e cómpre polo tanto afondar nos pasos importantes que se foron dando nos últimos anos mais sendo conscientes da realidade.

Desde os concellos e as deputacións podemos e debemos poñer en marcha medidas que axuden a corrixir discriminacións que son evidentes . Desde o Concello de San Sadurniño somos conscientes dos pasos adiante que se levan dado mais tamén de todo o que aínda queda por facer ata conseguir que a igualdade sexa plena. O compromiso desta institución é non dar pasos atrás e seguir traballando en avanzar en igualdade, en
poñer en marcha medidas que aborden a educación en igualdade nos e nas máis novas, medidas que supoñan avances nos dereitos laborais e na mellora dos recursos contra a violencia machista.

Por todo isto, o Concello de San Sadurniño considera fundamental:

1. Apoiar, recoñecer e difundir as convocatorias do feminismo galego que neste 2024 sinalan os compromisos pendentes e incumpridos por diferentes institucións e ámbitos de responsabilidade e colocan novamente no centro do debate político e social as consecuencias para as mulleres galegas do sistema económico, social e político, agravadas polo impacto da pandemia, da crise de prezos, e expresar o compromiso desta corporación para traballar contribuíndo a superar esta situación.

2. Promover a participación activa das mulleres na vida política e social, con accións de sensibilización, capacitación, fomento do liderado feminino que permita que se consiga o contemplado na lei a respecto da paridade.

3. Aplicar medidas que garantan a igualdade salarial e de oportunidades no emprego, promovendo a participación equitativa das mulleres en todos os ámbitos.

4.Tomar decisións en todos os ámbitos institucionais para avanzar na igualdade real e efectiva das mulleres, rematando así coas desigualdades manifestas en todos os ámbitos referenciais para a sociedade: deporte, audiovisual, laboral, etc.

Share.