Convocadas as axudas para distintas actuacións de conservación ambiental e patrimonial en zonas Rede Natura 2000

0

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria bianual de subvencións financiadas con fondos europeos para investimentos non produtivos vinculados á consecución de obxectivos agroambientais e climáticos en zonas Rede Natura 2000. A estas axudas poderán acollerse particulares, asociacións ambientais (que sexan propietarias ou arrendatarias) e concellos, con posibilidade de obter ata 12.000 euros no caso das persoas físicas e colectivos e 20.000 se a solicitude a presenta unha Administración local. O interesante destas achegas son os proxectos que poderán acollerse a elas, posto que hai unha chea de posibilidades que van desde a mellora da paisaxe agraria ou a preparación de zonas para usos recreativos -rutas, áreas, sinalización, etc.- até a restauración de elementos tales como muíños ou hórreos, sempre e cando se atopen dentro da Rede Natura 2000 ou en terreos inmediatamente limítrofes. Hai un mes de prazo para presentar as solicitudes. 

En San Sadurniño están incluídas nesa rede os cauces do Xubia e do Castro e tamén a parte que toca no Forgoselo. Se miramos este mapa observamos que no noso concello a Rede vai desde o límite con Narón até Moeche seguindo uns dez metros a cada lado da ribeira do curso fluvial do Xubia. O mesmo ocorre no Castro desde a súa confluencia co Xubia até o seu nacemento -preto de onde se xuntan San Sadurniño, As Pontes, A Capela e As Somozas- coa particulariedade de que a medio camiño, nos Lamigueiros, en Naraío, a delimitación ábrese en dúas grandes liñas, unha que segue pola beira do río e outra que sobe monte arriba e que despois continúa bordeando o Forgoselo até a canteira do Castro, formando en toda esa zona unha grande área duns 20 km² dentro da que se atopan  23 lugares de Naraío e Igrexafeita.

As liña de axudas publicada hoxe pola Xunta para as anualidades 2022 e 2023 destinaranse a actuacións que busquen restaurar, preservar e mellorar a biodiversidade, os sistemas agrarios de alto valor natural e as paisaxes agrarias dentro destas zonas protexidas, pero tamén nos terreos inmediatamente limítrofes se os proxectos que se queiran levar a cabo son beneficiosos para o ámbito da Zona de Especial Conservación Xubia-Castro

As subvencións poderán solicitalas particulares, asociacións ambientalistas ou de custodia do territorio (se teñen terras en propiedade ou arrendadas en Rede Natura 2000) e incluso o propio Concello, presentando para iso proxectos con obxectivos ambientais -recuperación de humidais, eliminación de especies exóticas invasoras, preservación da vexetación de ribeira, medidas de protección de certos hábitats, corredores para a fauna salvaxe, etc.- ou ben cunha finalidade relacionada coa conservación e posta en valor do patrimonio natural e etnográfico: restaurar cercas ou muros de cachotería e cantaría, a creación de rutas e áreas recreativas ou a recuperación de elementos de valor cultural, como son hórreos, muíños, fornos comunitarios, cabanas tradicionais, fontes, etc. Ningunha das iniciativas subvencionadas poderá ter unha finalidade produtiva.

A achega será do 100% dos gastos subvencionables, cun tope de 12.000 euros se quen solicitan son particulares ou asociacións, e de 20.000 se a actuación é promovida por un municipio. Só se admitirá e subvencionará un único proxecto por solicitante. As subvencións concederanse aplicando criterios de puntuación obxectivos despois de avaliar todas as peticións.

O prazo dun mes para presentar as peticións abre este sábado 15 de xaneiro. Os particulares poderán facer o trámite indistintamente a través dos rexistros presenciais ou por vía electrónica, mentres que as entidades ambientalistas e os consistorios terán que utilizar obrigatoriamente a sede electrónica.

Canda o formulario de solicitude haberá que presentar un anteproxecto ou memoria técnica asinada por persoal competente na materia na que se describan os traballos ou actividades que se pretenden levar a cabo, a superficie, os obxectivos que se perseguen, os planos de situación e de detalle, un orzamento co ive desagregado e un calendario co prazo aproximado de execución. Unha vez que se confirme a adxudicación da axuda haberá 15 días para presentar o proxecto formal, que non será necesario se xa se achegou coa solicitude.

Se se van contratar unha parte ou a totalidade dos traballos, tamén haberá que adxuntar tres orzamentos propostos por empresas cuxo obxecto social se corresponda coa actividade que se vaia financiar.

Cómpre ter en conta, por último, que se se trata de obras de rehabilitación, estas non poderán levarse a cabo en bens catalogados como BIC. Ademais haberá que contar coas autorizacións sectoriais pertinentes para levalas a cabo, aínda que, no caso de que a subvención sexa concedida, xa levará implícita a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Ligazón á convocatoria

 

Share.