Comeza o IV Chanfaina Lab

0
A xornalista transmedia e investigadora da comunicación dixital María Yáñez foi a encargada esta mañá de abrir a cuarta edición do encontro audiovisual Chanfaina Lab que se desenvolve en San Sadurniño até o domingo. Yáñez ofreceu un obradoiro centrado no coñecemento dos memes e os gifs como novos xeitos de comunicación que, segundo ela “pulsa os mesmos mecanismos” que o humorismo e a retranca da cultura galega. Á sesión asistiron unha quincena de persoas. Pola tarde tocaralles aos realizadores Juan Lesta e Belén Montero, que impartirán un curso acelerado de montaxe con dispositivos móbiles.
Yáñez anda en todo o que cheire a dixital e experimental, dúas premisas que se dán no Chanfaina Lab que este ano a convidou para falar da construción de memes. O termo está definido desde hai corenta anos con distintas acepcións aínda que, se cadra, a que máis vén ao caso é a dunha unidade de coñecemento ou un contido multimedia que se transfire a través da Internet, principalmente polas redes sociais, cunha pretensión humorística, irónica ou crítica. Habitualmente están formados por unha imaxe e un texto, ou por unha pequena animación ou vídeo que poden levar ou non son.

“No obradoiro falamos de folclore dixital, que non ten nada que ver con gaitas electrónicas nin nada diso,  senón  que vimos como a cultura de internet se parece á cultura oral de toda a vida por como se transmite, a través de memes e de gifs animados, que van pasando de persoa a persoa sen que saibamos ben onde se producen pero que se fan virais. A xente recíbeos por distintos medios para logo traducilos e adaptalos á súa maneira”, explica a docente.

María Yáñez leva case dúas décadas analizando as relacións entre a cultura popular e as novas tecnoloxías e de que maneira as segundas configuran un escenario propio e xenuinamente galego, que bota man no caso dos memes dos mesmos mecanismos que a cultura oral tradicional coas coplas e os falares. “Agora cos memes ocorre o mesmo e por iso funcionan tan ben. Transmítense polo humor, pola retranca e porque fan tribo, reforzan a nosa identidade”, precisa Yáñez.

Na sesión, que tivo parte teórica e de práctica, participaron unha quincena de persoas, entre elas “chanfaineiros” e “chanfaineiras” veteranas como Cruz Piñón, Carmen Bouza, Carmen Couce,  Abel Vega, Bieito Beceiro ou Pablo Martínez, xunto con xente que se incorpora este ano ao encontro, como é o caso das responsables das Lolas de Cascarilla ou dúas das compoñentes da canle The Sungirls, que levan trazas de se converter en auténticas influencers tras só un vídeo publicado en youtube.

Máis obradoiros e chegada de cineastas
A partir das 16.30h. teremos un novo obradoiro dixital denominado  “Monta-móbil”. Trátase dun curso intensivo de montaxe con 15 prazas dispoñibles -todas cubertas-, centrado na edición de vídeo no móbil ou táblet para distribuílo despois polas redes ou xerar unha copia que se poida ver en distintos dispositivos. A actividade impartirana uan Lesta e Belén Montero, expertos en audiovisual e formación e fundadores da produtora Esferobite, da que saíron numerosos documentais e videoclips.

Tamén ao longo da tarde irán chegando o resto de participantes da Chanfaina Lab deste ano. Xuntaranse ás 18.00h. e despois darán unha volta por San Sadurniño para enchouparse do ambiente que deberán retratar cos seus filmes durante os próximos dous días. A iso das 20.00h. desenvolverase na Casa da Cultura a “Eira de cineastas”, na que se poderá ver unha peza de cada participante.

Nesta edición contaremos, entre outros, co monfortino Alberte Lobelle, a parlamentaria  Ana Pontón -quen xa participara na segunda edición do Chanfaina-, o investigador e programador Ángel Rueda, a cineasta pontevedresa Anxos Fazáns, a realizadora de Mazaricos Carmen Rey, a xornalista e documentalista Cristina de la Torre, a directora da Costa da Morte Olaia Sendón, o premiado o ano pasado en Cannes Oliver Laxe, e o cineasta experimental Vicente Vázquez. Neste ano o Chanfaina Lab conta ademais coa presenza de Portugal da man do director, programador e dinamizador Carlos Viana quen, ademais de ofrecer a súa charla sobre o cinema rural do país irmán, tamén creará unha peza durante a fin de semana.
Share.