Bellón&Maceiras, Os Enxebres de Cacheiras e Faragull@s, protagonistas dos concertos da IX Xornada de Cultura popular

0

Outra das citas que temos para este domingo é a IX Xornada de Cultura popular galega “Sobre mares e músicas populares” organizada pola Asociación Folclórica e Cultural Berros do Castro. O evento tira sempre da mesma estrutura, cunha parte formativa durante a mañá e a primeira metade da tarde, unha parte expositiva centrada na creación artística ou na recuperación do patrimonio e, por último, unha sección musical coa que se pecha a xornada e que, nesta ocasión, terá como protagonistas a Bellón&Maceiras Trío, ao grupo tradicional Os Enxebres de Cacheiras e á formación ferrolá Faragull@s. Os concertos -con entrada libre- comezarán ás 20.00h. na Casa da Cultura, onde tamén se poderá visitar ata o 6 de outubro a mostra “Mar” do fotógrafo Kiko Delgado. Para a parte formativa, centrada na afinación da gaita e impartida por Daniel Bellón, xa non quedan prazas desde hai varios días.

O mestre gaiteiro  falará sobre a afinación da gaita galega e tamén sobre ese universo minúsculo que é unha palleta. Veremos a afinación clásica da gaita e algunas variantes segundo as épocas e lugares, así como a escala temperada. O temario tratará os distintos elementos da gaita, a afinación natural, a afinación con cinta, a compensación do instrumento, a afinación a dúo e as posturas alternativas. Na parte da palleta abordarase a elección do modelo máis axeitado, como preparala e rodala e os movementos básicos. De feito, todas as persoas inscritas deberán levar cadansúa gaita e tamén algunhas palletas vellas coas que poder facer prácticas.

A convocatoria deste curso acelerado resultou ser un éxito e as prazas ofrecidas por Berros do Castro esgotáronse en escasos dous días. Mesmo foi necesario abrir unha lista de agarda debido ás peticións que seguían chegando.

O apartado de actuacións musicais -con entrada gratuíta ata completar aforo-  abrirao ás 20.00h. o propio Daniel Bellón acompañado de Diego Maceiras ao acordeón e de Cabe García ás cordas cun concerto didáctico no que se mostrarán algúns dos recursos explicados aos participantes no curso da mañá e parte da tarde. Bellón&Maceiras Trío son unha das formacións máis aclamadas da música galega, tal e como demostraron recentemente nas festas de Ferrol ou no Atlantikaldía de Errentería (Guipúzkoa). Ademais, Bellón e Maceiras tamén posúen en Fene unha escola de música onde se imparten unha quincena de disciplinas e que nos últimos anos logrou converterse nun dos principais referentes privados de Galicia no referido á aprendizaxe de música tradicional.

Ao remate do recital de Bellón&Maceiras a sesión continuará coa actuación dos Enxebres de Cacheiras. Este grupo tradicional naceu en 1939 e botou percorrendo Galicia case 50 anos. Tras unha década de silencio, en 2001 o neto dun dos seus compoñentes decide volver darlle pulo á formación como asociación cultural, coa finalidade de divulgar a cultura e tradicións populares de Galicia. Actualmente son un cuarteto no que se usan os mesmos instrumentos que usaba a agrupación orixinal fundada por Manuel Landeira.

A clausura da xornada correrá por conta do grupo ferrolán Faragull@s. Compóñeno seis intérpretes da música popular procedentes de diferentes formacións e asociacións da comarca de Ferrolterra. Contan cunha longa traxectoria cantando pezas do folclore galego, ademais doutras pertencentes á tradición de Castela, Asturias ou Portugal.

“Mar”, de Kiko Delgado, ata o 6 de outubro na Casa da Cultura
Quen acuda ao curso de afinación ou aos concertos da tarde atopará no recibidor da Casa da Cultura a colección de fotografías “Mar”, do fotoxornalista Kiko Delgado.

Colaborador da Axencia EFE e un habitual de todos os acontecementos informativos que se producen na comarca, Delgado exhibe a súa faceta máis artística rescatando a natureza e mesmo o lixo que cuspe o mar para retratalos coma se fosen persoas. A finalidade da colección é ofrecer un punto de vista distinto e alonxado das habituais estampas da costa de Ferrolterra, pero tamén concienciar sobre a contaminación dos nosos mares. “Mar” poderá visitarse ata o venres 6 de outubro.

A IX Xornada de Cultura popular está organizada pola AFC Berros do Castro, coa colaboración do Concello de San Sadurniño, da Deputación da Coruña e da Cooperativa de Meirás de Consumidores e Usuarios.

 

Share.