Ata o 18 de novembro poden presentarse propostas para o Orzamento Participativo 2023

0

Despois de dous anos de pandemia, o Concello de San Sadurniño retoma o proceso do Orzamento Participativo para recoller da veciñanza todas aquelas propostas susceptibles de ser executadas no próximo exercicio ou de entrar formar parte dunha bolsa de ideas que poderían levarse a cabo en anos sucesivos. Porén, a diferencia da fórmula que veu utilizándose desde 2008, nesta ocasión vanse introducir importantes novidades coas que se pretende implantar un modelo de participación máis áxil, máis operativo e tamén útil para a veciñanza. Os principais cambios son o da apertura dun prazo de tres semanas -até o 18 de novembro- para presentar propostas por escrito a través do Rexistro municipal, ou ben de maneira telemática por medio da Sede Electrónica ou dun formulario en Google Drive, xa activado. A segunda grande novidade é que a discusión e priorización das iniciativas vai concentrarse nunha única asemblea pública que terá lugar na Casa da Cultura o venres 25 de novembro a partir das 19:00h. 

A razón de introducir estes cambios é, segundo o titular de Participación, Manolo Varela, “axilizar o proceso de recollida de propostas” que ata 2019 viña desenvolvéndose mediante asembleas en todas as parroquias. “Co modelo de xuntanzas fomos vendo que nalgúns casos había pouca concreción nas peticións e que noutros as asembleas ou tiñan escasa asistencia ou se prolongaban innecesariamente falando de cuestións xerais con pouco encaixe nun proceso deste tipo. Por este motivo queremos darlle un novo impulso á participación poñendo ao alcance da veciñanza e das entidades novas canles para achegar as súas propostas e dándolles máis tempo para que as reflexionen e as preparen, co obxectivo de poñelas en común nunha asemblea xeral de onde sairá o listado de prioridades”.

Varela agarda que a mudanza no enfoque, que estará estruturado en tres fases, “dea mellor resultado” mantendo en todo caso a súa filosofía orixinal “de promover que a veciñanza se implique na toma de decisións sobre o futuro do seu concello”. A este respecto o concelleiro fai un chamamento á “máxima participación social” achegando propostas que cumpran os requisitos de “ser cuantificables, beneficiar ao maior número posible de persoas e ser asumibles polo Concello, ben sexa con recursos propios ou coa colaboración doutras Administracións”.

O titular da área de Participación incide, ademais, en que se teñan en conta “as actuais circunstancias de crise” e que neste sentido “se propoñan actuacións realistas, non imposibles” xunto con ideas “que axuden a optimizar a xestión dos recursos públicos”, complementando “desde a sociedade” os proxectos que deseñe o Goberno local de cara a 2023.

Con este punto de partida, o Orzamento Participativo 2023 está aberto ás achegas que formulen todas aquelas persoas empadroadas en San Sadurniño maiores de 16 anos, así como aquelas entidades radicadas no municipio. Todo o proceso terá dous momentos clave:

  •  Ata o 18 de novembro realizarase unha recollida de todas aquelas iniciativas e investimentos que a veciñanza queira propoñer aos orzamentos municipais do vindeiro 2023. As propostas poderán presentarse en formato papel no Rexistro municipal cubrindo o formulario que se enviará nestes días ás casas como encarte do Boletín Novas, dispoñible tamén para descarga en formato .doc, .odt e .pdf (editable e imprimible desde o navegador). Outra das vías para presentar as propostas é rexistrándoas pola Sede Electrónica -usando os modelos facilitados- ou por medio deste cuestionario publicado en Google Drive. Todas as achegas serán recollidas, ordenadas e avaliadas inicialmente polos servizos municipais. É obrigatorio cubrir os datos da persoa ou entidade propoñente.
  • Unha vez recollidas todas as achegas, o 25 de novembro ás 19:00h farase na Casa da Cultura unha única asemblea xeral aberta a toda a veciñanza que queira participar, na que se exporán as propostas presentadas e se establecerá un debate para avaliar a súa viabilidade  e o nivel de prioridade que deberían ter nos orzamentos municipais.

Por último, as propostas seleccionadas pola asemblea veciñal serán ordenadas e sistematizadas de acordo coa capacidade económica do Concello, que nestes momentos está deseñando o Orzamento municipal do ano que vén. Aquelas que sexan asumibles poderán ser incluídas no documento orzamentario, mentres que o resto quedarán nunha bolsa de ideas á espera de novas fontes de financiamento.

 

 

Share.