As crianzas da Rolada inícianse na seguridade viaria

0

Un garda do destacamento da Garda Civil de Tráfico de Ferrol visitou esta mañá a Escola Infantil Municipal A Rolada para ofrecerlles aos nenos e nenas -e tamén ás mestras- unha clase ben entretida de seguridade viaria. Con vídeos d’Os Bolechas, follas para pintar e unha linguaxe doada de comprender para rapazada tan miúda, o axente foi quen de transmitirlles conceptos como o significado das cores dun semáforo, a importancia de non soltarse da man de mamá ou papá cando se vai pola beirarrúa ou cruzando un paso peonil e incluso chamarlles a atención se collen o móbil cando van conducindo.

A charla -máis ben obradoiro participativo- forma parte do programa de concienciación escolar da DXT en materia de seguridade viaria. O propio encargado de impartila recoñecía antes do comezo a “dificultade” de traballar con nenas e nenos tan pequeniños. Unha tarefa que, porén, non é imposible se se fai cos materiais axeitados e traballando conceptos moi básicos, á par que útiles.

Así, o axente da Garda Civil de Tráfico faloulles do máis importante: facerlle caso sempre ao que din mamá e papá. Deseguido meteuse en faena para explicar cousas moi sinxelas que a rapazada pillou ao momento, entre elas que o vermello significa non pasar, que as raias brancas no chan indican por onde se debe cruzar -sempre na compaña dunha persoa maior-, que as nenas e nenos deben ir sempre sentados na súa cadeira cando vaian no coche ou que non se pode falar co móbil na man mentres se conduce.

Na explicación, o garda apoiouse en láminas nas que a cativería puido pintar e debuxar e, máis que nada, nunha das aventuras d’Os Bolechas, na que a cadela Chispa se converte en guía dunha persoa cega e debe aprender ela tamén o significado dos sinais e como camiñar pola rúa con total seguridade.

Ademais de ensinarlle á rapazada, a sesión tamén serviu para que as mestras do centro educativo consultasen dúbidas sobre a seguridade infantil nos medios de transporte públicos, onde non existe a obriga de utilizar cadeiras e outros dispositivos adaptados.

 

Share.