As axudas para rehabilitación e mellora de vivendas poden solicitarse desde hoxe

0

O Diario Oficial de Galicia publicou onte a orde que regula a convocatoria de axudas do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021, pensado para financiar obras de conservación, mellora da seguridade e accesibilidade tanto en vivendas individuais como en edificios. Dentro da convocatoria hai varias posibilidades, que van desde as rehabilitacións até a adaptación dos inmobles  para persoas con mobilidade reducida ou algunha discapacidade sensorial ou intelectual. Entrarían, por exemplo, obras na estrutura, nas fachadas ou nas cubertas, pero tamén a adaptación de baños e cociñas ou a instalación de salvaescaleiras e guindastres. Estas axudas poden solicitarse até o 22 de abril e cómpre non demorarse moito, xa que están suxeitas a dispoñibilidade de crédito. Dito doutra maneira, cando se esgote a partida económica reservada pola Xunta -680.000 euros para este ano- non se concederán máis axudas aínda que as solicitudes cumpran os requisitos. 

Segundo informa o departamento de Servizos Sociais, un dos apartados máis interesantes da convocatoria é o referido á mellora da accesibilidade en vivendas, tendo en conta que se financian, entre outras actuacións, a instalación de ascensores, salvaescaleiras, ramplas ou outros dispositivos –guindastres, por exemplo-, incluíndo os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial ou intelectual, así como calquera intervención que facilite a accesibilidade universal, como elementos de información ou de aviso ou dispositivos electrónicos de comunicación (videoporteiros). Tamén se poderán acoller ás axudas as obras de adaptación de baños ou cociñas, algo que pode mellorar a calidade de vida de persoas maiores ou coa mobilidade reducida.

As axudas poden solicitarse presencialmente dirixíndose á delegación provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo -o rexistro da documentación que corresponda pode facerse no Concello- ou a través da Sede Electrónica da Xunta, onde está resumido todo o programa. Ademais, se algunha persoa precisa axuda para tramitar a petición pode contactar cos Servizos Sociais municipais solicitando cita previa no 981 490 027 ext.1.

Hai que ter en conta, porén, que estas subvencións están condicionadas a que o Estado lle achegue á Xunta os fondos do Plan de Vivenda 2018-2021 e, ademais, que as actuacións non poderán terse iniciado antes do 1 de xaneiro e deberán estar executadas antes do 30 de novembro deste ano. Hai unha salvedade: as peticións que quedasen sen axuda o ano pasado por terse esgotado os fondos poderán volver solicitar este ano aínda que as obras se fixesen en 2020.

O mesmo ocorre coas obras de rehabilitación, orientadas a traballos de conservación da cimentación, da estrutura e das instalacións; a reparación de cubertas, azoteas, fachadas e medianeiras -incluído o proceso de desamiantado- e as relativas á adecuación interior da vivenda unifamiliar.

Estes apartados diríxense tanto a propietarias e propietarios particulares como a comunidades que queiran facer reparacións nos seus edificios. Incluso poderían acollerse a eles persoas que teñan unha vivenda alugada e que acorden coa dona do inmoble acometer as melloras a cambio do pagamento da renda.

O único inconveniente que teñen ambas axudas é a grande cantidade de documentación que cómpre presentar, o que pode retrasar o rexistro das solicitudes e, en consecuencia, incrementar a posibilidade de quedar sen calquera delas porque nese momento xa se teña esgotado o crédito autonómico. Por iso se recomenda bulir no posible e ter presente que o prazo remata o 22 de abril.

Convocatoria publicada no DOG
Procedemento na Sede Electrónica da Xunta
Anexos de solicitude para a tramitación presencial de cada tipo de axuda (PDF imprimible)

Share.