Arabías e o Concello presentarán o proxecto “O lavadoiro” o venres 25 na Casa da Cultura

0

A Deputación da Coruña avanzou recentemente os contidos e obxectivos de “O lavadoiro”, un programa de prevención, formación e sensibilización arredor da violencia machista que se vai desenvolver tanto en San Sadurniño como en Moeche. A iniciativa pretende crear un espazo para a abordaxe integral das violencias contra das mulleres, fomentando a sororidade pero tamén a participación dos homes con intención de avanzar cara a un modelo de masculinidade distinto, que interiorice e normalice a igualdade e que ademais se comprometa activamente coa erradicación da violencia machista. Agora toca poñer a andar o programa implicando nel á veciñanza. Para iso, o Concello e Arabías -a cooperativa que coordinará a iniciativa nos dous municipios- programaron unha presentación aberta a entidades e público en xeral que terá lugar na Casa da Cultura o próximo venres 25 de febreiro a partir das 16:30h.

A eliminación das violencias contra das mulleres susténtase en varias patas. Unha é a educativa, traballando nos centros de ensino para que a rapazada se eduque en igualdade e sen ningún prexuízo por razón de xénero. Outra é a de sensibilización, con campañas promovidas por institucións e colectivos para que a sociedade tome consciencia e conciencia da gravedade deste problema. A terceira -e non por iso menos importante- é a asistencial, na que están implicados municipios, Xunta, Estado, policías, a xustiza… para apoiar ás vítimas e habilitar medios que atallen as violencias machistas tan pronto como saltan as primeiras alarmas.

O proxecto “O lavadoiro” engade unha cuarta liña de acción, buscando crear unha rede veciñal de proximidade á que calquera muller poida acudir para atopar consello e axuda, sobre todo se se sente vítima dunha situación de violencia física ou psicolóxica. Por iso o programa toma o nome dos antigos lavadoiros públicos, que tradicionalmente foron espazos de irmandade feminina (sororidade) e de resistencia contra o machismo. “O lavadoiro” nace para crear un espazo de encontro feminista que ademais lle dea entrada aos homes e os emprace a lavar conxuntamente “os trapos sucios do machismo” de forma aberta e pública.

Con este punto de partida, “O lavadoiro” ofrecerá os seguintes servizos:

  • Atención psicolóxica dirixida a mulleres en situación de violencia machista
  • Formación especializada para mulleres que queiran formar parte dunha rede de prevención e apoio ante situacións de violencia machista, pero tamén para homes que queiran avanzar cara a outros modelos de masculinidade afastados da violencia e da discriminación das mulleres. No apartado formativo tamén entraría o persoal técnico municipal, de cara a garantir a integración transversal do principio de igualdade de xénero a nivel municipal.
  • O programa tamén traballará en colaboración coa Mesa de Cooperación Interinstitucional contra a violencia de xénero -da que forman parte entes dos dous concellos, como os centros de ensino, os servizos de atención médica, a Garda Civil, partidos políticos e persoal municipal- para planificar accións concretas de prevención e sensibilización neste ámbito.

“O lavadoiro” presentarase ao público o próximo venres 25 de febreiro na Casa da Cultura de San Sadurniño a partir das 16:30h, nun encontro aberto que tamén contará coa actuación da frautista local Erika González Pérez. A área municipal de Igualdade convida á veciñanza a participar na presentación e a sumarse ao proxecto. Neste sentido hoxe remitíronse convites a todo o tecido social do Concello, así como ao persoal municipal, aos grupos políticos e a representantes doutras administracións e institucións.

Ese mesmo día haberá unha segunda presentación ás 18:30h no centro cultural Francisco Piñeiro, en Abade, dirixida á veciñanza de Moeche e a aquelas persoas de San Sadurniño que por calquera motivo non puidesen acudir ao acto de media tarde na Casa da Cultura.

Quen queira ampliar información antes daquela ou entrar formar parte da iniciativa desde xa mesmo, pode contactar coa axente de Igualdade no 981 490 027 ext.1 ou no correo veronica.rodriguez@sansadurnino.gal.

Share.